Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2024 | Actualizada ás 13:25
Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a decisión do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de retirar a incapacidade permanente a unha limpadora que padeceu cancro de colon, alegando que non pode determinarse que se produciu "unha melloría clara" con respecto a cando lle foi concedida esta medida.
Segundo recolle o fallo, o INSS recoñeceu á muller, limpadora de oficinas, a incapacidade permanente en grao total en novembro de 2020. Fíxoo porque padecera un cancro de colon "sen evidencia de recidiva" e portaba unha colostomía, que lle foi retirada en maio do ano seguinte. Un ano despois, en novembro de 2021, o INSS resolveu que a muller non se "atopaba afectada de incapacidade en grao algún por melloría", polo que se instou a que se reincorporase ao traballo.
A afectada recorreu esta decisión, pero o Xulgado do Social número 6 de Vigo fallou inicialmente na súa contra, unha sentenza que foi revogada despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que deu a razón á muller.
En concreto, o alto tribunal galego fai referencia a un novo informe de oncoloxía da paciente, datado de marzo de 2022, no que se indica que se detectou unha "posible recidiva" e que persiste "a dor abdominal", polo que considera que "a melloría que aprecia o INSS non é aínda concluínte nin clara".
"Non pode afirmarse, á vista dos feitos probados, que existise unha melloría clara, significativa e suficiente da situación patolóxica e limitativa" da muller, apunta o TSXG, que lembra que xa en 2020 "non presentaba evidencia de recidiva", algo que si se expón segundo o informe de 2022.
"Neste sentido, ante a persistencia de dor abdominal, e dado que existe unha sospeita, ou polo menos posibilidade, de recidiva, non cabe entender que exista unha melloría clara e suficiente do seu estado patolóxico e limitativo", apunta o fallo, que insta a manter a situación de incapacidade permanente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.