Temas: MúSICA

Wos Inc, vangarda e risco musical en Compostela

Música, debate, gastronomía, cine e artes escénicas son algúns dos ingredientes do Wos Inc, que se celebra dende este serán do venres durante toda a fin de semana na capital do país.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 11/09/2015 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O laboratorio de ideas en forma de festival que é o Wos Inc comeza esta mesma tarde con un feixe de propostas vangardistas e cheas de risco. Será cos acordes que arroupan a voz do crooner americano Daniel Knox na Zona C a partires das cinco da tarde. Pero ese será só o principio dun evento que conxuga música -o principal ingrediente- con artes escénicas, gastronomía, cine ou practicamente calquera maneira de expresarse. Tamén nos brinda a posibilidade de debater temas tan da actualidade coma a necesidade dunha linguaxe en feminino nas artes que coordinará a xornalista Lara Tigre, alcume de Xiana Arias, e isto, só por citar algún exemplo, pois polas mesas redondas de  esta fin de semana pasarán personalidades coma Luis Boullosa ou Fernando F. Rego, estes no eido do xornalismo musical e a xestión cultural, constatando que o Wos Inc é unha máquina imparable de crear fíos de opinión e inquietude artística.

A banda de Vigo Cró!
A banda de Vigo Cró!

O que está claro é que o máis destacable neste festival é a música que para este ano pódese dicir que conta cun vello coñecido coma Michael Rother, membro de varias das formacións que máis dan e deron de que falar no panorama das músicas de vangarda. O músico alemán formou parte de varios elos imprescindibles na evolución da linguaxe musical: NEU!, Kraftwek ou Harmonia. Se ben no Wos Inc estará interpretando temas do seu traballo en solitario, con NEU! e Harmonia. Ademais de Michael Rother, no Wos Inc estarán formacións apegadas ás vangardas sonoras como os irlandeses Girl Band, o africano Mdou Moctar, os canadianos No Joy, o británico Pye Corner Audio, as lusas Pega Monstro ou a americana Noveller  Esto só por citar algún exemplo pois a oferta ademais de suculenta e moi ampla e heteroxénea dabondo para calquera amante da música que camiña pola vida coas orellas abertas.

A representación galega é antolóxica e é que aproveitando ese bo momento que atravesa a música galega no artístico en este momento, o Wos Inc trata de traer os sons máis representativos de esa nova escena galega que se pode ler e escoitar nas radios e revistas dirixidas dende a capital do Estado. Estamos falando de Bala, Cró!, the Vog, Fluzo, Trilitrate, Volonté ou Wozzyow: bandas galegas que por desgracia soen ter máis repercusión nos festivais alén das nosas fronteiras que nos de aquí do país.

Mención aparte merece unha das propostas que chegan de España coma a do Niño de Elche. unha rara avis no panorama do estado. Mesturando o exotismo do cante flamenco co surrealismo do seu discurso e unha capacidade única para saltar entre distintos estilos, Paco Contreras que é como se chama en realidade parece que vai a dar bastante que falar nos próximos anos ou incluso décadas.

Para consumar toda esta oferta a elección dos espazos é outra das virtudes do festival, pois consegue mimetizar todas estas propostas na arquitectura urbana de Compostela. Dende a Igrexa da Universidade ou a Sala Capitol, o Pazo de Bendaña -ollo! porque os concertos de hoxe en este espazo trocan de lugar por mor da choiva-, pasando polo CGAG ou a Zona C, a SGAE ou o mercado de Abastos.

Pero non queda aí a cousa pois dende hoxe e ata o domingo o Wos Inc atraerá ao público con un montón de actividades de distinta pelaxe. Para non perderse nada, o mellor é consultar o programa completo  e aínda quedan abonos e entradas de día a venda que podedes mercar picando en esta outra ligazón

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta