O PSOE busca frear a moción de censura na Mancomunidade do Salnés pedindo "medidas cautelares"

Os socialistas solicitarán tamén de inmediato un informe á secretaria da Macomunidade sobre a legalidade da moción de censura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2024 | Actualizada ás 19:55

Comparte esta noticia

Os representantes socialistas na Mancomunidade do Salnés solicitarán nos tribunais medidas cautelares para tratar de impedir a celebración do pleno no que se debaterá a moción de censurapresentada polo PP e dous concelleiros independentes de Meaño.

Segundo explicou en rolda de prensa este xoves a presidenta da mancomunidade, Marta Giráldez, os socialistas solicitarán tamén de inmediato un informe á secretaria da institución sobre a legalidade da moción de censura.

En calquera caso, os representantes do PSdeG-PSOE confían en que as medidas cautelares sexan aceptadas e o pleno mancomunado, que debería convocarse antes do 23 de xaneiro, non chegue a celebrarse ata que se coñeza a resolución do informe.

"A partir de aí tomaremos as decisións", anunciou a tamén alcaldesa de Meis, que lembrou que hai precedentes de que en mancomunidades que, como a do Salnés, os seus estatutos non contemplan a figura da moción de censura, tense dado a batalla nos tribunais. "E nós ímola a dar", solicitou.

A presidenta da entidade comarcal, Marta Giráldez, estivo arroupada na comparecencia ante os medios por alcaldes compañeiros de partido, como o presidente da Fegamp e rexedor de Vilagarcía, Alberto Varela, ou os seus homólogos en Cambados, Samuel Lago, e da Illa de Arousa, Luís Arousa.

"COMPRA DE VONTADES"

Marta Giráldez reiterou que "sentía mágoa" ante os argumentos expostos para xustificar esta moción, pois considera que "desde logo non ten por obxecto censurar a miña xestión", senón que ve como unha "compra de vontades".

Tamén dixo sentir "rabia" porque a moción de censura promovida polo PP co apoio dos dous concelleiros de Veciños de Meaño e Meaño Independente "chegou a callar por reunións en despachos e por compra de vontades".

Neste sentido, Giráldez solicitou ao representante de Meaño Independente, José Aspérez, que explique publicamente "que lle ofreceu agora o PP para cambiar o sentido do seu voto" respecto de fai tres meses.

Os representantes socialistas reafirmaron a súa confianza en que os tribunais paralicen a manobra para substituír a presidencia da Mancomunidade do Salnés. "Pero se nos temos que ir, irémonos coa cabeza ben alta. Co orgullo de traballar en beneficio dos veciños deesta comarca, sen ningún outro interese escuro nin espurio", remarcou.

Marta Giráldez
Marta Giráldez | Fonte: Facebook

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta