Ollo ao 'apagamento' da TDT, chega o 14 de febreiro e pode deixar a 4.000 fogares sen sinal

A alcaldesa de Folgoso do Courel cre que debería darse unha moratoria. Desde o Goberno explican que "deuse un tempo 'extra' de ano e mes e medio, ata o 14 de febreiro de 2024, para lograr a adaptación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O apagamento da TDT, previsto para o próximo 14 de febreiro e que supón o fin ás canles emitidas en calidade estándar (SD) para consolidar a alta definición (HD), terá repercusión en Galicia cunhas 4.300 vivendas afectadas, distribuídas por 260 concellos, de acordo cos datos da Xunta, aínda que o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia sitúao nuns 6.000.

O seu máximo responsable, César Mariñas, destacou, en declaracións a Europa Press, que "a última hora" tomáronse medidas para paliar o "problema principal" que circunscribe a un tema "económico, non técnico", en relación ás axudas anunciadas pola Xunta para a compra de dispositivos para resintonizar os televisores.

"Aos que tivesen o descodificador de satélite íalles a deixar de servir e ían ter que mercar outro, estas axudas son para asumir o custo de reposición do novo descodificador satélite", explica aludindo a unha situación que se daba en áreas como o municipio de Folgoso do Courel (Lugo).

A súa alcaldesa, Dolores Castro (PP), incidiu no custo "moi elevado duns aparellos que a xente tivo que pór hai xa 14 anos aproximadamente e que non tiñan incorporado o HD". "E teñen que volver facer un investimento duns 400 euros por aparello para poder ver a televisión". "Nós temos seis aldeas afectadas totalmente e 17 onde nalgún punto dalgunha casa necesítase tamén pór aparellos", explica a rexedora que destaca a "boa noticia" por parte da Xunta en relación coas axudas.

POSTURA DE GOBERNO E XUNTA

Pola súa banda, desde a Delegación do Goberno destacan as campañas informativas, á vez que aseguran que "máis do 98% dos aparellos son compatibles e non se verán afectados". Respecto desta repercusión, a Secretaría Xeral de Medios ratificou a Europa Press que trasladaron por carta hai dous meses ao Goberno central a súa preocupación "pola situación que ían vivir os galegos que residen en zonas de sombra".

Por iso, aseguran que o Goberno galego vai sufragar a totalidade do custo de renovar os equipos e a instalación nas primeiras residencias "ata un límite máximo de 400 euros". "Se son de segunda residencia, a estes fogares axudaráselles ata o 50%, cun límite máximo de 200 euros", precisan. Respecto diso, argumentan que a abordaxe desta cuestión "non lle correspondería á Xunta".

AMPLIACIÓN DO PRAZO

Pola súa banda, desde a Delegación do Goberno explican que a data para o fin das emisións SD por parte das operadoras era o 1 de xaneiro de 2023 "pero deuse un tempo 'extra' de ano e mes e medio, ata o 14 de febreiro de 2024, para lograr a adaptación".

"Durante este tempo fixéronse campañas xunto ás televisións para avisar aos usuarios, traballouse nunha web informativa na que se podía tamén contactar coa Oficina de Atención ao Usuario da Televisión Dixital", engaden.

Televisión, TDT
Televisión, TDT | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta