Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/02/2024 | Actualizada ás 15:14
A Xunta que deixou Feijóo hai catro anos non será a mesma. Ou iso, cando menos, é o que deixou entrever o presidente electo, Alfonso Rueda, que o sucedeu no Goberno galego hai dous anos. O vencedor das eleccións galegas anunciou que fará "cambios" para "acertar coas mellores persoas e estruturas", pero será logo dun proceso de reflexión.
"Eu estou moi orgulloso do meu goberno e agora teremos que pensar como facer entre todos para ter o mellor goberno. Pido días de prazo para acertar coas mellores persoas e estruturas", dixo dando por suposto que algún cambio fará no futuro goberno da Xunta herdado de Feijóo.
"Estamos na semana seguinte das eleccións e son consciente do caudal de confianza recibido nas urnas e tentarei responder a ese caudal", dixo na rolda de prensa posterior ao Goberno da Xunta. "O Goberno --galego-- fixo ben as cousas e agora teremos que darlle voltas para ver cales son as mellores estruturas e persoas na nova etapa. Empezamos xa a traballar para ver cal é a mellor fórmula para facelo", engadiu.
En todo caso, Rueda foi moi prudente e non quixo aventurar que conselleiros marcharán, nin os que quedarán, nin tampouco se haberá cambios no organigrama da Xunta ou na creación de novas consellerías. "Respecto dos nomes temos todos estes días para falalo", aclarou sen indicar cales marchan ou cales quedan. O que si quixo deixar claro é que o seu futuro gobenro non terá "nin por asomo" o número de ministerios do Goberno de Pedro Sánchez.
PRIORIDADES
Rueda tamén avanzou as prioridades do seu goberno nos vindeiros catro anos que, dixo, serán semellantes as dos últimos catro anos porque as súas políticas, insistiu, "foron refrendas polos galegos nas eleccións do pasado 18F". "Acabamos ter apoio case do 50% e cada un de dos galegos opinan que fixemos bo goberno", dixo.
"Hai cousas que corrixir aínda que non se acerta sempre", apuntou a preguntas dos medios de comunicación. Sobre as prioridades avanzou que serán as que levan no programa electoral; "garantir a estabilidade, cumprir o programa electoral e seguir facendo un ambiente estable en Galicia". E para iso, incidiu, insistirá nas "políticas sociais, na sanidade, educación, servizos públicos fundamentais, facer de Galicia un entorno amigable para traer investidores e manter os que temos ou rebaixas fiscais".
RESULTADOS
O presidente galego tamén se referiu aos resultados acadados polo seu partido en distintas provincias e cidades de Galicia, nomeadamente, en Vigo, onde o PPdeG estivo por baixo do BNG ou nas provincias da Coruña ou Lugo, onde perdeu un escano. Dos resultados da urbe olívica dixo que foron mellores que hai catro anos, a pesar da marcha da súa líder local, Marta Fernández-Tapias. "Xa se fixo unha xestora local en tempo récord", apuntou.
Con todo, destacou, ademais, o apoio do conxunto da provincia de Pontevedra, da que el foi secretario provincial ata hai dous anos. "Temos mellores resultados que hai catro anos", insistiu. Tamén salientou os resultados de Lugo á espera do voto emigrante. "Estamos arredor do 44% en Lugo", engadiu para destacar o apoio recibido, algo que non fixo cos resultados da Coruña, onde é secretario provincial Diego Calvo, tamén conselleiro. "Haberá que ver onde temos marxe de mellora no futuro", dixo.
ALCALDES
Rueda tamén pediu un cambio da actitude a certos alcaldes, especialmente, aos de Santiago e Vigo. "Creo que as eleccións pasaron e agora temos que colaborar todos xuntos e a alcaldesa de Santiago sábeo ben", dixo ao ser preguntado polas demandas de Goretti Sanmartín, do BNG. "Xa pasou a confrontación electoral e agardemos colaboración", incidiu. E, a mesma mensaxe foi para o alcalde vigués, Abel Caballero. "A ver se colaboramos e non hai confrontación que sempre chega da mesma parte", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.