A área sanitaria de Santiago diagnosticou 34 casos de cancro pediátrico e realizou tres transplantes de médula en 2023

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do cancro infantil publicaron estes datos e celebraron no CHUS un evento lúdico reivindicativo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2024 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza diagnosticou 34 casos de cancro pediátrico e realizou tres transplantes de médula en 2023. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do cancro infantil, publicaron os datos e, xunto á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) celebraron no patio central do Hospital Clínico de Santiago un evento lúdico reivindicativo que contou coa actuación musical de Aldara (violín) e Manu (guitarra) colaboradores de Asanog e coa lectura do manifesto a cargo de Catalina, paciente da Unidade de oncohematología pediátrica.

No acto participaron a xerente da área, Eloína Núñez, a responsable de oncoloxía de precisión da dirección xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Paula López Vázquez, a directora de enfermaría, Vitoria Carral García, o responsable da Unidade de Oncohematoloxía Pediátrica, Manuel Fernández Sanmartín, xunto ao presidente de Asanog, José María Fernández, e Francisco Pais, presidente en Santiago da Asociación contra o cancro.

Respecto das cifras, na unidade atendéronse en 2023 un total de 34 novos casos e realizáronse tres transplantes aloxénicos. Ademais, apuntan que se diminuíu un 20% a duración media de hospitalizacións, en paralelo co aumento da actividade ambulatoria de consultas e hospital de día.

Remarcan que, aínda que se trata dunha patoloxía pouco frecuente, supón un gran impacto para as familias e é un importante problema de saúde. Por tipos de tumores, a leucemia aguda é o cancro infantil máis frecuente, seguido dos tumores do sistema nervioso central.

Cancro infantil
Cancro infantil | Fonte: Pxhere.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta