En que criptomoeda invertir se tes poucos cartos e o bitcoin non é unha opción? Isto din os expertos

"Solana é un incentivo para realizar movementos, pois podes estar facendo transaccións todo o día e non chegar a gastarte nin un céntimo, e á hora de interactuar cos protocolos dá moito xogo ás plataformas, porque os usuarios poden interactuar con elas sen ter que pagar un ril en comisións", explica Antonino Comesaña, vicepresidente da Asociación Galega de Blockchain e IoT (Agalbit). Actualmente unha solana anda nos 90 euros.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/01/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Cada vez hai máis persoas que vén nas criptomoedas unha opción na que invertir os seus aforros. Do mesmo xeito que antes se facía cos fondos de inversión, as criptos preséntanse como unha oportunidade de gañar cartos a longo prazo (e non tan longo). A todos nos sona o famoso bitcoin, e cada vez tamén está collendo máis fama o ether (ethereum). Con todo, a día de hoxe 1 bitcoin custa uns 38.000 euros, polo que non é unha boa opción de inversión para xente que ten poucos cartos, mentres que un ether anda nos 2.000 euros. Isto quere dicir que, se ti tes pensado invertir unicamente 100 euros, apenas terás 0,003 bitcoins ou 0,05 ethers. Polo tanto, se o bitcoin chega a subir ata os 50.000 euros, ti apenas gañarás 50 euros. Así que, se non tes moitos cartos para invertir en criptomoedas tan grandes como o bitcoin ou o ether, cal é a mellor opción para ti? Dende Galicia Confidencial preguntamos a Antonino Comesaña, vicepresidente da Asociación Galega de Blockchain e IoT (Agalbit).

Criptomoeda Solana
Criptomoeda Solana | Fonte: Forbes España - Arquivo

"Hai un 'top 10' de criptomoedas que son as máis gordas (a día de hoxe, bitcoin, ether, BNB, solana, XRP, cardano, avalanche, dogecoin, polkadot e chainlink), aínda que tradicionalmente sempre se fala de que o mundo das criptos divídese no bitcoin e o resto, as altcoins (as criptos alternativas)", explica o experto, aínda que, na súa opinión, "ethereum colleu xa tanto peso que eu xa distingo entre bitcoin e ethereum e o resto". E é que estas dúas criptos teñen moita capitalización: "o bitcoin ten uns 800.000 millóns e o ether anda polos 270.000 millóns", mentres que, "agás as stablecoins como o tether, que están ancladas ao dólar, teñen unha capitalización como de 100.000 millóns, as demais, como é o caso de solana ou bnb, andan polos 30.000/40.000 millóns, é dicir, están bastante lonxe".

Con todo, "neste último tirón do mercado", segundo indica Comesaña, "as criptomoedas que máis están tirando son as vinculadas a redes". Que quere isto dicir? Explica que "antes había unha rede que era bitcoin e outra que usaba smartcontract, que era ethereum, pero agora hai blockchains por un tubo, e xeralmente as criptos que están máis de moda son os tokens destes blockchains, porque para poder intercambiar cousas dentro desas blockchains só podes facelo usando o token corresponde á mesma", ou sexa, sería como a moeda oficial desa rede. Por exemplo, no caso da blockchain solana o token é o sol; en avalanche, é o avac; en ethereum, é o ether... "E son moedas realmente moi demandadas, porque cando o ecosistema que as soporta comeza a crecer e os proxectos empezan a saír adiante, os usuarios necesitan desas criptos para interactuar con ese protocolo", apunta o experto.

Para Antonino, a que podería ser máis interesante para invertir hoxe en día, dentro destas moedas 'máis pequenas' e vinculadas a redes, sería solana. "O ano pasado estaba a uns 10 dólares, máis ou menos, e chegou a estar a comezos de xaneiro nos 130, é dicir, fixo un x13, polo que quen metese 1.000 euros agora tería 13.000, aínda que a día de hoxe xa baixou aos 90 euros". E é que, como apunta, "cando a xente escoita que bitcoin fixo un x2, iso significa que todas estas criptos que veñen por detrás e que teñen menor capitalización fan un x7, un x8 ou un x10". E iso falando só das máis grandes, pois "se comezas a baixar chanzos e vas ás primeiras 25 critpomoedas comezas a ver proxectos de 'top 500' que ao mellor valen uns 100 ou uns 50 millóns e que no momento no que lles entren algo de cartos van valer 500 millóns, o que leva as leva a facer un x10, un x20 ou un x30 ou máis".

Tendo todo isto en conta, o caso de solana é moi chamativo e está a ter moito éxito nos Estados Unidos, xa que a empresa tras ela mesmo conta cun teléfono móbil para usar criptomoedas. "Ten un ecosistema moi sólido, é unha blockchain moi barata e, ademais, é moi rápida, por iso á xente lle gusta tanto", confesa Comesaña. Fronte a ela, "bitcoin ou ethereum son moi caras, valen para xente que ten moitos cartos, porque senón realizar unha transacción, segundo a como estea, pódeche custar uns 5, 15, 20, 30 euros... o cal para un inversor europeo ou americano aínda é posible, pero para alguén de hispanoamérica, por exemplo, doe moito, así que ou ten moitos cartos, ou non os move". Pola contra, "solana é un incentivo para realizar movementos, pois podes estar facendo transaccións todo o día e non chegar a gastarte nin un céntimo, e á hora de interactuar cos protocolos dá moito xogo ás plataformas, porque os usuarios poden interactuar con elas sen ter que pagar un ril en comisións", conclúe o experto de Agalbit.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta