O PP pedirá no Congreso a dimisión de Armengol polo caso Koldo por "limpeza democrática"

Tellado pide a Sánchez que compareza para dar explicacións: "Se algo temos claro é que o sabía e tapouno".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Popular no Congreso, Miguel Tellado, anunciou que o PP rexistrará este luns na Cámara Baixa un escrito pedindo a dimisión inmediata da presidenta do Congreso, Francina Armengol, "pola súa evidente implicación" no caso Koldo. "Todo apunta a que colaborou coa trama e tentou enganar á UE pedindo que, con fondos comunitarios, asumise o gasto desta estafa", manifestou o dirixente popular, quen destacou que, por limpeza democrática, Armengol debe dimitir canto antes porque "xogou co diñeiro, a saúde e a intelixencia dos españois".

Para o responsable do PP o caso Koldo é o caso Sánchez. "Este non é o caso Koldo, este non é o caso Ábalos, este é o caso Sánchez, porque todos os implicados son persoas tremendamente próximas ao presidente do Goberno e son persoas que teñen unha vinculación directa con el", subliñou durante a súa intervención nun acto da Ruta pola Igualdade do Partido Popular na Coruña. Na súa opinión, "Armengol está a facer un dano enorme" ao Congreso dos Deputados e "está a devaluar o prestixio dunha institución que ten que estar moi por encima de todo isto".

Tellado insistiu en que Armengol "non pode seguir nin un minuto máis á fronte do Congreso dos Deputados. Non está capacitada nin ética, nin política, nin moralmente e por iso canto antes ten que abandonar a presidencia do Congreso dos Deputados".

"SÁNCHEZ SABÍAO E TAPOUNO"

O dirixente popular pediu ao Goberno que "asuma as súas responsabilidades" e "apague esa intención de manter un ventilador e tratar de meter na súa trama a quen nunca estivo". "Estamos a falar dunha trama de corrupción socialista e son os socialistas os que teñen que dar todas as explicacións. É hora de que Pedro Sánchez deixe de esconder", indicou.

Neste sentido, Tellado pediu a comparecencia de Pedro Sánchez para dar explicacións. "Hoxe, se algo temos claro, é que Pedro Sánchez o sabía. Pedro Sánchez sabía todo. Sabía todo o que estaba a suceder e tapouno, e por tanto débelle unha explicación ao conxunto da sociedade española", subliñou. O dirixente do PP lembrou que a trama de comisións pola compra de máscaras sucedía nos primeiros meses do ano 2020 e Sánchez cesou como ministro a Ábalos en xullo de 2020.

"Aquel cesamento nunca foi explicado. Nunca coñecemos os motivos polos que Pedro Sánchez decidiu botar do seu Goberno ao señor Ábalos. Posiblemente naquel momento Pedro Sánchez xa era coñecedor de como se roubou nese ministerio. E Pedro Sánchez tapouno", declarou. Para Tellado "isto é tremendamente grave porque calquera cidadán que é coñecedor dun delito ten a obrigación de polo en coñecemento da xustiza. Xa non digo se ese cidadán é ademais o presidente do Goberno de España", concluíu.

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Miguel Tellado, durante unha rolda de prensa, na sede do PP, a 3 de xaneiro de 2024, en Madrid (España). Durante a rolda de prensa, presentou a emenda á totalidade, con texto alternati. Eduardo Parra - Europa Press
O portavoz do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Miguel Tellado, durante unha rolda de prensa, na sede do PP, a 3 de xaneiro de 2024, en Madrid (España). Durante a rolda de prensa, presentou a emenda á totalidade, con texto alternati. Eduardo Parra - Europa Press

BOLAÑOS TERXIVERSA O INFORME DA COMISIÓN DE VENECIA

Doutra banda, advertiu que o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, "terxiversou" o borrador dun informe da Comisión de Venecia "froito do seu nerviosismo e pola soidade do Goberno".

"Sánchez tomou a todo un país como refén dos seus escándalos de corrupción e das impagables débedas contraídas cos seus socios independentistas. O Goberno dedícase a resistir e a empregar todos os seus recursos a non afogarse e porse a cuberto ante a trama de mordidas", resaltou.

Por último, felicitou ao PP de Galicia polo resultado obtido o pasado 18F tras lograr a súa quinta maioría absoluta consecutiva. "Sánchez foi o gran perdedor destes comicios porque os galegos dixeron que así non", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta