18F.- O PSdeG chama a participar o domingo na manifestación pola sanidade

Os socialistas cifran en máis de 200.000 as persoas que esperan por unha primeira cita hospitalaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O PSdeG chamou a participar na manifestación convocada o vindeiro domingo en Santiago de Compostela por SOS Sanidade Pública para protestar pola situación de "colapso" da sanidade, servizo que os socialistas se comprometen a rescatar se chegan á Xunta despois do 18 de febreiro.

Así o sinalaron nunha rolda de prensa ofrecida este martes na sede do PSdeG o número uno da candidatura socialista pola Coruña, Patricia Iglesias, e o candidato pola provincia de Pontevedra e portavoz parlamentario de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado.

Na súa intervención, a cabeza de lista do PSdeG A Coruña asegurou que a sanidade pública galega está en "colapso", un feito que atribuíu ao "desmantelamento" feito polo PP nos seus 15 anos de goberno, "primeiro con Feijóo e agora con Rueda". Unha situación que, segundo apuntou, se ejemplifica en que en Galicia "hai a día de hoxe máis de 200.000 persoas esperando por unha primeira cita hospitalaria ou 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado".

Tras cualificar de "nefasta" a xestión feita polos populares galegos da sanidade pública para "engrosar á privada", destacou que o proxecto que lidera José Ramón Gómez Besteiro apoia a mobilización do próximo domingo como forma de apoiar as reivindicacións do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Hai que coidar a quen nos coida", afirmou.

Na súa intervención, lembrou que as protestas do persoal contra a sobrecarga laboral ou o informe do Defensor do Paciente que sitúa a atención primaria galega como a "máis saturada" de España para apuntar que con Besteiro na Presidencia da Xunta a sanidade pública galega será "un eixo prioritario para o seu goberno".

Patricia Iglesias defendeu unha "sanidade pública universal" para todos, con independencia da renda e do lugar no que se viva, e apostou por darlle un cambio de rumbo á situación, primeiro apoiando a protesta e despois, apoiando o 18 de febreiro "o proxecto progresista que lidera Besteiro" e que, segundo afirmou, "é o único que ten capacidade e solvencia para rescatar a sanidade pública".

RECORTE DE PERSOAL

Pola súa banda, Julio Torrado asegurou que o sistema sanitario "funciona grazas aos seus profesionais e a pesar dos dirixentes do PP", e lembrou que a súa formación presentou máis de 150 propostas parlamentarias para mellorar a xestión da sanidade que son rexeitadas sistematicamente polo PP, como ocorreu coa iniciativa para limitar a espera na primaria a 48 horas. O portavoz parlamentario de Sanidade incidiu na aposta socialista por unha atención primaria "resolutiva, capaz e forte cunha maior dotación de recursos e capacitación". "Temos un plan serio e solvente e ímolo a executar con Besteiro á cabeza", asegurou.

DEBATE

O número 4 por Pontevedra aproveitou a comparecencia para reclamar un debate específico sobre sanidade. "Queremos saber se o PP atrévese a debater sobre unha cuestión tan fundamental para os galegos e galegas ou se prefire esconderse ante a vergoña que sente polas súas propias políticas sanitarias", afirmou.

Por último, lamentou que Rueda "se oculte ante a cidadanía" e só queira participar no debate organizado "polo PP na TVG". "Ten que ser verdadeiramente triste sentir vergoña da propia xestión e non querer dar a cara ante a cidadanía", sostivo.

A cabeza de lista do PSdeG pola Coruña, Paticia Iglesias, e o candidato por Pontevedra, Julio Torrado, en rolda de prensa. PSDEG
A cabeza de lista do PSdeG pola Coruña, Paticia Iglesias, e o candidato por Pontevedra, Julio Torrado, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

LARA MÉNDEZ PROMETE 2.500 VIVENDAS PROTEXIDAS 

O número dous da candidatura por Lugo do PSdeG-PSOE para as próximas eleccións autonómicas, Lara Méndez, anunciou este martes o compromiso do seu grupo político de construír "unha media anual de 2.500 vivendas protexidas" en Galicia no caso de conquistar a presidencia da Xunta nos comicios do 18 de febreiro.

O anuncio tivo lugar no marco dunha rolda de prensa convocada pola ex alcaldesa de Lugo na sede do PSdeG da capital na que tachou de "mal chiste" e "tomadura de pelo" o compromiso trasladado o pasado sábado por Alfonso Rueda, durante a presentación do programa electoral do seu partido, de duplicar o parque de vivendas públicas en Galicia durante o próximos catro anos. "Atreveríame a dicir que pode duplicala ou triplicala", ironizou Méndez, porque, dixo, "cero por dous é cero e cero por tres segue sendo cero".

"Co Goberno de José Ramón Gómez Besteiro actualizaremos a Lei de vivenda de Galicia do ano 2012, daremos impulso á construción de vivenda protexida e determinaremos a definición de vivenda pública baleira", asegurou Méndez, para acto seguido prometer a posta en marcha de "un plan efectivo" para a rehabilitación das vivendas baleiras que incentiven a súa incorporación ao mercado de aluguer.

A ex rexedora lucense realizou durante a súa exposición unha comparativa entre a creación de vivenda pública executada durante os gobernos de Feijóo e Rueda á fronte da Xunta e a impulsada durante o goberno socialista de Emilio Pérez Touriño. "Nos gobernos do PP os últimos 15 anos executáronse en Galicia unha media anual de 390 vivendas públicas, polas 2900 que se crearon durante o goberno de Touriño", asegurou Méndez, antes de lembrar que a Xunta é a administración que "ten a competencia" en materia de vivenda e que a provincia de Lugo é, con 1685 demandantes de vivenda pública --1.000 tan só na capital-- o municipio galego "máis discriminado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta