Un Obra de altura

O pivote estadounidense Alec Brown, de 2,13 e 23 anos, anuncia en twitter a súa fichaxe polo equipo compostelán, que conta xa con oito xogadores para a tempada 2015-16.

Por gcdeportes | Compostela | 29/07/2015 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

“Emocionado de anunciar que xogarei no Obradoiro en España esta tempada. Estou desexando que chegue esta gran oportunidade”. Con estas verbas anunciou Alec Brown no seu twiter (@AlecBrown21) a súa fichaxe polo equipo compostelán. Xa estivo a piques de fichar a tempada pasada, pero impediuno unha lesión no ombreiro.

Alec Brown, un pivote de 2,13 para o Obra.
Alec Brown, un pivote de 2,13 para o Obra.

Trátase dun pivote de 2,13 e 23 anos, que destaca pola súa rapidez e polo seu tiro de longa distancia que contrasta coa súa altura, que tamén sabe aproveitar no xogo interior. É un xogador moi completo en ataque, que conta cunha gran variedade de recursos.

Foi seleccionado no draft do 2014 polos Phoenix Suns no posto 50. Na liga de verán mancouse no ombreiro, polo que acabou xogando no Bakersfield Jam, equipo afiliado aos Suns, da D-League (liga de desenvolvemento vinculada á NBA), con 6,7 puntos e 3,4 rebotes por partido, moi lonxe dos 15,7 puntos, 5,6 rebotes e 3 tapóns no seu último ano na NCAA coa Universidade de Green Bay. En Sar formará unha parella de altura xunto con Artem Pustovyi, o xigante ucraíno de 2,16.

Á espera da confirmación oficial por parte do club, coa chegada de Alec Brown o Obradoiro conta xa con oito xogadores no plantel para a tempada 2015-16: Pepe Pozas e Fran Cárdenas como bases; Adam Waczynski, Bendzius e Santiago Yusta como aleiros; e Juanjo Triguero, Artem Pustovyi e Alec Brown como pivotes. Ademáis, ten unha opción sobre Tyler Haws, que será efectiva este venres se o escolta estadounidense non acada un contrato na NBA. Jesús Chagoyen podería ser o quinto pivote, polo que ao adestrador Mocho Fernández faltaríalle tan só o base titular e outro home para o xogo interior.

Artigo de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta