O Tribunal Supremo quere xulgar penalmente a José Manuel Baltar por conducir a 215km/h

O TS pide un suplicatorio á Cámara para suspender a inmunidade que agora ten como senador o ex presidente da Deputación de Ourense.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 06/03/2024 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

A maxistrada do Tribunal Supremo Ana Ferrer, como instrutora da causa, elevou unha exposición razoada á Sala Segunda na que propón solicitar un suplicatorio ao Senado para suspender a inmunidade e proceder penalmente contra o senador do PP José Manuel Baltar Blanco, ao apreciar contra el indicios racionais dun presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir a 215 quilómetros nun tramo de velocidade limitada a 120 km.

O senador do PP e expresidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, chega a declarar ao Tribunal Supremo, a 19 de decembro de 2023, en Madrid
O senador do PP e expresidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, chega a declarar ao Tribunal Supremo, a 19 de decembro de 2023, en Madrid | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

A instrutora considera que do actuado, esencialmente a través do testemuño remitido desde o Xulgado do Penal 1 de Zamora, resultan indicios racionais de criminalidade contra o senador, como presunto autor do citado delito do artigo 379.1 do Código Penal, o que abocaría á continuación polos trámites do Procedemento Abreviado e coa inculpación formal que reclama con carácter previo a autorización do Senado.

A instrutora adoptou esta decisión despois de que o pasado febreiro rexeitase a petición do senador de anular a causa penal polo feito de ser multado previamente en vía administrativa por un exceso de velocidade.

SEIS MESES DE MULTA

Antes de que o caso chegase ao Supremo, o Ministerio Fiscal presentara escrito de acusación contra Baltar considerándoo autor dun delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos a motor a velocidade superior á legalmente permitida do artigo 379.1 do Código Penal.

A Fiscalía pediu unha pena de seis meses de multa a razón de cota diaria de 10 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria que en caso de falta de pagamento establece o artigo 53 do Código Penal e 1 ano e 1 día de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores.

O xulgado de instrución, de conformidade co prevido no artigo 800.1 da Lei de Enxuiciamento Criminal, acordara a apertura do xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos dun delito de condución de velocidade notoriamente superior ao Regulamento O 15/2007.

A 215 KM/H

Os feitos remóntanse ao domingo 23 de abril, cando Baltar foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos, ao volante dun coche da Deputación de Ourense. Tres meses despois, Baltar foi elixido senador por designación autonómica a proposta do PP, o pasado 28 de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta