Armando Ojea, DO: “Hai que compensar a débeda histórica con Ourense, non queremos só un trato igualitario"

Armando Ojea é o candidato de Democracia Ourensana á Xunta de Galicia para as eleccións do 18F. Leva na formación desde que se fundou xunto con Gonzalo Pérez Jácome. É "realista" e estima a representación da súa forza política en tres ou catro deputados. Non será doado pactar con eles segundo o que se entende das súas palabras se antes non se arranxa a "débeda histórica con Ourense". De lugar en lugar pola provincia en autocaravana, Ojea vai repartindo as ideas de DO avaliando que hai moito descontento cos partidos "tradicionais".

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/02/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Hai optimismo dentro de Democracia Ourensana para estas eleccións galegas?

Armando Ojea
Armando Ojea | Fonte: DO

Eu, máis que optimismo hai realismo. Calculamos unha representación de entre tres ou catro deputados, a pesar de que as enquisas dannos un ou dous. Mais como as enquisas teñen un grao de fiabilidade que todos coñecemenos, pois nós vemos a posibilidade de termos entre tres e catro representantes. Nin pesimismo nin optimsmo, realismo, entre tres e catro deputados.

-Quen queira buscar o apoio de Democracia Ourensana, cales son as liñas vermellas do partido para negociar?
Democracia Ourensana é un partido que se constituiu referenciado exclusivamente á provincia de Ourense. No ADN do partido está a loita contra a discriminación que sofre a provincia e a cidade de Ourense, por tanto, reivindicar os investimentos necesarios desde a Xunta de Galicia tanto en infraestruturas como noutros ámbitos. Entón, se nós temos algunha capacidade de influír no goberno  a nosa acción será reverter a situación de discriminación crónica e sempiterna se ten dado cara a nosa provincia e cidade. A nosa perspectiva é a provincia de Ourense e as liñas vermellas son: non seguir privilexiando as provincias da costa atlántica fronte ás do interior. Entendemos isto, os diferentes gobernos autonómicos do PP e do PSOE tiveron actitudes de privilexio cara Santiago, Vigo e A Coruña. Por tanto, buscaremos limitar en certa maneira os privilexios desas provincias, non temos nada contra delas, mais buscamos frear o que son discriminacións para uns e privilexios para outros. Cando hai discriminación cara unha provincia, os dereitos doutros pasan a ser privilexios. Entón, a conclusión é que a nosa acción de goberno, chegado o momento, será reverter esta situación. Ademais, entendemos que hai unha débeda histórica cara Ourense cidade e Ourense provincia. Nin siquera nos conformaremos cun trato igualitario, pois entendemos que se nos debe compensar a débeda histórica con Ourense, nin siquera aceptaremos uns orzamentos igualitarios que se nos asignen no presente. Necesitamos recuperar a débeda coa nosa provincia que vén do pasado.

-Unha débeda así é difícil de cuantificar.
Realmente non é tan difícil. A débeda ten unha compoñente cuantitativa e outra cualitativa. Así temos unha homoxeneidade co resto da autonomía en cuestións como a sanidade, sobre todo en asistencia sanitaria para non termos que desprazarnos longas distancias, non termos que desprazarnos para estudar determinados graos universitarios e carreiras. Nese sentido hai privilexios con determinados campus, gañar representatividade nas administracións, pois parece que están concentradas todas en Santiago e poucos sitios máis. O discurso é a descentralización mais a realidade é que todo segue moi centralizado, por iso estamos pola descentralización das institucións autonómicas e iso levaría a un desenvolvemento harmónico dentro da autonomía.

No ADN do partido está a loita contra a discriminación que sofre a provincia e a cidade de Ourense, por tanto, reivindicar os investimentos necesarios desde a Xunta de Galicia tanto en infraestruturas como noutros ámbitos

Armando Ojea
Armando Ojea | Fonte: DO

-A perda de peso dos Baltar e a perda de peso do PP tanto na cidade como na provincia de Ourense, podería traducirse nunha suba electoral de Democracia Ourensana?
Non teño clara unha perda de peso por parte do PP na provincia de Ourense. Isto todo é unha cuestión interna do PP e non podo falar sobre ese tema, que exista unha perda de peso dos 'populares'. En todo caso, se fose así, se houbese unha crise interna no PP de Ourense e se suporía unha perda de votos, estariamos encantados de recibilos.

-Que sensación teñen da receptividade cara DO en áreas da provincia que non sexan a cidade de Ourense e os concellos de arredor?
Non temos representación nos concellos do rural salvo algún concello da área metropolitana co Concello de Ourense. Aínda así, houbo un labor de oposición e de goberno desde a Deputación, onde xa levamos tres mandatos con representación e onde temos recibido alcaldes, concelleiros e representantes veciñais e a Deputación abranque a provincia enteira. Por tanto, desde a Deputacón xa se nos coñecen algunhas accións que levamos feito desde as humildes competencias que se nos outorgaron. Ademais disto, entendemos que o realizado por DO na cidade trascende ao resto da provincia porque moitas persoas censadas no rural traballan na cidade de Ourense e por iso digo que nos coñecen e iso é unha garantía de darmos a coñecer a nosa maneira de traballar. Isto, unido ao cansanzo sobre as políticas tradicionais do PP e ao mellor ese desencanto se traduce en votos para nós, en alusión á anterior pregunta. E desde logo, como cabeza de lista, a miña intención é loitar pola provincia. Así como Gonzalo Jácome pon todas as súas forzas na cidade de Ourense, pois é o alcalde, eu que fun tenente de alclade, teño moitas ganas de volcar o meu traballo na provincia se así me corresponde exercer as funciós de deputado no Parlamento.

O discurso é a descentralización mais a realidade é que todo segue moi centralizado, por iso estamos pola descentralización das institucións autonómicas 

-Chegaron a pensar dentro de DO nunha posible conxurda das demais forzas políticas contra DO?
En tal caso sería cousa deles. Iso é unha cuestión máis esotérica e eu non son telépata mais como estratexia para un momento determinado os partidos poden crear acordos para unha determinada circunstancia. Eu entendo que nós, sendo heterodoxos, poderemos ver un certo corporativismo nos partidos tradicionais, mais non son consciente disto. Ao mellor os partidos convencionais ven ameazada a súa cosmovisión, pois aínda sendo partidos e ideoloxías diferentes entre eles hai unha cosmovisión común e nós estamos na heterodoxia máis externa. Entón, desde ese punto de vista podería darse unha acción conxunta entre os partidos tradicionais contra todos os partidos emerxentes, ao mellor non o fan de maneira consciente, simplemente é a súa maneira de actuar máis ou menos deliberada.

-Que partido ve como máis prexudicado en canto perda de votos en Ourense de cara o 18F?
Iso é algo que ninguén pode dicir e tampouco paro a pensar nela. Nesta campaña electoral buscamos achegar a nosa mensaxe á cidadanía de Ourense, entón non miro cal pode ser o partido máis prexudicado ou beneficiado. A xénese de DO é revindicar investimentos e no trato que merece a provincia de Ourense e os problemas que son derivados dese.

-Eses principios que menciona levárono a presentarse como cabeza de lista? Que consellos lle dá Gonzalo Pérez Jácome?
Nós xa presentamos candidaturas á Xunta desde a nosa fundación como partido quitando a última vez cando asinamos o pacto co PP e onde había unha cláusula onde dicía que non nos presentariamos para poder chegar a acordos. O PP quixo repetir outra vez a mesma cláusula e non a aceptamos. Así, moitas veces presentámonos de maneira testemuñal, mais isto é necesario pois un testemuño queda na mente dos potenciais electores. Daquela estabamos sementando para que cando a xente fora consciente da discriminación de Ourense así coñecerían o noso programa. Por que me presento eu? Porque Gonzalo Jácome, fundador principal do partido xunto comigo, díxome que entendía que eu podería ser mellor candidato, os demais compañeiros tamén o entenderon así, eu non vou xulgar se o son ou non. Se eles din que si, disciplinadamente dou un paso para adiante e preséntome. Renunciei á miña condición de deputado na Deputación, sen maior problema pola miña parte, pois era unha condición para ser eleixible para ser parlamentario autonómico. Sobre os consellos de Gonzalo, dámonos consellos mutuamente entre nós, non existe un nodo fundamental desde onde sae a información por redes. Nós traballamos nun partido con poucos membros activos desde o punto de vista de partido. Jácome é o máis representativo do partido mais cando sentamos a falar facémolo desde un grao de homoxeneidade cando tomamos decisións en común.

Ao mellor os partidos convencionais ven ameazada a súa cosmovisión, pois aínda sendo partidos e ideoloxías diferentes entre eles hai unha cosmovisión común e nós estamos na heterodoxia máis externa

-Como afronta DO unha campaña electoral como esta orzamentariamente?
É certo que non temos os recursos dos grandes partidos nin de lonxe, mais entendemos que a nosa creatividade permite achegar a nosa mensaxe á cidadanía desde os posicionamentos de hoxe en día, como son as redes sociais. Lanzouse un vídeo con Gonzalo Pérez Jácome cantando algúns fragmentos dunha canción. Estou certo que ese vídeo chegará a moita máis xente que a totalidade de todos os carteis pendurados nos farois das rúas. Ese vídeo non custou case nada e ao mellor ten máis forza que os cartaces. Entendo que os partidos tradicionais usan campañas tradicionais, mais a aparición das redes sociais permite achegarse de maneira rápida mentres que algúns partidos seguen insistindo en métodos convencionais máis custosos e que poderían substituír por medios máis eficaces se coñecesen mellor as novas tecnoloxías. Por tanto, nós xa estamos integrados nas novas formas de traballar por Internet. Nós xa non facemos cartaces en papel, só colamos un como símbolo do comezo de campaña.

-Como conseguiron esa autocaravana e por que decidiron moverse así por Ourense?
É un vehículo de aluguer e para desprazarnos pola provincia, repartir merchandaising, parar tomar un café coa xente, pois collemos unha autocaravana que nos é máis cómoda e levar provisións para o camiño. Ademais, os vinilos que lle colocamos custa a milésima parte do que custa todos os cartaces colocados nos farois. E desde que comeza a circular a xente fala dela e así ten a súa incidencia.

Armando Ojea
Armando Ojea | Fonte: DO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño