Comezan as obras no Hospital Clínico para ampliar espazo de consultas externas e probas

O obxectivo das actuacións iniciadas é habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2024 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou o inicio das obras do edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago, uns traballos que se desenvolven no marco do proxecto de ampliación do complexo que se está acometendo e que permitirán ampliar espazos para consultas externas e probas funcionais.

En concreto, o obxectivo das actuacións iniciadas é habilitar case 5.300 metros cadrados de nova superficie neste edificio C, destinado a consultas externas e probas funcionais. A ampliación executarase cara ao leste, con 5 plantas coincidentes coas actuais, comunicándose cos eixos de circulación xeral do edificio e cun núcleo de comunicacións situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur.

Os traballos enmárcanse no proxecto de ampliación do Hospital Clínico, cuxas obras xa están en marcha e suporán un investimento de máis de 70,5 millóns de euros. Trátase de aumentar a superficie do actual hospital en case un 30%, mellorando a prestación sanitaria de 450.000 cidadáns.

A intervención, ademais do citado edificio C, tamén inclúe a ampliación do edificio A, no que se atopa a área de hospitalización, os servizos centrais e as emerxencias, en pártea sur do edificio existente, cara ao oeste. No caso do edificio A, a superficie ampliarase en preto de 29.000 metros cadrados, acometendo a demolición de 2.000 metros para axustar e encaixar as novas instalacións.

A ampliación do CHUS, no seu conxunto, permitirá dispor de 5 novas unidades de hospitalización con 36 camas cada unha e unha nova unidade de hematología de 28 camas, sumando 208 camas máis e permitindo que as habitacións sexan dobres ou individuais. O incremento de superficie tamén posibilitará aumentar as urxencias pediátricas e reformar as de adultos, así como incorporar 7 novos quirófanos.

Inicio das obras do Hospital Clínico de Santiago.. CONSELLERÍA DE SANIDADE
Inicio das obras do Hospital Clínico de Santiago.. CONSELLERÍA DE SANIDADE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta