Pontón ve necesario "un goberno disposto a pór en marcha" cambios no ámbito forestal

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,avogou por unha ordenación multifuncional do monte co fin de "xerar máis economía de escala e máis valor engadido con madeiras de calidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, propuxo como eixos de actuación fundamentais no ámbito forestal a ordenación multifuncional do monte, o peche dos ciclos da cadea produtiva no sector da transformación da madeira e unha aposta pola innovación, tanto para xerar novos produtos con maior valor engadido como para combater o cambio climático.

Durante a súa visita ás instalacións de Finsa en Santiago, Pontón declarou que ve posible "que o monte sexa un recurso importante de desenvolvemento económico" de Galicia, pero que "é necesario un goberno disposto a pór en marcha os cambios estruturais precisos".

Tamén agradeceu ao consello directivo da empresa que lle permitisen visitar "unha das industrias máis importantes do país", nun sector "clave para o futuro de Galicia". Un exemplo de empresa "innovadora e sustentable", que pecha ciclos produtivos e pon en marcha un proxecto con raíces galegas e "unha clara vocación internacional".

A líder nacionalista puxo en común coa compañía algunhas propostas e desafíos que "Galicia ten por diante". Entre eles unha mellor xestión do monte e unha maior transformación de produtos madeireiros, posto que a comunidade autónoma acapara o 50% das cortas de todo o Estado, pero só representa o 13% en facturación e emprego.

Neste sentido, Pontón avogou por unha ordenación multifuncional do monte co fin de "xerar máis economía de escala e máis valor engadido con madeiras de calidade", á vez que afrontan o desafío do cambio climático. Destacou que "un monte produtivo é un monte ben conservado e máis resiliente aos incendios e fonte de desenvolvemento para o medio rural".

Tamén propuxo o desenvolvemento dunha estratexia que contribúa á transformación da madeira en primeiro e segundo grao. "Non só temos que cortar madeira, se non que tamén temos que ter capacidade para transformala", explicou. Nesta liña, é partidaria da innovación para xerar novos produtos, avanzar no deseño e estudar como facer máis resilientes os montes galegos fronte ao cambio climático.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta