Por CMEstila | GC ABERTO | 18/07/2015
Cunha mestura de nervios, ilusión, responsabilidade e ansias por saír xa déronse cita hoxe no Aeroporto de Lavacolla un grupo de mozos que saen cara a Uganda para levar a cabo unha iniciativa solidaria en beneficio dunhas comunidades pobres que se algo teñen é simpatía e agradecemento para repartir. Estes mozos decidiron cambiar o sol e a praia por cemento e ladrillos, para mellorar as posibilidades educativas de neno e nenas dunha pequena aldea de África.
Por cuarto ano consecutivo o Colexio Maior Universitario La Estila adscrito á Universidade de Santiago organiza esta iniciativa solidaria que conta con grande aceptación entre universitarios galegos.
Os voluntarios pasarán en Uganda 3 semanas en Kimbo (Distrito de Gomba), a 80 km. de Kampala, capital de Uganda, traballando cun grupo de mozos ugandeses na construción e acondicionamento de escolas infantís.
Este Campo de Traballo promovido e organizado polo Colexio Maior La Estila, conta tamén coa colaboración entre outras entidades da Fundación Montecelo e a ONG ugandesa Kelim Foundation, responsable de proporcionar axuda técnica.
Os beneficiarios directos do proxecto cífranse ao redor de 100 familias e 400 nenos do distrito de Gomba. De modo indirecto beneficiaranse máis de 8.000 persoas, entre nenos, mozos e mulleres, desa zona próxima a Kampala.
O "Programa de Formación de Líderes Solidarios", que desenvolve o Colexio Maior La Estila complétase ao longo do curso académico con outras iniciativas tales como visitar asilos da cidade, colaborar na escolarización e apoio de nenos inmigrantes, visitar os martes pola tarde a Escola Infantil do Hospital Clínico de Santiago, etc.
O grupo de voluntarios españois, ao que se sumarán outros 13 mozos ugandeses, está integrado por Daniel Núñez Hernández,Antonio Legeren Molina, Hanko Kollmann, Miguel de la Cerda Couceiro, Eduardo Codesido Sánchez, Alberto Estévez García,Javier Rodríguez Borlado Martinez, Juan Miguel Rodríguez de Uña,Jaime Varela Ramos, Pablo Aragoneses González Herrero, Andrés González Alconchel e Mitchell Taylor.
Grazas a iniciativas solidarias como esta o Colexio Maior La Estila foi galardoado este ano pola ONG Cooperación Internacional co Premio á Agrupación Territorial máis Solidaria de España 2015.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.