Denuncian o estado de "abandono" da planta de residuos de Lousame, que xa superou a súa capacidade

O comité de empresa de FCC apunta deficiencias nas instalacións, ante o "pasotismo" da concesionaria, que actúa con "descontrol".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 23/01/2024 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

O comité de empresa de FCC denunciou este martes o estado de "absoluto abandono" da planta de tratamento de residuos de Lousame e a "manifesta incapacidade" da súa propietaria, a Mancomunidade da Serra do Barbanza, para xestionala e solucionar os problemas que arrastra.

Nunha rolda de prensa, o portavoz do comité, Paulo Rubido (CIG), subliñou que eses problemas teñen a súa orixe fai máis dunha década, por falta de mantemento e conservación das instalacións, e por falta de renovación e adecuación aos cambios normativos. Segundo lembrou, o prego da concesión establecía que, en 2013, a Mancomunidade tiña que renovar a súa frota de camións, pero "esa renovación non se produciu" e hai carencias na recollida viaria polo mal estado dos vehículos.

Por outra banda, sinalaron os traballadores, o contrato que vincula a FCC coa Mancomunidade, cunha duración de 20 anos, finalizou o pasado mes de setembro, "sen que o ente comarcal elaborase uns novos pregos" nin pactase unha prórroga coa empresa, e iso a pesar das advertencias do comité. Así, tívose que ir a unha prórroga forzosa "que implica unha actualización dos prezos e pagar por facturación, cun menor control e peores condicións económicas".

PROBLEMAS NO VERTEDOIRO E PERDA DE SUBVENCIÓNS

Outro foco de problemas está no vertedoiro de residuos, que xa superou a súa capacidade (colmatado e a piques de comezar o seu selado) sen que se tramitase a construción dun novo. Isto implica que eses rexeitamentos (residuos que non se poden reciclar) teñan que ser trasladados en camión a Sobrado, "xerando un sobrecusto" no servizo "que asumen os veciños" da comarca.

O comité tamén denunciou que nin a empresa nin a Mancomunidade "foron capaces" de tramitar subvencións, como as convocadas pola Xunta para as plantas de tratamento, perdendo a oportunidade de recibir axudas. Na mesma liña, pese ao requirimento de Ecoembes, non se fixo "absolutamente nada" para adaptarse ao novo sistema normativo e á reorganización dos colectores nos municipios da comarca, polo que tamén "se está perdendo" un millón de euros de posible financiamento.

Ante este escenario, Paulo Rubido subliñou que a empresa, FCC, actúa "con absoluto pasotismo", reducindo "ao mínimo" o gasto na planta de Lousame, e sen que ninguén controle se cumpre as súas obrigacións como concesionaria. Ese "descontrol" chega a tal punto, denunciaron, que a empresa chega a utilizar as instalacións como sede loxística para, por exemplo, arranxar nos talleres os camións de recollida de lixo de municipios alleos á Mancomunidade (como os de Padrón ou A Illa de Arousa).

A todo isto súmanse as deficiencias das intalacións, como cadros eléctricos sen portas, liñas de triaxe que non cumpren as condicións de seguridade, danos causados por un temporal que nunca se repararon, maquinaria antiga e en mal estado, ou colectores rotos que nunca se arranxan.

INTERVENCIÓN DA XUNTA

Finalmente, o comité urxiu a intervención da Xunta ante esta "gravísima situación" e buscar unha fórmula para garantir a participación da administración autonómica na planta, co fin de garantir unha adecuada xestión e o mantemento dos máis de 160 empregos. Para eles, os representantes dos traballadores solicitarán reunións con todos os grupos parlamentarios, para explicarlles a situación e solicitar apoios. Segundo explicaron, a Xunta ten que adaptarse á nova normativa europea sobre tratamento de residuos orgánicos e require de novas plantas para a elaboración de compost.

Aí, sosteñen, "encaixaría" a integración das instalacións de Lousame, unhas das mellores por localización xeográfica, climática, mínima afectación a vivenda e enorme capacidade de ampliación. "Chegados a este punto é case unha obrigación que a Xunta tome as rendas desa planta e continúe co modelo que no seu día demostrou ser exitoso, que se adapte á normativa europea e que este proceso se faga desde o consenso político", concluíu Rubido.

Rolda de prensa do comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame, a 23 de xaneiro de 2024
Rolda de prensa do comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame, a 23 de xaneiro de 2024 | Fonte: CIGress

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta