Do 'Pertardazo' ao 'Enterro da Sardiña': así son os 13 días do calendario do Entroido en Galicia

O 61% dos concellos galegos escolle unha data vinculada con este festexo como festivo local.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 01/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Entroido galego xa conta coa protección de Ben de Interese Cultural (BIC) ao publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), que recolle que o 61% dos concellos galegos escolle unha data vinculada con este festexo como festivo local. Pero cando comeza? Cales son os días importantes? 

Varias persoas tíranse fariña o domingo Fareleiro. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo
Varias persoas tíranse fariña o domingo Fareleiro. Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo

No artigo tres da resolución ben explicado o marco temporal do Entroido ou "Antroido, Antroiro, Antroito, Antruido, Entroido, Entroiro, Entrudio, Entrudo, Entruido ou Introido" en función da zona de celebración. Federico Cocho, xornalista e escritor da obra O Carnaval en Galicia, sinala que o Entroido centra os seus festexos no Domingo, Luns e Martes de Entroido, salvo en casos singulares do conxunto de Galicia. 

Deste xeito, Federico Cocho enumera como datas claves, fitos e celebracións principais coñexidas en Galicia as seguintes. O 'Día do Petardazo' (20 de xaneiro) é o que nalgúns lugares marca o inicio do Entroido e que se celebra o sábado anterior ao Domingo Fareleiro (21 de xaneiro). Nesta xornada dominical inicia o ciclo e caracterízase porque corren uns tras dos outros e bótanse farelos e fariña. Continuamos co Domingo Oleiro (28 de xaneiro), onde tradicionalmente nas prazas das vilas, os homes competían lanzándose entre si olas de arxila tentando que non rompan. Se caen, deberán pagar a rolda aos presentes e celébrase dous domingos antes do entroido. 

No Xoves de Compadres (1 de febreiro) hai unha batalla de sexos e celébrase tres días antes do Domingo Corredoiro. Xusto na previa a este día está a Noite de Mulleres (3 de febreiro) nalgúns lugares as mulleres toman as rúas sendo as únicas que poden gozar da festa e saír das casas. E se sae algún home terá que facelo caracterizado de muller. O Domingo Corredoiro (4 de febreiro) é un día no que as máscaras fan a súa aparición e toca evitar que boten ovos, barro ou formigas e para iso correr moito. 

Xa na seguinte semana teríamos o Xoves de Comadres (8 de febreiro) e chega o momento en que as mulleres revivan o sucedido no día de Compadres. Co Venres e Sábado de Entroido (9 e 10 de febreiro) comeza a fin de semana grande do ciclo con desfiles e o Domingo de Entroido (11 de febreiro) vívese de xeito especial nalgunhas vilas e aldeas que fan o seu gran desfile. O Luns de Entroido (12 de febreiro) é unha xornada dedicada á organización de festas para os máis cativos e nalgúns sitios o día da 'farrapada' que vén sendo unha loita na que todos se dedican a lanzarse entre si farrapos luxados. 

E o día máis agardado chega co Martes de Entroido (13 de febreiro), data coa que remata o ciclo do Carnal e se lle dá paso ao da Coresma. Arden os mecos e fachóns e as diferentes máscaras despídense. Pero isto non acaba, co Mércores de Cinza (14 de febreiro), pola noite chega o "Enterro da Sardiña" para representar as transición mencionada. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta