Coadores xiratorios "made in Sri Lanka", a arma dos voluntarios para loitar contra os microplásticos

O buque portacontedores 'X-Press Pearl' de Singapur incendiouse na costa de Colombo, en Sri Lanka, no ano 2021. Despois de arder durante un total de 12 días, o navío afundiuse o 2 de xuño, mentres estaba a ser remolcado a augas máis profundas. Tres contedores transportaban 78.000 quilos de pellets que chegaron ás costas. As autoridades realizaron labores de limpeza e xestión exemplares.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O buque portacontedores 'X-Press Pearl' de Singapur incendiouse na costa de Colombo, en Sri Lanka, no ano 2021. Despois de arder durante un total de 12 días, o navío afundiuse o 2 de xuño, mentres estaba a ser remolcado a augas máis profundas. Aquí comezou o que é considerado pola Organización das Nacións Unidas como o peor desastre ecolóxico mariño da historia de Sri Lanka. Non só pola complexidade da gama de contaminantes implicados no incidente (petróleo, produtos químicos perigosos e plásticos) ou pola falta de claridade sobre a natureza e o estado dunha parte substancial da carga do buque, senón especialmente por representar a maior vertedura de plástico rexistrado até o momento.

Tromel para separar os pellets da area en Sri Lanka
Tromel para separar os pellets da area en Sri Lanka | Fonte: Pearl Protectors - Arquivo

E é que o 'X-Press Pearl' transportaba (ademais de 81 contedores que foron considerados como perigosamente tóxicos e dañinos) unha importante carga de pellets de plástico, como os que apareceron nas costas galegas durante o último mes a consecuencia da perda de parte da carga do buque 'Toconao' á altura de Viana do Castelo. Segundo informou en 2021 a Autoridade de Protección Ambiental Marítima de Sri Lanka (MEPA), o barco transportaba tres contedores de gránulos de resina plástica, cada un cun peso de 26.000 quilos. Isto é, un total de 78.000 quilos de pellets de plástico. Unha cifra que Nacións Unidas elevou daquela a 1.680 toneladas.

No caso da catástrofe galega, o que se sabe ata o de agora é que o buque perdeu uns 1.000 sacos de 25 quilos cada un, é dicir, a perda chegaría ata os 25.000 quilos. Ao longo de centos de quilómetros da costa da illa de Sri Lanka, dende Mannar, no norte, ata Kirinda, no sur, apareceron millóns e mesmo miles de millóns de pellets. A maioría deles estaban parcialmente queimados e contaminados con produtos químicos e restos do verquido do barco, o cal supoñía unha ameaza aínda maior para a vida mariña e tamén para a comunidade local. A catástrofe xerou un grande esforzo de limpeza.

Os pellets de plástico ('nurdles' en ingles), pequenas boliñas de plástico utilizadas na pre-produción de plástico, forman parte da materia prima utilizada para fabricar moitos dos plásticos que utilizamos no noso día a día. Están compostos de diferentes tipos de plásticos (polietileno, polipropileno, poliestireno, cloruro de polivinilo ou outros) e cando son vertidos flotan ou afúndense, unha propiedade que está a ser utilizada polo voluntariado galego para retiralos dos areais, onde se meten nun capacho con auga para separalos da area, que queda no fondo, mentres as boliñas frotan e poden ser retiradas con maior facilidade.

As autoridades de Sri Lanka desenvolveron unha campaña de limpeza exemplar do vertido de plástico centrándose, non obstante, en cuestións como determinar a perigosidade ou non dos pellets, así como en perfeccionar técnicas de limpeza que minimizaran a extracción de area buscando minimizar danos ambientais inadvertidos provocados pola limpeza dos microplásticos. A Armada de Sri Lanka e a Autoridade de Proteción do Medio Ambiente Mariño (MEPA) organizaron case a 50.000 persoas da localidade, principalmente mulleres, para recolectar os pellets e outros desfeitos, recolectando máis de 60.000 bolsas de 50 quilos.

Separando os pellets en Sri Lanka con tromel
Separando os pellets en Sri Lanka con tromel | Fonte: Roar Media - Arquivo

As mulleres retiraron os pellets con máquinas tromel, uns coadores xiratorios en forma de tambor que filtran os pellets de plástico da area. Estes mesmos coadores son os que están pensando en fabricar os voluntarios galegos que estes días estiveron recollendo unha a unha estas pequenas boliñas de plástico. Vendo que as praias se lle quedaban demasiado grandes porque a cantidade era tal que resultaba moi complexa a limpeza boliña a boliña, xa circulan entre os grupos organizados para a limpeza estes vídeos como idea alternativa. 

En Sri Lanka as mulleres tamén usaron outros métodos, como colalos de forma manual ou simplemente recollelos, o mesmo que están a facer os nosos voluntarios. Entre todas, só na praia de Sarakkuwa, conseguiron un promedio diario duns 80 ou 100 quilos de pellets e desfeitos recollidos, que logo cambiaban por 3.000 rupias (11 libras) ao día co goberno. Con todo, e aínda que se retiraron os montóns más grandes de pellets, non era máis que a punta do iceberg, pois debaixo aínda había moito máis, soterrados na area. A catástrofe de Sri Lanka tivo un importante impacto na economía e nas comunidades da súa costa (máis de 20.000 familias que dependían do mar tiveron que deixar de pescar).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 bah

Está claro que la gente sólo se preocupa de lo que vé. Los microplásticos ya están en todas partes, y no se pueden eliminar con coladores. A la gente le cuentas sobre disruptores endocrinos y como quien oye llover. Pero si hay microplásticos en mi playita, alarma nacional, el gobierno tiene que hacer algo.