Ser campaneiro en Galicia non dá para vivir, aínda que o toque manual de campás é Patrimonio da Humanidade

Toque de comezo da misa, toque polo falecemento dun neno, toque dunha embarazada que ía dar a luz, toque dos mariñeiros que volvían ás casas... "Unha campá nunca toca por tocar, sempre está a dicir algo", cóntanos José Andrés Barreiro, presidente da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, que nos descubre os segredos desta profesión tan antiga e tan nosa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/12/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As campás das igrexas galegas non son algo que simplemente é útil para chamar á misa, senón que forman parte do noso patrimonio, material e inmaterial, pois houbo un tempo no que a xente se guiaba polo seu son para facer vida e saber o que ocorría na vila, coma unha sorte de xornal de escoita, sen necesidade de lecturas nin de falar con ninguén. Os campaneiros, as persoas que as tocaban, tiñan un prestixio que os equiparaba a grandes señores, pois era un oficio que pasaba de xeración en xeración coma unha arte. Lamentablemente, hoxe por hoxe os campaneiros que quedan cóntanse cos dedos da man, aínda que cada vez hai máis mozos e mozas que se interesan polo oficio a modo de 'hobby'. E é que a introdución das novas tecnoloxías para o toque automático rematou por facer que pagarlle a un home por tocar xa non fose rentable. 

As campás de Mondoñedo
As campás de Mondoñedo | Fonte: Asociación Cultural Campaneiros de Galicia

Agora que fai pouco menos dun ano a Unesco declarou o toque manual español como Patrimonio da Humanidade, dende Galicia Confidencial quixemos achegarnos un pouco máis a esta profesión e coñecer cales son as igrexas galegas onde se continúa tocando a man e onde os campaneiros aínda están moi presentes. Para facelo, falamos con José Andrés Barreiro, o presidente de Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, e un home apaixoado polo oficio, que afirma que para tocar a campá o primeiro que hai que ter, ademais de ganas, é "un mínimo de ritmo". No seu caso, aínda que ben é certo que un avó seu foi campaneiro ata os seus últimos días, el aprendeu dun veciño da parroquia, pois "dende pequeno me encantaban as campás".

As agachadas para que non o pillase o cura, "subía de vez en cando ao campanario e, aproveitando cando tocaban os martelos automáticos, eu tocaba ao mesmo tempo". Pero o cura, don Manuel, non era tonto, e sabía o que acontecía, así que lle pediu a un veciño da parroquia que ensinase a José Andrés a tocar. "Un domingo subín e ensinoume, e a partir desa, todos os domingos subía e practicaba e tocaba a chamada á misa", recorda emocionado este campaneiro galego. Con todo, concede que "esta paixón non sempre vén de familia, senón que moitas veces é a propia persoa a que ten interese por aprender porque lle atrae o tema de tocar as campás". E hoxe por hoxe, despois de que a Unesco declarase o toque como Patrimonio da Humanidade, semella que a cousa "colleu un pouco de impulso", xa que "a xente deuse conta de que este toque é algo que debemos conservar".

Porque cando as campás soan, non soan por soar, senón que, como explica José Andrés, "todo ten un sentido, a campá non toca sen rumbo, senón que cando soa está a dicir algo". Dentro do que pode dicir hai moitas cousas: dende que vai haber misa, que xa comezou a misa, que morreu unha muller, un home ou un neno... E mesmo, antigamente, este campaneiro recorda que se tocaba cando unha muller en cinta ía dar a luz, para avisar da boa nova, toque que "en Santiago caeu en desuso no século XIX e en Mondoñedo no século XX". E había moitos máis toques, como o toque de agonía ou o toque de incendio, para avisar de que estaba a arder unha casa. Do mesmo xeito, tamén "nas zonas de costa, cando nas tardes viñan os mariñeiros de faenar, cada parroquia tocaba a súa campá e tocabaa longo para que cada mariñeiro soubera a onde dirixirse". Estes son só algúns exemplos de toques.

"NOS 60 A CALIDADE DE VIDA AUMENTOU E O SOLDO DUN CAMPANEIRO NON DABA"

Aprendendo a tocar a campá
Aprendendo a tocar a campá | Fonte: Asociación Cultural Campaneiros de Galicia

E que aconteceu? Se eran un elemento tan importante para as vilas, por que se deixou que os campaneiros fosen substituídos por martelos e outras tecnoloxías? Pois segundo José Andrés, o verdadeiro declive comezou a partir dos anos 60, cando se empezaron a implementar os martelos automáticos e cando "a xente comezou a buscar un medio de vida que dese para algo máis, porque o traballo de campaneiro non che daba para vivir". Así as cousas, "eu creo que ata os anos 60 hai unha cultura de subsistencia na que os campaneiros intentaban que o oficio lles dese o básico para vivir, pero xa logo, a partir dos 60, a calidade de vida da xente comezou a crecer e o traballo úsase como un medio para crecer persoalmente, porque todo o mundo quería cartos para poder ter un coche, unha casa, un móbil e certos caprichos, e o salario dun campaneiro non daba para iso", lamenta José Andrés. 

Por sorte, amósase contento de que hoxe por hoxe "hai moitos mozos que aprenden a tocar a campá porque lles gusta, lles atrae e lles chama a atención". Como un 'hobby', "hai moitos que axudan na súa parroquia e tocan nos funerais ou nos enterros". Iso si, José Andrés ten caro que "non poden facer disto o seu medio de vida, senón que poderíano poñer máis ben coma un complemento". E aínda que ben é certo que hai moitos toques diferentes para aprender, o feito de tocar a campá en si é algo que non é complicado, "digamos que isto ata os máis tontos poden facelo, non ten complicación e hoxe en día o número de toques reduciuse moito e as cousas son moito máis sinxelas", anima este campaneiro, que aínda recorda que antigamente se tocaba polo menos tres veces ao día: ao alba, ao mediodía e ao atardecer, porque "servían para orientar aos cidadáns no día, para que soubesen que era hora de levantarse, de almorzar ou de gardarse na casa co toque de ánimas".

"É MOI DOS ESPAÑOIS NON FIXARSE NO QUE SE TEN E CHORAR AO PERDELO"

O problema actual para os poucos campaneiros que quedan é que semella que nunha sociedade onde o ruído impera por todos os lados, o das campás molesta. "Nas cidades é campo en barbeito, porque na maioría abandonouse porque a moita xente lle molestaba o son da campá", afirma José Andrés, que recorda que fai pouco unha señora de Cangas do Morrazo denunciou ante o Concello que lle molestaba o son das campás da igrexa da zona, que non ten martelo, senón que nela se toca a man diariamente dende fai máis de cen anos e, "moi ao meu pesar, o Concello aceptou a denuncia". Isto é algo que ao campaneiro lle parece moi mal, pois "o Concello debería protexer o toque manual, sobre todo despois de que fose declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco". Con todo, asegura que "isto é algo que está moi nos españois: nunca fixarse no que se ten e deixalo perder para chorar polo perdido cando xa non se ten". Fronte a isto, pon o exemplo de lugares como Suiza, onde "xa fai 50 anos que se puxeron a catalogar os toques de campá e a protexelos, pero aquí sempre imos por detrás".

MONDOÑEDO, ÚNICA CATEDRAL ESPAÑOLA QUE NUNCA PERDEU O TOQUE MANUAL

Aínda que recoñece que hai lugares de Galicia onde as cousas se están a facer ben e nunca deixaron de facerse ben, como é o caso da catedral de Mondoñedo, "un sitio moi especial para min e para a asociación, porque alí comezou a nosa andadura", destaca José Andrés. Esta "é a única catedral que nunca perdeu o campaneiro nin o toque manual, e lévase tocando nela a man dende fai séculos, sen que nunca se puxesen martelos automáticos". De feito, en España hai outras catedrais como a de Valencia nas que tamén se toca a man e non hai martelos automáticos, pero "nela nos anos 60-70 electrificouse todo e foi nos 80-90 cando a asociación de campaneiros da catedral propuxo recuperar o toque manual e sacar toda a automatización". Por iso, "a única catedral española que nunca perdeu o toque manual é a de Mondoñedo, o cal ten moito mérito".

Ademais, parte dese mérito está tamén nunha particularidade do toque nesta catedral: o volteo de campás, algo "inusual en Galicia". José Andrés destaca que "moi poucas igrexas teñen o sistema de volteo de campás e, as poucas que o tiñan, no proceso de restauración, Patrimonio arrasou con elas, dicindo que era algo perxudicial para a torre". Algo co que tampouco está de acordo este campaneiro, que considera que "os antigos sabían máis que os de agora e se o facían así por algo sería". A modo de exemplo, recorda que o arzobispo de Madrid, Rouco Varela, quería unhas campás que soaran a Galicia para a súa catedral, que soaran como as galegas, e rematou por encargarllas á familia dos Ocampo, os únicos artesáns fundidores de campás que hai en Galicia e que levan traballando neste oficio uns 400 anos. Despois de que moitos enxeñeiros pasasen tempo e tempo tomando medidas para ver que peso e tamaño debían levar as campás, sen aclararse, chegou a familia Ocampo, fixo catro medidas, e rapidamente sacou as campás que debían ir para a torre da catedral de Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta