A Xunta di que o baleirado dos encoros non é a causa da morte do marisco, senón que a forma de chover "está a variar"

A deputada do BNG Rosana Pérez reprochou á Xunta que non estude a incidencia do baleirado de encoros na mortalidade de bivalvos nas rías galegas e que o xustifique con que "chove moito".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Rosana Pérez reprochou á Xunta que non estude a incidencia do baleirado de encoros na mortalidade de bivalvos nas rías galegas e que o xustifique con que "chove moito", mentres a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, defendeu que os encoros están sometidos a un "estrito protocolo de seguridade e a un rigoroso marco de regulación" e que a forma de chover "variou".

Na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo no Parlamento de Galicia, a parlamentaria nacionalista sinalou que lle parece "incrible" que a Consellería do Mar "non queira elaborar un estudo sobre cal é a incidencia que ese baleirado dos encoros ten sobre o incremento da mortalidade de bivalvo nas rías en épocas de choivas". "A non ser que vostedes teñan xa un estudo e os demais sigamos nas minchas", cuestionou. Así, insistiu en que existe "abundantísima lexislación" que "lles obriga a velar pola calidade das augas e permítalles condicionar a explotación dos encoros se considera Augas de Galicia que poden estar en perigo persoas ou bens".

"Ante toneladas de marisco morto é lóxico que as persoas afectadas busquen explicacións e o argumento non pode ser ano tras ano que chove moito. Neste país choveu moito sempre, afortunadamente, e por desgraza tamén as eléctricas sempre fixeron o que lles deu a gana e agora ségueno facendo co consentimento expreso da Xunta, que lles dá prioridade antes que demostrar se os baleirados inciden ou non inciden na salinidade da auga e na mortalidade do marisco", resolveu. Neste sentido, relatou que existen probas gráficas do baleirado dalgún encoro coincidindo coa baixamar e a Xunta, engadiu, "non é capaz de investigalo e de porse á fronte".

A FORMA DE CHOVER "VARIOU"

Pola súa banda, a directora xeral insistiu en que a forma de chover "está a variar". Ademais, detallou que na ría de Arousa, a salinidade por baixo de 15 nun período de tres días "pode causar mortalidade", pero "ten un carácter moderado en berberechos ou ameixa babosa" e "cando baixa de 5, a mortalidade nestas especies xa se valora que vai ser severa", afectando tamén "á ameixa fina e xaponesa".

Susana Rodríguez xustificou que as "intensas choivas" entre outubro e novembro "superaron a media interanual do período entre 1981 e 2010" e que nas concas hidrográficas cara ás Rías Baixas "estes valores foron maiores". Así mesmo, destacou que con motivo da "veda extraordinaria", a Consellería "traballa co sector para habilitar axudas en 2024 para solicitar axudas que cubrirán embarcacións que traballan nestes bancos marisqueiros".

A representante de Mar tamén quixo subliñar que o Centro de Investigacións Mariñas (Cima) realizou unha avaliación da influencia destas choivas, entre as que mencionou as conclusións dos 'lombos do Ulla', onde se rexistraron "precipitacións que provocaron episodios de salinidade baixa" que, engadiu, "puideron provocar mortalidades severas nas poboacións de bivalvos". A pesar desta argumentación, a deputada do Bloque reiterou que esta problemática non se dá só nas rías de Muros e Noia e en Arousa. Sinalou que a ría de Pontevedra "está arrasada" e "gran parte da de Vigo está moi danada", así como Ferrol ou Camariñas.

Por iso, indicou que é "moi curioso e sintomático" que na súa primeira intervención non "pronunciase a palabra 'baleirado' ou 'encoros'". "Que houbo unha baixa salinidade, iso sabémolo todos; se xa sabemos que hai baixa salinidade e que iso afecta á mortalidade do marisco, que tamén o sabemos, teñen vostedes estudos que demostren a incidencia ou non do baleirado e limpeza dos encoros nesa baixa salinidade e por tanto no incremento da mortalidade do marisco?", insistiu antes de engadir que a Xunta só explica "que choveu moito".

"INFRAESTRUTURAS COMPLEXAS"

Na súa resposta, Susana Rodríguez afirmou que os encoros son "infraestruturas complexas" que están sometidos a un "estrito protocolo de seguridade e a un rigoroso marco de regulación". Así, aínda que na súa primeira intervención non fixo referencia aos encoros, algo que lle reprochou Rosana Pérez, Susana Rodríguez explicou que estas infraestruturas "xogan un papel importante no caudal dos ríos". "Se non houbese encoros, as puntas de caudal que chegan ao mar serían moito maiores", especificou. A continuación, apuntou que se se rexistra un período de seca, Mar detecta "que hai unha baixada de salinidade", pero "non é o caso deste episodio". "Hai unha razón que non é a apertura das comportas", defendeu.

MEDIDAS A TOMAR

Por outra banda, nesta mesma Comisión, o BNG presentou unha proposición non de lei sobre as medidas que debe adoptar o Goberno galego para atender á situación económica de mariscadoras e mariscadores, así como das confrarías, afectados os cesamentos da actividade e a caída da produción.

Marisco chegado á praia de Testal, en Noia
Marisco chegado á praia de Testal, en Noia | Fonte: Manuel María Candamo - Arquivo

En concreto, o BNG demandaba activar "todos os mecanismos orzamentarios que sexan necesarios para atender economicamente" aos profesionais que se visen afectados por esta situación ou crear un seguro público de produción marisqueira "que asegura unha produción mínima e garanta uns ingresos que lles permita aos mariscadores unha renda digna".

Esta iniciativa contou cos votos a favor de nacionalistas e socialistas e en contra do PPdeG, que sinalou que a Xunta "traballa co sector na solicitude ao Goberno para que se declaren as áreas das rías como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia polo impacto dos temporais nos últimos meses".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta