Ana Pontón (BNG): "Rematou o tempo do absolutismo. Fai falla gobernar desde o diálogo e o acordo"

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, está convencida de que o 18 de febreiro vai haber un gran cambio en Galicia. Un cambio do que ela vai saír presidenta da Xunta. "A xente está super emocionada. Hai moita pulsión de cambio", asegura nesta entrevista. Destaca que estes oito anos de líder do BNG na oposición foi "unha gran escola" e a preparou para este momento. Por iso apela ao voto útil para que ese cambio sexa posible.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 16/02/2024 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

Evita falar de pactos ou acordos con outros partidos pero, considera lóxico que, se é presidenta terá que falar con outras forzas e "acordar" ese novo goberno da Xunta. "Se a cidadanía decide un goberno plural pois haberá que actuar en consecuencia", asegura.  Critica a campaña do PP que "está dando bandazos". "Todo iso é un síntoma de que o cambio é imparable e que hai unha esperanza enorme en todo o país en torno ao BNG", asegura.  Sobre o impulso do idioma galego di que o que hai que ter é "unha imaxe de conxunto do que facer co noso sistema educativo" e non centralo só na lingua, para logo poder actuar.

Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta
Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta | Fonte: Bloque

 

Non paras nesta campaña. Por onde andas agora?

Pois en ruta, camiño dun novo acto.

 

E vaias a onde vaias, os actos cheos de xente, non?

Ana Pontón, líder do BNG
Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: BNG

A xente está super emocionada. Hai moita pulsión de cambio. Hai unha enerxía que move o país, que impulsa e se todo o mundo que quere cambio concentra o voto no BNG o 18 de febreiro teremos cambio e Ana Pontón presidenta.

 

Vexo que hai unha Ana Pontón coa filla e o pai na aldea, en Chorente; apareces nun vídeo dando luz, noutro falando da Ana máis persoal, noutro cantando. Vexo unha Ana candidata do 2024 moi diferente á Ana candidata no 2020 ou xa no 2016...

Porque estes anos liderando a oposición foron unha gran escola. Tiven oportunidade de percorrer o país, coñecelo, entrevistarme con moita xente, sectores económicos, empresas grandes, pequenas, cooperativas, xente do mar, da pesca, da Intelixencia Artificial e todo este traballo, tamén do conxunto da organización, para prepararnos para gobernar está dando froitos e a xente sabe que xa hai unha maioría de cambio que pasa polo BNG.

 

En todo caso, estou vendo que o BNG, ti, o teu equipo, deu un salto importante en estratexia de comunicación, en redes sociais, en  mercadotecnia, e iso nótase tamén.

É evidente que as redes xogan cada vez un papel moi importante e nós, tendo en conta que este é un xogo no que estamos en desvantaxe pois xogamos cos medios que temos porque o PP ten manipulada a TVG ao seu servizo e nós temos que utilizar o poder que nos dan as redes e a capacidade que teñen para que a nosa mensaxe chegue.

 

E semella que esa mensaxe chega porque as enquisas xa vos dan moito pulo. Xa te ves na Xunta, ademais falando de Ana presidenta toda a campaña?

Iso saberémolo o vindeiro 18 de febreiro. Obviamente eu preséntome para ser a súa presidenta que pide humildemente o seu apoio porque a Galicia cunha presidenta do BNG vaille ir moito mellor. E hai unha pulsión de cambio real. E o 18 a elección é, ou un presidente que se apelida Rueda ou unha presidenta que se apelida Pontón. E iso vaise decidir por moi poucos votos. Por iso fago un chamamento que quere cambio que colla con ilusión a papeleta do BNG porque imos facer historia e imos estar a altura das circunstancias. 

 

Logo de 43 anos onde tivemos seis presidentes e todos homes e de forzas estatais pois vai sendo hora que teñamos xa unha muller presidenta e do BNG

 

De aí a campaña de Ana presidenta. Está calando esa mensaxe?

Eu o que vexo é que hai moita ilusión porque este país poida ter a unha muller presidenta e unha presidenta coas mans libres. Penso que logo de 43 anos onde tivemos seis presidentes e todos homes e de forzas estatais pois vai sendo hora que teñamos xa unha muller presidenta e do BNG.

 

Tanto te ves xa de presidenta que xa deseñaches o futuro goberno, con áreas e a ti levando os temas de igualdade.  Isto non sentou ben noutros partidos da esquerda. Non cres que antes de falar de goberno haberá que falar cos futuros socios se dan as contas, claro?

Nós presentámonos para gobernar cun proxecto claro. Eu teño unha idea xa de como quero que funcione esa Xunta. Ten que ser un goberno impulso que supere esa concepción dos compartimentos estancos no que se radique o caciquismo e enchufismo e con proxecto de futuro. E, a partir de aí, a cidadanía fala. Nós presentámonos cun proxecto sólido para gobernar este país.

 

Supoño e aí están as enquisas apuntando cal vai ser a pata forte dese cambio. Pero entenderás que deseñar xa un goberno poida causar malestar porque ese cambio non vai ser só do BNG senón cun PSdeG ou mesmo con outras forzas da esquerda...

Nós o que insistimos é que os pactos os decide a cidadanía co seu voto e primeiro teñen que votar os cidadańs e se deciden por  un goberno plural pois haberá que actuar en consecuencia. E eu estarei encantada de presidir ese goberno que decidan os galegos e galegas e, logo de tantos gobernos de maioría absoluta que funcionan de xeito absolutista,  pois fai falla xa outro xeito de entender a gobernanza, desde o diálogo, desde a escoita e con capacidade de chegar a acordos, xusto o que lle faltou ao goberno do PP.

 

Claro, e de feito xa hai precedentes na Xunta, cun bipartito, do que o BNG formou parte. Falabas antes de que Igualdade é irrenunciable e que outras áreas son irrenunciables dese futuro goberno?

Este non é o momento desde debate senón que é o momento para que a cidadanía se mobilice e vote o 18 de febreiro. Cada cousa ten o seu tempo e agora estamos en campaña.

 

Falemos entón da campaña, semella que ao PP non lle está funcionando iso de españolizala, non?

Creo que o contrario.

 

Feijóo quería adiantar as eleccións en Galicia para ter un premio de consolación logo do fracaso en chegar á Moncloa

 

Cres entón que lle funciona?

(Ri) Eu penso que ao PP todo isto se lle vai volver en contra porque os galegos e as galegas están detectando que o PP non ten unha xestión que defender. Leva tentándose agochar con Cataluña e Puigdemont, aínda que agora deses temas xa queren falar menos, e, ademais, a sensación que hai é que Feijóo quería adiantar as eleccións en Galicia para ter un premio de consolación logo do fracaso en chegar á Moncloa. Pero o 18 de febreiro, os galegos e galegas vanlle responder alto e claro nas urnas.

 

Ousexa, que se che sae ben o 18F non só vas acabar con Rueda, senón con Feijóo, non?

Eu no que penso é en como mellorar a vida das persoas e como mellorar este país. Galicia necesita un cambio e este é o momento para facelo concentrando o voto no BNG.

 

Comentabache que é curioso que Feijóo, co que coincidiches en debates no Parlamento como líder da oposición, diga agora cousas que non che dicía neses debates parlamentarios; que se es radical, amiga de ETA e de Bildu...

Están dando bandazos na campaña, demostrando moito nerviosismo e penso que todo iso é un síntoma de que o cambio é imparable e que hai unha esperanza enorme en todo o país en torno ao BNG. E iso non o van parar nin con todas as mentiras, nin con todas as manipulacións.

 

De todos os xeitos, durante a campaña entraches no argumentario do PP ao falar de ETA. Ti cres que aos galegos lles interesa ETA, Puigdemont, Ayuso?

Unhas declaracións miñas?

 

Si, nas que dicías que ao electorado do BNG non lle importaría un achegamento dos presos de ETA aos cárceres de Euskadi.

A min fixéronme unha pregunta sobre ese tema e o que dixen é que o BNG o que defende é que se aplique a lexislación a todos por igual e que cremos que, nesta campaña, na que o PP está desesperado saca o comodín de ETA. E eu penso que en política non vale todo e neste país todo o mundo sabe que o BNG estivo en contra de ETA e no uso da violencia e o que demostra o PP con todo isto é a súa desesperación e a súa falta de escrúpulo.

 

Neste país todo o mundo sabe que o BNG estivo en contra de ETA e no uso da violencia

 

E como ves a Rueda nesta campaña?

Dáme a sensación que o PP nesta campaña esconde ao candidato. Non lle deixa nin facer a súa campaña.

 

Pero tiveches un tirapuxa moi forte con el durante o debate electoral a conta do idioma. Parece que che sacou un pouco o nervio?

Non, a min o que me indigna é a mentira.

 

E a que te refires coa mentira, en concreto?

Pois porque o señor Rueda comezou a súa vida política nunha manifestación cos sectores que están en contra do galego e rematou o seu mandato votando en contra de que o galego se poida falar no Congreso. E iso é unha vergoña que o vai perseguir sempre. A xente deste país, fale a lingua que fale o que quere é mil primaveras máis para a lingua galega.

 

Efectivamente, no tema do galego eu falaba o outro día cunha mestra que me dicía que ela cando comezou a dar aulas tiña máis galegofalantes que castelán falantes e agora, nunha zona do rural, na que hai cinco nenos que falan galego e dous que falan castelán, os galegofalantes acaban falando castelán. Entendo que o BNG, se entra no goberno, terá que facer algo para cambiar isto, non?

Nós temos que ter unha imaxe de conxunto do que queremos facer co noso sistema educativo. Non o podemos centrar só no tema da lingua. Temos que ter un ensino público e de calidade, incrementar profesorado, que recuperen os seus dereitos laborais, mellorar as rateos e tamén imos traballar para mellorar a calidade educativa e que a educación non sexa un axente desgaleguizador porque é básico que haxa igualdade no coñecemento para que haxa liberdade de elección.

 

Vexo ao electorado do BNG moi mobilizado, moita ilusión. Desta vai, como di Besteiro?

Pois este é o demomento do BNG e todo o mundo que queira cambio que colla a papeleta do BNG o 18 de febreiro e adiantaremos a primavera cun goberno do BNG.

 

E se non vai que vai pasar?

Vai ir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta