O Pontevedra xa traballa

O equipo de Luisito, o último dos galegos en arrincar, volve aos adestramentos con catro fichaxes pero aínda co plantel sen pechar. O dianteiro canario Borjas Martín, o último en chegar.

Por gcdeportes | Pontevedra | 23/07/2015 | Actualizada ás 09:34

Comparte esta noticia

Con menos dun mes de vacacións (ascendeu o 27 de xuño) e xusto un mes antes de que o Guijuelo visite Pasarón (22-23 de agosto) para principiar a Liga da volta a Segunda B. Sen tempo que perder, o Pontevedra de Luisito, o último dos equipos galegos en principiar, botou a andar este mércores cunha dobre sesión de adestramento pero co plantel aínda por pechar.

O plantel do Pontevedra, no primeiro día da volta ao traballo. / Cristina Saiz / pontevedraviva.com
O plantel do Pontevedra, no primeiro día da volta ao traballo. / Cristina Saiz / pontevedraviva.com

Estiveron as tres primeiras fichaxes --Álex Fernández, Jandrín e Miky-- e este xoves será presentada a cuarta: o dianteiro canario Borjas Martín, procedente do Atlético Astorga, onde a pasada tempada fixo 13 goles. Luisito recupera para o seu equipo a Álex Fernández, un dos homes de confianza do técnico de Cacheiras no desaparecido Ourense.

Tanto o técnico Luisito como a presidenta Lupe Murillo insisten unha e outra vez en que o obxectivo dos granates, tras catro tempadas en Terceira, é a permanencia, cun orzamento entre os máis baixos da categoría que dificulta as fichaxes para completar o equipo. Tralo anuncio da chegada do dianteiro Borjas Martín, faltarían aínda dous ou tres reforzos máis.

Os futbolistas que participaron na primeira sesión foron os porteiros Edu Sousa e Sergio Lloves e os xogadores Anxo, Campillo, Pablo, Capi, Adrián Mouriño, Bruno, Kevin Presa, Pedro García, Tomás Abelleira, Jacobo, Tubo e Pablo Carnero, máis as fichaxes Álex Fernández (Coruxo), Jandrín (Real Avilés) e Miky (Rápido de Bouzas). E o lateral Miguel Loureiro, que a pasada campaña militou no xuvenil do Celta e que está a proba.

Xa non estaba no adestramento Fran Fandiño, que xogará cedido no Arosa, pero si Álvaro Muñiz e Miguel Centrón, que aínda así non entran nos plans do corpo técnico. Súmanse ás baixas anunciadas de Benja, Rubén Lobato e Jorge Rodríguez, artífice do ascenso cos seus catro goles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta