Un debate enlamado que remata sen gañadores e con moitas dúbidas

O forte enfrontamento entre Pontón e Rueda deixou aos dous dirixentes moi tocados, especialmente, na segunda parte do debate. Besteiro tentou aproveitar a súa faciana máis institucional, Lois presentouse como a chave do cambio e Faraldo foi a máis crítica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2024 | Actualizada ás 00:57

Comparte esta noticia

Un dos programas máis agresivos dos últimos anos. Así foi o debate electoral da CRTVG que xuntou aos principais candidatos do PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos nun debate enlamado no que non houbo gañadores, en todo caso, perdedores. E é que a que se presumía que ía ser a gran cita electoral desta campaña rematou nunha batalla de reproches, case insultos, e deixando aos dos principantes contendentes, o presidentente galego e a líder da oposición, cunha mala imaxe política.

(E-D) A candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, o presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda; o do PSdeG, José Ramón Besteiro e a de Sumar, Marta Lois
(E-D) A candidata de Podemos Galicia á Presidencia da Xunta, Isabel Faraldo, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, o presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda; o do PSdeG, José Ramón Besteiro e a de Sumar, Marta Lois | Fonte: Álvaro Ballestero

O debate da TVG comezou tranquilo, ben para todos, cada quen na súa función. Rueda, Pontón e Besteiro en plan institucional, Marta Lois, de Sumar,  tentando facerse un oco nun futuro goberno tripartito e Isabel Faraldo, de Podemos, dando caña desde o primeiro momento. De feito, os argumentos utilizados pola líder de Podemos semellaban, e moito, aos que utilizaban os líderes do BNG hai anos cando era a forza máis débil do Parlamento galego.

O debate arrincou coa intervención do titular do Goberno galego e candidato á reelección, Alfonso Rueda, quen aproveitou as súas primeiras palabras para confrontar "un goberno que funciona" co dun "multipartito" con partidos que compiten entre eles. "Haberá moitas cifras que non son verdades, por tanto, quero empezar dando unhas cifras reais", manifestou para asegurar que "Galicia funciona" e "avanzou moito nestes últimos anos". "A economía galega foi a segunda que máis creceu", afirmou.

DATOS E "CARETAS"

Pero a candidata do BNG xa utilizou xa a primeira quenda para pooñer en dúbida eses datos e falou dunha Galicia que "perde poboación e emprego". Así, centrou a súa intervención no bloque económico rebatendo os datos da "Galicia que vai ben", segundo Rueda. "Mentres dicía que ben vai Galicia, pensaba en todas as persoas que nos poden estar a ver hoxe desde a emigración..., que ven como sobe a hipoteca...", dixo.

Os candidatos das eleccións do 18F  que participan no debate electoral da CRTVG
Os candidatos das eleccións do 18F que participan no debate electoral da CRTVG | Fonte: Europa Press - Arquivo

Tamén o cabeza de lista do PSdeG nas eleccións autonómicas, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou a súa intervención coa idea de "quitarlle a careta" ao candidato popular, sobre a súa xestión, facendo uso da ironía por ser tempo de Entroido. Así, citou que "nos últimos 15 anos" hai "menos galegos", xa que se "perderon 100.000 habitantes" e a débeda pública multiplicouse por 2,5. "Menos xente, menos emprego e máis débeda", sintetizou Besteiro, quen dixo que "só hai dúas opcións: resignarse a que continúe ou reaccionar e prosperar que é o que propomos: máis dereitos e máis ambición de país".

E, mentres os tres principais dirixentes políticos de Galicia, falaban de cifras a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, aproveitou a súa primeira intervención  para subliñar que "sete de cada dez galegos queren cambio" segundo sinalan "todas as enquisas" e garantir o respaldo da súa forza política a "un goberno a tres". Pero antes, as primeiras palabras  foron para expresar a solidariedade de Sumar coas denuncias de traballadores da CRTVG contra a "manipulación política" e para comprometer "un ente público independente".

Unha denuncia que tamén fixo súa a candidata de Sumar, Isabel Faraldo, quen tamén aproveitou para denunciar os "51.000 empregos destruídos nos últimos anos, tanto na industria, como no mar, como na agricultura por unha política de amiguismos, enchufismos e política clientelar". "Vímolo na crise dos pélets", dixo para asegurar que "días antes da crise" o Centro Tecnolóxico do Mar recibiu "1,3 millóns" para estudar o impacto dos microplásticos no mar. Ademais, sostivo que a directora dese centro é a "tía" do presidente da Xunta.

E COMEZOU A LAMA

E logo dun primeiro bloque onde se falou de Fiscalidade, política enerxética, desemprego e emigración, xestión da AP-9,ou de Alcoa con críticas de Podemos a PPdeG e PSdeG por igual, pasouse a un segundo bloque no que a confrontación elevou o seu ton. Así, se neste primeiro bloque, Rueda e Pontón asumiron boa parte do protagonismo e aguantaron ben o debate, no segundo, no que se falou sobre modelo lingüístico, provocou un primeiro choque entre ambos os dous que os deixou xa tocados o resto do debate.

Foi no terceiro bloque, sobre modelo de goberno, cando estalou a guerra. Pontón lembrou a famosa foto de Rueda cos líderes de Galicia Bilingüe cando o PP estaba na oposición e o presidente sacoulle á líder do BNG o apartado do seu programa electoral onde se defende un modelo de inmersión lingüística en galego. Foi un tirapuxa tan forte entre ambos os dous que nin tan sequera os conductores do debate puideron endereitar o programa que, a partir de entón, entrou nunha dinámica de acusacións subidas de ton, especialmente, entre os dous dirixentes que tamén se botaron en cara os pactos do PP coa ultradereita ou os do BNG cos independentistas cataláns e vascos. 

O RESTO TENTANDO FUXIR DAS LEAS

E, entre medias, o resto de candidatos buscaba o seu espazo. Besteiro tentaba manter un ton institucional destacando os logros acadados para Galicia pola súa presenza en Madrid. "É vostede Besteiro o conseguidor", chanceou Rueda, mentres que o líder socialista evitaba entrar nun cara a cara con el. Marta Lois tamén fuxía das leas entre o presidente e Pontón e insistía nas súas intervencións que á xente "non lle gusta o barullo", mentres que Isabel Faraldo, na liña de Podemos, criticaba o clientelismo do PP, as grandes fortunas e as portas xiratorias. 

Finalmente, tras dúas horas e media e numerosas interrupcións, remataba un dos debates máis enlamados dos últimos anos. Un debate no que pesaron, e moito, o número de candidatos e tamén o seu anquilosado formato que rematou por non ser respectado polos propios participantes. Os presentadores pouco fixeron ou pouco puideron facer para tentar reconducir un programa que rematou nun pim, pam, pum no que non houbo un gañador claro e no que, en todo caso, saíron perdendo Rueda e Pontón.

BESTEIRO ESPERA "PARTICIPACIÓN" O 18F TRAS O DEBATE

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a captar a indecisión ao longo da campaña electoral, na que espera que "abstención" se converta en "participación".

O aspirante socialista a liderar San Caetano pronunciouse de leste en modo en declaracións aos medios ao ser preguntado sobre se considera que o debate da CRTVG permitiu ás formacións captar o voto das persoas que aínda non decidiron a que formación apoiar nas eleccións autonómicas de próximo 18 de febreiro.

AUDIENCIAS 

O debate que o luns acolleu a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) alcanzou o 18% de cota de pantalla, o que implica que foi o que máis audiencia conseguiu do últimos tres comicios autonómicos.

En concreto, segundo datos da propia Corporación, en 2016 o debate electoral alcanzou un 15,2% e en 2020, un 15,8%, case tres puntos por baixo que o careo para os comicios do 18 de febreiro.

A TVG emitiu o luns máis de cinco horas de directo entre o previo, o faladoiro anterior e posterior, e o propio debate, que reuniu no novo 'estudio 300' aos candidatos do cinco principais forzas políticas de Galicia.

Estiveron nesta cita Alfonso Rueda (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), como cabezas de cartel do tres grupos con representación parlamentaria. A eles sumáronse Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos), por ser consideradas forzas "significativas" na Comunidade en base ás eleccións xerais de 2023.

O debate estivo moderado pola redactora xefa, Marta Darriba, e o subdirector da área de Información e Documentación da CRTVG, Alejandro López. A maiores da emisión pola TVG co 18% de audiencia, retransmitiuse tamén na Radio Galega e a través da nova plataforma dixital 'AGalega'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

10 Pedrinhodacunha

Marta Lois, hahaha... Se estaba alí que parecía unha bonequiña. A onde vai esa. Só presumía do que fixo con Martiño que, POR CERTO, agora volveu coa cabeza gacha ao BNG porque sabe que é a única foramción que vale algo na Galiza. A única gañadora indiscutible do debate foi Pontón. O resto lerias.

9 Maruxa

A ver. Un pouco de seriedade. É curioso que todos os comentarios aquí sexan pro BNG. As que miramos o debate vimos a unha gran Pontón, pero perderonlle as formas por entrarlle ao xogo a Rueda. Eu entendo por aí o que di esta nova que en ningún momento fala mal dela. A quen vin moi ben foi a Marta Lois de Sumar que pode ser que sexa unha sorpresa o vindeiro 18. Veremos

8 Galiza100

A verdade é que este xornal é fachón, fachón. Están pagados por Vox, seguro, para arruinar a gran campaña da nosa presidenta Ana Pontón. Adiante Ana, o 18F, PRESIDENTA

7 Tino

Uff...Xa o levo observando últimamente, Galicia Confidencial estase pepeirizando...

6 Loisin

Unha gañadora ben clara: Ana Pontón. Un perdedor claro: un indolente Rueda como din en El País. E a TVG no seu papel: non enfoca a Pontón na presentación, a moderadora ata en dúas ocasións quixo obligar a falar a Pontón sen ela pedir o turno...o nunca visto nun debate electoral. Xa se sabe: polo pan baila o can