Estás preparando a cea de Nadal?... Coñece o que subiron os prezos do marisco nos últimos anos

O custe dunha cea de Nadal con ollomol, ameixas, pescada, percebes e cordeiro: 100 euros máis que fai oito anos

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/12/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Nadal é época de enchentas, sobre todo en Galicia. Non se pode negar que nas mesas galegas non falta de nada nestas datas: os mariscos máis caros, os peixes máis grandes, as mellores carnes... E o bo viño! E é que aínda que economicamente non estea o forno para bolos, un día é un día! Aínda que máis ben falamos de case un mes de celebracións constantes. As grandes superficies sábeno e, por iso, non dubidan en subir o prezo dos seus produtos ante semellante demanda. Queres saber canto de máis estás a pagar por un marisco ou un peixe polo feito de mercalo nestas datas e non antes? Dende a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizaron un estudo que aquí che detallamos. Advertencia: non sigas lendo se eres sensible, porque pode ser deprimente para ti e para o teu peto.

Pescadería
Pescadería | Fonte: Arquivo

Hai moitas familias que planifican as ceas e comidas de Nadal con antelación, de tal maneira que mercan con moita anticipación, mesmo cun mes, aqueles produtos non perecedoiros, como o turrón (que de aquí a pouco vai a comezar a estar nos supermercados xa en outubro). E aínda que hai quen poida mercar tamén peixe, carne e marisco un mes antes e conxelalo para facelo nestas datas, son os menos, pois todos sabemos que o sabor destes alimentos despois de conxelarse non é o mesmo. Así que son moitos os que se apuran a mercar a última hora para pillar os produtos o máis frescos posibles. Isto pode facer que ou ben queden sen eles porque xa remataron con todo ou que teñan que pagar un prezo moi elevado por eles, moito máis do que custan en realidade. 

Dende o observatorio da OCU comprobaron que os prezos dos alimentos típicos destas datas repiten este 2023 nos máximos do ano pasado. En concreto, analizaron unha selección de 16 produtos moi navideños: cordeiro leital para asar en cuartos, redondo de tenreira, pularda, pavo, xamón ibérico de cebo ao corte (50 %), lombarda, piña, granada, ollomol, robaliza de acuicultura, pescada ao corte, angulas, langostinos cocidos non conxelados (calibre 40/60), percebes galegos, ameixas babosas e ostras (unha ducia). Así, sobre esta selección recolleron os prezos dende finais de novembro, nunha primeira toma. E a segunda toma tivo lugar xusto despois da ponte da Constitución, cando xa se entrou de cheo en temporada pre-Nadal e, finalmente (aínda que isto será máis adiante), comprobarase o prezo deses mesmos 16 alimentos na véspera das festas. O resultado?

A CESTA DE NADAL, UN 44,4 % MÁIS CARA EN NOVEMBRO EN OITO ANOS

Un mes antes de Nadal, o cordeiro leital custaba este ano 18,6 euros o quilo, isto é, o mesmo que o pasado ano, pero con respecto ao 2015 subiu a frioleira dun 50 %, pois por aquel entón custaba tan só 12,4 euros o quilo. Unha subida semellante experimentou a lombarda, que custaba o pasado mes 1,9 euros o quilo, fronte aos 1,8 euros que custaba no 2022 e os 1,3 de 2015 (+ 50 %). Na mesma liña está a pescada, que en novembro se podía mercar a 13,2 euros, mesmo bastante máis barata que o pasado ano, cando custaba 15,1 euros o quilo, pero un 50 % máis cara que no 2015, cando se podía adquirir a un prezo de tan só 8,8 euros. Tamén cabe destacar o caso dos percebes galegos, que pasaron de custar 40,3 euros o quilo fai oito anos a estar o pasado mes nos 57,5 euros (+ 49 %).

O GROVE Mariscos
O GROVE Mariscos | Fonte: Remitida - Arquivo

Aínda que, sen dúbida, se hai que destacar algúns produtos que dispararon prezos nos últimos anos, hai que nomear os casos do ollomol e as ameixas. Este peixe que o pasado mes custaba 54,2 euros o quilo, fronte aos 48,7 de 2022, estaba no 2015 a tan só 19,6 euros. Isto supón unha subida en oito anos dun 177 %. E a tendencia semella que é a seguir crecendo. O caso das ameixas é bastante semellante. Se en novembro se pagaba polo quilo 28,7 euros, fronte aos 23,3 do pasado ano, en 2015 era suficiente con desembolsar polo quilo delas 13,1 euros. Así, en oito anos a súa suba foi do 120 %. Ver para crer!

Así mesmo, como outras subidas destacadas, aínda que non tan acusadas, temos as ostras, que este ano en novembro mesmo baixaron un pouco o seu prezo con respecto ao 2022, pasando dos 23 euros por quilo aos 21,8 euros. Pero, sobre o prezo que tiñan no 2015, que era de 16,1 euros, encarecéronse un 36 %. E mesmo a piña, algo do que moitas mesas prescinden, subiu bastante o seu custe. Se en novembro deste ano se pagaba a 1,8 euros o quilo, fai tan só oito anos estaba a 1,4 euros (+ 31 %). No caso do redondo de tenreira, pasouse de 15,4 euros por quilo en 2022 a 16,1 euros por quilo un mes antes de Nadal este 2023, pese a que no 2015 estaba a 13,4 (+ 20 %). O pavo, pola súa banda, pasou de 5,8 euros o quilo fai oito anos a 6,6 en novembro deste ano (+ 15 %); e o xamón ibérico, dee 50,4 euros o quilo en 2015 a 55,4 o pasado mes (+ 10 %). Finalmente, por destacar algún outro marisco, os langostinos pasaron de 10,4 euros en 2015 a 11,3 en novembro (+ 9 %).

En resumo, os pescados e mariscos son, por norma xeral, moito máis caros este ano que en anteriores, e iso que estamos a falar de a como estaban en novembro, non nestas datas xa próximas ao Nadal onde os prezos soben desenfreadamente. E aínda así, respecto ao ano 2015, a suba media no prezo dos produtos que compoñen unha boa cesta de Nadal foi de máis do 44 %. Unha auténtica barbaridade!

A CESTA DE NADAL, UN 47 % MÁIS CARA EN DECEMBRO QUE NO 2015

Xa despois da ponte de decembro, a OCU comparou o prezo que se lle puxo a estes mesmos produtos co que tiñan no mes de novembro e as sorpresas foron maiúsculas en moitos casos. En só dúas semanas os prezos subiran en prácticamente todo, de media, un 4,3 %. O que máis subiu de prezo foron os percebes galegos, que pasaron de estar a 57,50 euros o quilo o 25 de novembro a estar a 69,79 o 10 de decembro (+ 21 %). Tampouco se quedaron atrás as ameixas babosas, que pasaron de custar 28,69 euros o quilo a 34,57 (+ 20 %). Ao igual que a pescada ao corte, que pasou de 13,16 euros a 15,80 por quilo (+ 20 %).

Xa por debaixo destes valores tan notables, aínda que con subas nada despreciables, atopábanse as ostras (unha ducia), que pasaran de custar 21,83 euros o 25 de novembro a 23,76 o día 10 de decembro (+ 9 %); a robaliza, que subiu de 9,33 euros o quilo a 10,03 (+ 7 %); o xamón ibérico de cebo (50 %), que pasou de 55,40 euros o quilo a 57,04 (+ 3 %); o ollomol, que subiu de 54,21 euros o quilo a 55,44 (+ 2 %); o cordeiro, de 18,60 a 19,02 (+ 2 %); e o redondo de tenreira, que pasou de 16,14 euros o quilo o 25 de novembro a 16,28 euros o 10 de decembro (+ 1 %).

Con todo, tamén houbo algúns produtos que case non variaron o seu prezo, como o redondo, a pularda, o pavo ou os langostinos. E, entre as baixadas, as máis notables foron as da lombarda e a piña, que están agora un 6 % máis baratas que a finais do mes de novembro. Aínda que claro, a base de lombarda e piña non se come este Nadal. E en conxunto, os produtos da cesta son un 1,6 % máis caros de media este ano tras a ponte de decembro do que o eran o ano pasado polas mesmas datas. 

Ademais, fixándose na evolución de prezos que experimentaron os produtos este decembro con respecto ao decembro de 2015, pódese tamén comprobar que moitos alimentos están agora moito máis caros do que estiveron nunca, xa que, en xeral, os produtos de Nadal puxéronse a partir do 10 de decembro un 47 % máis caros do que o estaban en decembro de 2015. En concreto, o ollomol e as ameixas dispararon o seu prezo moi por enriba do 100 %. A pescada é agora un 74 % máis cara que no 2015. O cordeiro subiu en torno a un 50 % nestas nove tempadas navideñas e a lombarda fíxoo case un 40 %. Mentres que outros mariscos navideños, como os percebes ou as angulas, xa de por si prohibitivos, custan agora ao redor dun 60 % máis que no 2015. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Por máis voltas que lle queiras dar a VIDA subiu en 8 anos un 50% especialmente verduras, froitas, peixe e carnes de primeira... Das ameixas nin falar delas...! E agora escoito á Ministra Yolanda dicindo que están traballando para mellorar a vida dos traballadores... Serán os traballadores que nin comen nin pagan facturas... Pero así anda o conto polas Nubes e non falo da Cesta de Nadal.... Falamos de comer durante todo o ano, especialmente se pretendes comer san e fresco... A saúde é o que está en xogo co Goberno Progresista do Carallo ! Bo Nadal...