Comunicando...

Nestes tempos nos que os contedores (os museos) pénsanse e execútanse ás veces antes que os contidos que se supón son a súa razón de ser, hai un museo pequeniño en A Coruña que é, en si, toda unha ledicia... É unha historia de persoas que, con tesón e capacidade, volveron a ver funcionar aquelo que quedou no esquecemento despois de case un século de xigantes avances tecnolóxicos...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 21/02/2024

Comparte esta noticia
Hoxe quero contarlles unha historia que me ten moi emocionado. E é que un, a estas alturas do partido, é moi receptivo ás cousas que saen dunha lóxica real, pouco forzada, ben apegada á realidade máis cotiá. Nos tempos da cultura do envoltorio, na que ás veces te das conta de que do que se conta a o que é realmente vai un mundo, é sempre moi gratificante escoitar historias reais e saídas do anonimato. Pagan a pena...
 
Pensen vostedes, por favor, nun grupo de persoas prexubiladas dunha grande empresa de telecomunicacións. Pero non de calquera, senón da que no seu día foi do Estado e a única, presente na comunidade galega desde fai agora cen anos. Isto é importante telo en conta porque, con tal circunstancia, pódese entender que estas persoas viron de primeira man os sucesivos avances na comunicación por teléfono en Galicia. Pois imaxinen vostedes que tales profesionais, moito máis aló da seu labor remunerado, levaban o interese e a paixón polo que facían ata convertelo, tamén, nun dos seus intereses persoais. E, así as cousas, pensan en montar un museo...
 
Ese é o xermolo do Muditel, Museo Didáctico das Telecomunicacións, único na súa especie e que pode ser visitado en A Coruña, no baixo da central do Montiño. Os promotores do museo recibiron o apoio da que foi a súa empresa coa cesión dun espazo alí. E, con tales vimbios, comezaron o proceso de recuperación de equipos que, obsoletos e superados desde unha perspectiva só tecnolóxica, eran en cambio un fantástico instrumento didáctico para explicar precisamente iso que pretenden: a historia das telecomunicacións por teléfono.
 
Pero desde o principio tal grupo de ilusionados promotores tivo unha cousa clara: non querían un espazo expositivo, unha colección de pezas para contemplalas, senón un museo activo e dinámico. Un espazo que servise, exactamente, para o uso que os diferentes aparellos rescatados de almacéns, preparados e ás veces tamén adaptados para poderen ser acoplados ao proxecto, sempre tiveron: axudarnos na nosa comunicación de voz. E o resultado é, entón, o que eu puiden ver: un museo didáctico, no que é posible utilizar un dos primeiros aparatos telefónicos, similares ao patentado por Graham Bell o 14 de febreiro de 1876, conectado á vez a unha  pequena central de conmutación manual, que á vez está conectado a unha central maior, correspondente xa a unha vila, para chegar á central analóxica de discos xiratorios -tamén presente alí- e, de aí, saír á rede e poder utilizar todo iso para chamar a calquera teléfono externo ao museo, sexa fixo ou móbil. Que lles parece? A min encantoume a proposta, complementada por outras pezas tales como teletipos, aparatos de código Morse ou mesmo radioteléfonos, teléfonos móbiles, cabinas telefónicas ou o actual mundo da fibra óptica. E, o máis importante, esta foi tamén aplaudida e moi ben valorada polo grupiño de rapaces e rapazas que comigo e un par de docentes máis viñan, participantes no club de lectura científica do IES Agra do Orzán de A Coruña. O realmente marabilloso foi que eles tamén desfrutaron da visita e da experiencia, e tamén o salientable exercicio de comunicación interxeneracional que, en vivo e en directo, foi tal tempo. Era unha ledicia apartarse un pouco e ver, case como desde fóra, as animadas explicacións dos que foron técnicos nas diferentes materias e que hoxe, xa xubilados, seguen nestas tarefas con interese e cariño. Ou as respostas dos rapaces e a súa interacción coas máquinas, da mesma forma que aquelas “teleoperadoras” que facían posible a comunicación nas centrais de hai non tanto tempo.
 
A visita ao Museo Didáctico das Telecomunicacións (Muditel) serviume tamén para reflexionar sobre o modelo de xestión cultural imperante, e sobre o tratamento que se lle da ás cousas verdadeiramente interesantes. O pequeno museo non ten claro no momento presente o seu futuro, polas dificultades de atención cada vez máis claras por parte do grupo promotor, todos voluntarios e cada vez maiores. Pero o seu valor é, en si, moi grande. Moito máis que pretendidos museos científicos que, ás veces, esmorecen por falta de novas iniciativas pero, sobre todo, de recursos. Me consta que houbo conversacións para darlle algunha saída moito máis potente, á altura do que se merece, ao Muditel. Pero, que eu saiba, todo quedou aí, no limbo das promesas. Fanse enormes contedores desde arriba, ás veces sen máis lóxica que a querenza dos que mandan no eido político e non tendo claro que poñer dentro, e non somos quen de darlle o valor que ten ao que realmente paga a pena pola súa pegada real, sen floreos nen ocorrencias. Si, temos que reflexionar sobre iso, porque é verdade que hai cousas que non se entenden...
 
Sirva esta columna deste mes, mirando ao mar, non só para invitarlles a coñecer o Muditel e darlle publicamente o enorme valor que ten, senón para poñelo como exemplo de cousa ben feita, case sen recursos e con moita forza e capacidade. Sirva como sentida homenaxe ao seu grupo humano.  E, paralelamente, para pensarmos en voz alta sobre a cultura que queremos e por que, o cal está intimamente relacionado coa idea de que sociedade queremos e cal non. É a nosa teima nestas páxinas...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Museo das Telecuminacións na Coruña, Muditel
Museo das Telecuminacións na Coruña, Muditel | Fonte: historiatelefonia.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.