A fin da fraude do mexilón falsamente galego?

Os mexiloeiros acaban de gañar unha batalla, pode que histórica. Nesta entrevista o presidente Consello Regulador do Mexilón avalía a sentencia que castiga enlatar chorito chileno como "de las Rías Gallegas". A pasividade do Goberno e a marea vermella son parte tamén da conversa con Francisco Alcalde.

Por Manuel Vilas | Vilagarcía de Arousa | 29/07/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra vén de ditar sentenza pola que condena á conserveira Javimar polo uso das mencións "de las Rías Gallegas", "fabricado en Galicia" e "envasado en Galicia" nas súas conservas, sen estar amparadas pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.  Calquera que vaia a un supermercado  sabe que é frecuente que as conserverias abusen de termos laxos como "fabricado en Galicia" , por que se produce esta situación?

Francisco Alcalde, responsábel do Consello Regulador do Mexillón de Galicia
Francisco Alcalde, responsábel do Consello Regulador do Mexillón de Galicia

Cando algunhas conserveiras galegas empezaron a utilizar nos seus produtos molusco importado, o resto da industria conserveira consciente de que esta práctica supoñía a usurpación da reputación e notoriedade da que gozaba o mexillón galego empezaron a utilizar a mención "de las Rías Gallegas" buscando identificar a autenticidade do mexillón cultivado e transformado en Galicia. Pero pronto as conserveiras que procesaban molusco foráneo acabaron utilizando tal mención. Ninguén impediu que o mercado se convertese nun fraude xeneralizado ao consumidor. Erradicar este tipo de mencións alusivas á orixe galega do mexillón converteuse nunha demanda das empresas de transformación que procesan mexillón galego. A partir da concesión da DOP Mexillón de Galicia por parte da UE, usar referencias á orixe galega do mexillón en calquera das súas presentacións comerciais só é legal se están inscritas no Consello Regulador, a quen corresponde o control e certificación da autenticidade do mexillón cultivado, transformado e elaborado en Galicia.

Até que punto este fraude prexudica ao sector?

Dende a entrada en vigor do Acordo de Libre Comercio da UE con Chile, que estableceu no 2007 un arancel cero para as exportacións chilenas, o Consello Regulador detectou unha progresiva substitución do Mexillón de Galicia polo chorito chileno nos enlatados. Antes desa data nos portos galegos arredor do 70% do mexillón comercializábase con destino á industria transformadora, actualmente oscila entre o 30 e o 40%, o que supón unha redución de demanda de aproximadamente 90 millóns de quilos ao ano. E dáse a circunstancia de que os principais importadores de chorito chileno á Unión Europea son empresas galegas que, en moitas ocasións, xogan ao equívoco coa información sobre a orixe do produto, aproveitándose así do prestixio adquirido pola DOP Mexillón de Galicia. Esta situación, aparte de lesionar os dereitos do consumidor, está a debilitar ás industrias conserveiras que traballan con mexillón cultivado en Galicia, que poderían verse abocadas a pechar as súas portas, incrementando os niveis de desemprego nas comarcas dependentes do mar.

Se logran que esta sentencia sexa firme, implica que acabouse o abuso por parte das conserveiras de vender mexillón de fóra como galego?

Unha sentenza non cambia o mundo pero axuda a cambiar o rumbo. Ata o de agora estivéronse facendo difusión interesada de determinadas crenzas sobre a DOP: que si afecta exclusivamente ao fresco e non abrangue á conserva, que si é mellor unha IXP, que si se pode poñer libremente fabricado en Galicia, etc. A partires da sentenza, estas cuestións van quedar como opinións interesadas pero sen fundamento. Polo tanto esta sentenza vai cambiar necesariamente actitudes de moitos, operadores, administracións, etc.

«¡Cómo no va a poder poner fabricada en Galicia una conserva que ha sido fabricada en Galicia! ¿Qué tiene que poner, que ha sido fabricada en Alemania?». Así reaccionou Juan Manuel Vieites, secretario de Anfaco (a patronal conserveira) á sentencia. Que lle parece a súa argumentación? Non están os conserveiros do país disparándose no seu propio pé ao tratar de vender como galego mexilón chileno?

Como expliquei anteriormente esta situación foi creada por unha parte da industria conserveira que ten o seu interese no mexillón de terceiros países e por quen defende eses intereses de xeito colectivo. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia veuse na obriga de solventar esa situación de fraude na etiquetaxe e engano ao consumidor, e de recuperar o prestixio e notoriedade que ten o mexillón galego en contra de quen ilegalmente o estaba a usurpar e en beneficio das empresas que teñen dereito a el. E para elo hai un instrumento legal que son as Denominacións de Orixe, que teñen unha normativa de protección que impiden que ningún produto poida facer referencia á orixe xeográfica se non está certificado polo correspondente Consello Regulador. No caso do Mexillón de Galicia o que se está aplicando é esa legalidade. O resto son comentarios e opinións que non cadran dentro do campo da legalidade vixente, senón que están na defensa dos intereses que xeraron esta situación.

Vostedes acaban de lanzar unha campaña en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Que podemos facer como consumidores para evitar este abuso?

O Consello Regulador firmou un convenio marco coa UCGAL que expresa a vontade de colaboración para realizar actividades precisamente para dar resposta a un problema común. Os consumidores e o sector do Mexillón de Galicia comparten a fraude e a ocultación de información na etiquetaxe das conservas de mexillón. Os primeiros, porque ven menoscabados os seus dereitos, e o segundo, porque as malas prácticas na etiquetaxe están comprometendo a viabilidade socioeconómica do sector. No mesmo acto da firma do convenio, presentouse un impactante spot de sensibilización para alertar aos consumidores das etiquetas enganosas das conservas coa finalidade de recoñecer a única marca que garante a orixe galega do mexillón, o selo da Denominación de Orixe Protexida. O vídeo, baixo o título "Mexillón de Galicia, marisco de etiqueta", pódese atopar nas redes sociais de Mexillón de Galicia, e está sendo moi visionado e compartido, o que supón unha acción formativa moi importante.

Todo o produto fresco que hai nos mercados do país é galego ou tamén é recomendábel comprobar a etiqueta?

Nas distintas presentacións comerciais, fresco ou transformado -conserva, pasteurizado, conxelado, etc-, en ningunha delas o consumidor vai ter garantido a orixe galega do produto se non ten o selo da DOP Mexillón de Galicia, xa que é a única mención legal que pode certificar a orixe galega do mexillón fresco e do transformado, tal como se ten recoñecido nesta sentenza que non fai outra cousa que transcribir a protección que consta no Regulamento europeo de protección das DOPs.

Vostede declarou que "a Consellería de Medio Rural e do Mar e o Instituto Galego de Consumo deberían asumir un cambio de actitude neste tema". En que se sinten desprotexidos por parte da Administración Autonómica?

As administracións e dependencias oficiais que teñen competencia no tema son as responsables do control oficial e do cumprimento da legalidade. Nós levamos anos solicitándolles actuacións contundentes para erradicar as ilegalidades na etiquetaxe dos produtos do mexillón, sen embargo, todos os días seguimos a ver no mercado que a normativa está sendo vulnerada no que se refire ao etiquetado dos produtos do mexillón, e o Consello Regulador veuse na necesidade de realizar estas actuación por ausencia dos controis oficiais que repito, son obriga da administración.

A Xunta leva tempo acusando ao sector produtor de non ser capaz de modernizarse debido a súa atomización. Mellorou algo esta eiva ou o sector mexiloeiro segue a ser, básicamente, explotacións de carácter familiar?

A atomización do sector mexilloeiro non é nin o principal nin o máis grave problema que sofre na actualidade a industria do mexillón. Nós puxémonos a disposición da Consellería do Medio Rural e do Mar para colaborar en todos aqueles temas que foran de mutuo interese, e propuxemos elaborar un plan estratéxico que defina as necesidades e o futuro do sector e procurar medidas e actuacións que puideran contribuír a revitalizar un sector clave da economía galega con ampla incidencia socioeconómica nas zonas costeiras. Contribuíndo con elo a deseñar verdadeiras políticas de defensa dos recursos e sectores primarios de Galicia que están en verdadeiro retroceso produtivo.

Antes do 25 de Xullo a práctica totalidade dos polígonos estaban pechados pola marea vermella. Como evolucionou a situación nestes días? Está a salvo a campaña?

Estes tres últimos anos as mareas vermellas estannos castigando duramente. Cada vez son mais extensas xeograficamente, mais duradeiras con períodos mais longos, e mais intensas, ata chegar a pechar os infaunais, marisco de cuncha branca. Ademais afecta no momento en que o mexillón está nas mellores condicións, e este ano ten unha calidade suprema. Se non abre rápido vai alterar o ciclo produtivo, e a campaña do ano que ven pode verse afectada negativamente. Ademais, se non se vende, as empresas do sector vanse ver afectadas por falta de liquidez, o que podería levar aparellado problemas de maior envergadura. Resulta imprescindible investigarmos as causas que afectan a esta evolución das mareas vermellas, e analizar todos os factores relacionados para mirar de buscar solucións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta