Tres feridos nunha colisión múltiple en Pontedeume con cinco coches e un autobús implicados

Un dos afectados é Álvaro Giménez, xogador do Racing de Ferrol, que se atopa "ben" pero foi ao hospital porque "era o protocolo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2024 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Tres persoas resultaron feridas, en principio sen revestir gravidade, e foron trasladadas por mor dunha colisión múltiple ocorrida na mañá deste venres en Pontedeume con cinco coches e un autobús implicados. Un dos afectados é Álvaro Giménez, xogador do Rácing Club de Ferrol, pero atópase "ben", segundo confirmou nunha rolda de prensa o adestrador do conxunto, Cristóbal Parrado.

Segundo informa o 112 Galicia, o sinistro ocorreu sobre as 9.30 horas da mañá. Nese momento, varios particulares contactaban coa central de emerxencias para explicar que presenciaran unha colisión en cadea no quilómetro 18 da AP-9F, á altura da parroquia eumesa de Vilar e en sentido Ferrol.

De feito, pouco despois chamaba un dos condutores para solicitar asistencia sanitaria para algunhas das persoas que ían a bordo dos vehículos implicados. No que respecta ao autobús, transportaba a medio centenar de pasaxeiros, pero resultaron ilesos e puideron continuar o seu traxecto a bordo doutro vehículo.

Seguidamente, o 112 solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias-061, dos bombeiros de Betanzos, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local de Pontedeume e dos servizos de mantemento da autoestrada. Unha vez no lugar, estes efectivos confirmaron que todos os afectados estaban liberados e accesibles. Tres deles que viaxaban en diferentes coches tiveron que ser trasladados en ambulancia a un centro hospitalario.

Un dos afectados foi o xogador do Racing de Ferrol Álvaro Giménez, orixinal de Elxe (Alacante), quen esta mañá non se presentou aos adestramentos. O adestrador do club confirmou que falou con el, porque lle "estrañaba o atraso", e o propio xogador confirmoulle "que estaba ben", que sufrira un accidente de tráfico e que "ía ao hospital" pero porque "era o protocolo". No entanto, o dianteiro será baixa no encontro do conxunto ferrolán contra o Eldense.

112  / Europa Press - Arquivo / Europa Press
112 / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta