Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2024 | Actualizada ás 19:58
Ecoloxistas en Acción denunciou ante os ministerios de Educación e Traballo que a Xunta "outorgase arbitrariamente" á Cámara Oficial Mineira de Galicia case 200.000 euros de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Alerta dun "desvío" de diñeiro público ao "lobby mineiro" para realizar actividades formativas, a pesar de que "non ten acreditada a competencia e experiencia docente".
Segundo informa a Consellería de Emprego a Europa Press, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación asinou un convenio coa Cámara Mineira de Galicia en 2023 "no marco da colaboración que vén mantendo con distintos clústeres e entidades representativas de distintos sectores produtivos". Tras a recepción da denuncia de Ecoloxistas en Acción, iniciou unha auditoría.
Igualmente, o Goberno galego sinala que en 2024 non se subscribiu novo convenio coa entidade, "á espera do resultado do procedemento iniciado, tras o que se tomarán as medidas oportunas".
Nun comunicado, Ecoloxistas en Acción advirte de que estes fondos europeos deben ser adxudicados en concorrencia competitiva e a entidades homologadas que acrediten os certificados para que a formación teña validez. Por iso, as entidades beneficiarias deben constar como centro de formación no rexistro de centros do Servizo Publico de Emprego Estatal (SEPE) e acreditar as competencias e experiencia dos docentes.
"Esta normativa está creada precisamente para asegurar a calidade da formación recibida, evitando o uso de chiringuitos, como aconteceu no pasado, algo que precisamente non aconteceu coa Cámara Mineira, que está a recibir directamente fondos fóra dunha convocatoria pública, sen acreditación para realizar actividades formativas e sen estar rexistrada no catálogo de entidades formativas", reproban os ecoloxistas.
Un caso que tacha de "desvío irregular" de fondos públicos nun convenio "outorgado a dedo" á Cámara Oficial Mineira, no cal se adxudican "549 euros por participante para unha formación básica e non formal en modalidade de teleformación, cando a orde reguladora establece un tope de 315 euros".
Paralelamente, Ecoloxistas en Acción recrimina que "o lobby mineiro" recibiu " máis dun millón de euros" por parte do Executivo autonómico "para actividades de lavado de face verde da minaría" nos últimos anos. "Este mesmo ano a Cámara Mineira saíu ao paso para defender a mina de San Finx afirmando que non se producía afección ás augas, xusto cando a propia Xunta sancionaba á mina cunha multa de 180.000 euros por verteduras ilegais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.