Declarado culpable de asasinato un dos irmáns que apuñalou a Gregory ás portas dun pub en Santiago

O xurado popular declarou este venres por unanimidade a Víctor Delgado Holguín culpable de asasinar a Gregory Furcal en xaneiro de 2023, considerando que cando o apuñalou ás portas do pub La Grandota, en Santiago de Compostela, tiña intención de matalo. Pola contra, determina que o seu irmán, Michael Delgado, é culpable de lesionalo e dun homicidio por imprudencia, ao non ter intención de acabar coa súa vida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2024 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O xurado popular declarou este venres por unanimidade a Víctor Delgado Holguín culpable de asasinar a Gregory Furcal en xaneiro de 2023, considerando que cando o apuñalou ás portas do pub La Grandota, en Santiago de Compostela, tiña intención de matalo. Pola contra, determina que o seu irmán, Michael Delgado, é culpable de lesionalo e dun homicidio por imprudencia, dado que participou na liorta aínda que sen intención de acabar coa súa vida.

Segundo día de xuízo polo apuñalamento mortal de Santiago de xaneiro de 2023
Segundo día de xuízo polo apuñalamento mortal de Santiago de xaneiro de 2023 | Fonte: Europa Press - Arquivo

Así o leu este venres ante os acusados a portavoz do xurado popular, que alcanzou un veredicto sobre o caso cando estaban a piques de cumprirse tres días de deliberación. Segundo o veredicto, un dos irmáns, Víctor Delgado, acabou coa vida da vítima a puñaladas de maneira intencionada, mentres que o outro, Michael, non tivo intención de matar a Gregory, aínda que si de lesionalo, agarrándoo e limitando os seus movementos mentres o seu irmán executaba o crime.

Aínda que determinaron que a capacidade de defensa da vítima viuse minguada, os xurados descartan que estivese totalmente indefenso, dado que portaba na man unha botella coa que ameazou aos acusados. O terceiro acusado foi declarado inocente dos cargos que pesaban sobre el.

Entre os elementos que o xurado tomou en conta para esta decisión está o feito de que, como se pode ver na gravación, este irmán levaba unha navalla na man, pero non apuñalou con ela á vítima. De feito, consideraron non probado que Michael utilizase nalgún momento a navalla contra a vítima ou contra o terceiro acusado, aínda que si determina que a portaba.

Un dos puntos que causou máis controversia aos xurados (e, como consecuencia, á futura sentenza) é o feito de que a vítima tivese ou non algunha capacidade de defensa, dado que os ítems do obxecto de veredicto que fan referencia a esta cuestión son os que contan con menos votos a favor. Así, o veredicto considera (por seis votos contra 3) que Grégory non estaba totalmente indefenso no momento dos feitos.

HOMICIDIO DOLOSO E POR IMPRUDENCIA

Durante o último trámite, tanto Fiscalía como acusación modificaron a súa petición de penas, tendo en conta que non quedou totalmente acreditado para o xurado que a vítima estivese indefensa e, por tanto, que o crime sexa un asasinato. En concreto, Fiscalía, que orixinalmente pedía para os procesados 30 anos de prisión (por asasinato e lesións), cualificou os feitos dun delito de homicidio doloso, no caso de Víctor Delgado, e de lesións agravadas ou homicidio por imprudencia no caso de Michael Delgado.

Por iso, pediu para o primeiro unha pena de 15 anos de prisión máis 10 de liberdade vixiada e, para o outro, 14 anos e medio de prisión (cinco por lesións e nove e medio por homicidio imprudente) máis 10 de liberdade vixiada. A acusación particular, que inicialmente tamén falaba de asasinato con aleivosía, adheriuse a estas conclusións en consonancia co veredicto e a posta en dúbida da aleivosía.

Pola súa banda, a defensa dos dous irmáns pediu unha pena de 12 anos de prisión para Víctor Delgado, por un delito de homicidio doloso de acordo co veredicto do xurado; e de catro anos, tres meses e un día para Michael Delgado, considerando que non é factible sumar as penas do delito de lesións agravadas e homicidio por imprudencia e tomando, para iso, a metade superior da maior das penas. O caso quedou visto para sentenza.

APUÑALAMENTO

Os feitos sucederon na madrugada do 2 de xaneiro de 2023 fronte ás portas da discoteca La Grandota, en Santiago de Compostela, onde a vítima, un novo dominicano de 31 anos, pasara a noite en compañía de amigos. Ás portas estaban os dous acusados, dous irmáns de orixe colombiana que tiñan prohibida a entrada no local por pelexas previas.

A liorta que se desencadeou na rúa, e na que tamén interveu un terceiro acusado, saldouse con dous feridos, un dos irmáns, cunha puñalada nas costas, e a vítima mortal, que recibiu tres coiteladas, unha das cales lle seccionó a femoral. Foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago, onde faleceu dous días despois.

Ao longo de sete días pasaron pola sede compostelá da Audiencia Provincial numerosas testemuñas presenciais dos feitos, axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e forenses, que trataron de aclarar que sucedeu aquela madrugada, unha liorta espontánea ou un crime intencional. Unha das probas máis reproducida foi un vídeo gravado pola cámara de seguridade dun ximnasio próximo, na que pode verse parcialmente a pelexa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta