Remata a campaña do 18F: ETA e Puigdemont fronte a ilusión do cambio

Milleiros de persoas enchen os mítines de PPdeG, BNG e PSdeG. Nacionalistas e socialistas falan dun "cambio histórico" na Xunta, mentres que os populares apelan ao voto útil dos que voten a Vox e DO para evitalo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/02/2024 | Actualizada ás 23:36

Comparte esta noticia

Rematou a campaña máis igualada dos últimos anos. Unha campaña na que se sinte unha pulsión de cambio cara a un BNG que, por primeira vez na historia de Galicia, podería presidir o goberno da Xunta. Será, sempre e cando, o PSdeG resista nun panorama no que algunhas enquisas non lle foron favorables, e sempre e cando o PPdeG resista a marcha de Feijóo. Todo está no aire, os populares poden manter o poder por moi pouco ou co apio de Democracia Ourensana. E é que o partido de Jácome tamén pode ser decisivo o 18F.

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro saúdanse á súa chegada ao último debate electoral de TVE para as eleccións galegas
A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro saúdanse á súa chegada ao último debate electoral de TVE para as eleccións galegas | Fonte: Agostime - Europa Press

E esa pulsión de cambio tamén se trasladou aos peches finais dos grandes partidos. As tres formacións xuntaron a milleiros de persoas. Os populares falan de 3.000, igual que o BNG, mentres que o PSdeG apunta a 1.500 persoas. Foi unha campaña na que as mensaxes da política estatal estiveron moi presentes, principalmente, impulsadas polo líder do PP, Alberto Núñez Feijóo que comezou falando de Puigdemont e rematou con ETA e Bildu. Unha campaña que a oposición ve "desnortada" polos intereses do ex presidente da Xunta por manterse na sede da rúa Génova.

No mitin central do PPdeG, na Coruña, Rueda pechou a campaña electoral cunha intensa apelación ao voto útil e o foco nos socialistas "desencantados" pero tamén en quen votou a outros partidos en citas coas urnas previas distanciados do seu partido e coa fin de "dar un recado ao PP".

Aínda que non mencionou expresamente a Vox ou a outras formacións como Democracia Ourensana (DO), tras dous días de campaña en busca do voto dos socialistas "desencantados" co modelo de Pedro Sánchez, Rueda volveu á carga na Coruña cunha chamada a unir o voto no PP a quen apostou "por outras formas dicindo que non pasa nada" porque "total o PP vai gañar".

BNG

Pola súa banda, o Multiúsos Fontes do Sar quedou pequeno este venres no peche da campaña electoral do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que desbordou as previsións. Foi, tamén o final dun camiño de reconciliación interna que pechou filas en torno ao liderado de Ana Pontón e que desembocou nun dos abrazos máis simbólicos, o do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, co que foi o seu sucesor á fronte do Bloque Anxo Quintana.

Unha emocionada Ana Pontón  proclamou que "o cambio xa está aquí" cun multiusos entregado á "presidenta", a "facelo realidade" cunha "vitoria heroica". Ademais, apelou a todas as persoas a "soñar" cun 19 de febreiro, especialmente, ás mulleres e mozos.

PSdeG

Tamén o candidato do PSdeG a liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, pechou  a campaña electoral pedindo o apoio, especialmente aos mozos e ás mulleres, para "liderar o cambio histórico" en Galicia e advertiu aos populares que "o voto dos galegos non está en venda".

Un Besteiro que foi de menos a máis nesta campaña destacou que "a democracia non se compra e o voto dos galegos non esta en venda", e apelou ao votu útil para que os socialistas sexan "protagonistas do cambio histórico en Galicia". "E é un cambio que imos facer todos o galegos pero especialmente quero que sexa un triunfo dos mozos e das mulleres en Galicia", sinalou.

SUMAR

Tamén na Coruña pechou a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, a campaña apelando a aqueles "que teñen dúbidas" sobre que papeleta depositar nas urnas o vindeiro domingo para pedirlles que confíen en Sumar porque os "dous escanos" que aspira a lograr polas provincias da Coruña e Pontevedra serán os que fagan "caer" ao presidente da Xunta e aspirante do PP, Alfonso Rueda. Unha mensaxe que repetiu en varias ocasións nesta campaña ante a posibilidade de que esta formación quede sen representación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta