Adolfo Domínguez deixa de ser conselleiro delegado da súa empresa

Deixa nese posto ao seu número dous, Estanislao Carpio. O modisto seguirá como presidente executivo. A empresa reduciu as vendas un 8,2% o pasado ano.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 01/09/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Continúan os cambios en Adolfo Domínguez logo do ERE aprobado pola empresa téxtil. O Consello de Administración da firma de moda designou a Estanislao Carpio Martínez conselleiro delegado en substitución do modisto galego, que seguirá desempeñando o seu cargo como presidente executivo.

Tenda de Adolfo Domínguez
Tenda de Adolfo Domínguez

Carpio chegou á empresa en 2012 como director xeral e foi o encargado de saneala e de aprobar o ERE. Cando chegou contou como incentivo pola fichaxe a concesión dun préstamo de medio millón de euros para a adquisición de accións da compañía. O seu obxectivo estes anos foi “internacionalizar a compañía" para que en 2015 a metade dos seus ingresos procedan de mercados exteriores.

Estanislao Carpio traballou durante 16 anos no grupo Camper. Até 2007 exerceu como director xeneral e a partir dese ano como director de operacións. É enxeñeiro industrial pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Madrid e cursou o programa de alta dirección de empresas (PADE) pola escola de negocios IESE.

Este nomeamento tivo lugar o luns cando se celebrou en Ourense unha Xunta Xeral de Accionistas, na que se aprobou tamén fixar en oito o número de membros do Consello de Administración, a reelección dos conselleiros Elena González Álvarez (conselleira executiva) e Luxury Liberty, S.A., conselleiro dominical representado por Agnès Noguera Borel.

En canto ás contas de 2014 aprobadas pola Xunta Xeral, a empresa destaca que o exercicio estivo "marcado polos axustes e o inicio dunha reestruturación que continúa até hoxe".

De feito, o pasado ano reducíronse as vendas un 8,2 % debido, principalmente, ao plan de peche de tendas que rexistraban perdas. Así, en 2014 a compañía obtivo 121,5 millóns de euros en vendas, por 132,4 en 2013.

O resultado bruto de explotación (ebitda) descendeu un 33,6 % respecto ao ano anterior, ao pasar de 11,7 millóns a 7,7.

A compañía presentou ademais o seu plan estratéxico 2014-2018 co que pretende "crecer de forma sólida e rendible" a través de reorganizar a estrutura da compañía, con dúas marcas (AD e Ou), co desenvolvemento de capacidades organizativas e coa optimización de servizos centrais. Un crecemento que se pretende dar a costa dun ERE que afecta a 105 traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta