Despedido por un chío en twitter

O Deportivo rexeita, despois de anunciala, a fichaxe do xogador arousán Julio Rey por escribir “Puta Dépor, puta Riazor” en twitter en outubro do 2012 cando tiña 17 anos.

Por gcdeportes | A Coruña | 21/07/2015 | Actualizada ás 08:49

Comparte esta noticia

Como a alcaldesa de Madrid Manuela Carmena co concelleiro Guillermo Zapata polos seus chíos antigos, o Deportivo deu marcha atrás na fichaxe do xogador arousán Julio Rey por un comentario que escribiu en 2012 e que recollía insultos graves ao club coruñés. En outubro de 2012, no seu twitter xa eliminado, o rapaz de 17 anos escribira: “Puta Dépor, puta Riazor”.

Este luns a media tarde, o Deportivo anunciou a fichaxe para o Fabril do futbolista galego, procedente do Espanyol e que agora conta con 20 anos, tras firmar ambalas dúas partes o contrato que lles ía vincular por un ano. Os seareiros deportivistas atoparon o chío antigo e a polémica correu de xeito inmediato polas redes sociais. Horas máis tarde, xa preto da noite, o Deportivo botouse atrás e decidiu rachar o acordo acadado tras analizar “os desafortunados comentarios vertidos polo xogador no seu perfil persoal nas redes sociais”.

“O Real Club Deportivo entende que un xogador merece vestir a camisola branquiazul se é un exemplo de deportividade, respecto polos rivais, compromiso e sentimento positivo cara ao Dépor, as súas cores, o seu escudo e os valores que a institución representa”, sinala o club no seu comunicado.

O xogador arousán, coa camisola do Espanyol.
O xogador arousán, coa camisola do Espanyol.

Julio Rey formouse na canteira do Arosa, de onde foi fichado para o xuvenil do Espanyol. A tempada pasada estivo cedido no Pobla de Mafumet, da Terceira División catalá, co que acadou o ascenso a Segunda B. Mentres, o Fabril, filial do Dépor, principia este martes os adestramentos de cara a unha nova tempada na Terceira galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta