Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 17:47
A Xunta Electoral de Galicia arquivou unha denuncia de Vox contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por suposto electoralismo ao anunciar a gratuidade das primeiras matrículas universitarias. A xunta electoral lembra que o anuncio o fixo nun acto de partido e en condición de candidato do PPdeG á reelección.
Segundo Vox, Rueda infrinxira a Lei Orgánica de Réxime Electoral (Loreg) o pasado 16 de xaneiro con este anuncio que supón unha "acción electoralista". Con todo, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta contestou que as súas declaracións non as fixo como presidente do Goberno galego, senón como cabeza de cartel do PP.
Así, a Xunta Electoral, nunha resolución emitida o sábado, 3 de febreiro, confirma que os feitos denunciados foron realizados polo candidato dos populares nas eleccións do 18 de febreiro, polo que "non son imputables á Presidencia da Xunta de Galicia ou á administración autonómica".
"A pretensión do denunciante (Vox) non pode ser acollida, posto que as declaracións denunciadas non foron realizadas por don Alfonso Rueda Valenzuela nas súas funcións institucionais como presidente da Xunta, nin o acto foi organizado pola Xunta", recalca este órgano.
Contra o arquivo da denuncia Vox aínda pode presentar recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central antes das 17.00 horas deste martes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.