O que hai detrás da febre eólica; entre os negocios das multinacionais e o respecto das decisións xudiciais

A decisión do TSXG de paralizar todos os proxectos eólicos pendentes en Galicia e sexa a xustiza europea a que decida acaba de poñer en pé de guerra á Xunta, ás empresas do sector e á CEG que anuncian recursos. Xuíces para a Democracia insiste na independencia xudicial.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un total de 32 proxectos, 14.000 empregos directos e indirectos, millóns de euros en beneficios e grandes investimentos. Iso é o que venden as multinacionais eólicas para tentar implantar os 3.381 MW aprobados para Galicia. Un negocio que defende a Xunta, o sector eólico e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) pero que rexeitan multitude de entidades ecoloxistas, asociacións, concellos e partidos políticos da oposición.

O colectivo Amil Sen Eólicos denuncia o desaparecimiento da'Pisada do Mouro' do Monte Acibal. COLECTIVO AMIL SEN EÓLICOS
O colectivo Amil Sen Eólicos denuncia o desaparecimiento da'Pisada do Mouro' do Monte Acibal. COLECTIVO AMIL SEN EÓLICOS

 

Pero todo ese negocio agora está pendente de Bruxelas tras a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de suspender 16 parques eólicos e remitir todo o procedemento á xustiza europea. Será oTribunal de Xustiza da UE (TXUE) o que que decida finalmente sobre parte da legalidade do marco eólico galego.

 

O sector eólico insiste nos "grandes beneficios económicos" que os muíños traerán a Galicia tal e como recolle o  informe elaborado pola empresa Deloitte, encargado pola Asociación Eólica de Galicia (AEG). Por iso, Manuel Pazo, presidente desta entidade insistía nunha entrevista no GC que "o 85% da sociedade galega está a favor da enerxía eólica" e critica a "incerteza xurídica" causada polas resolucións do TSXG.

Un aeroxerador no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense
Un aeroxerador no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense | Fonte: Agostime - Arquivo

 

Desde a AEG lembran que a maioría deses 3.381 Mw teñen unha tramitación de entre catro e dez anos e que, unha veza aprobados os parques, leva un ano poñer en marcha as obras. "Despois está a compra de material, que non é doado, as entregas de turbinas e transformadores tampouco é doado, poden tardar entre 15 ou 18 meses en chegar", dicía Pazo que criticaba a "inseguridade xurídica" actual porque "cada un deses proxectos están recorridos, hai alegacións, e con esa inseguridade xurídica as empresas vanse para outros lugares".

 

O NOVO MARCO XURÍDICO

 

Pero por que é agora cando se desatou a febre eólica?. En parte, porque o marco regulador en 2017 elimina a concorrencia entre empresas, pois até ese momento cada ano a Xunta facía unha convocatoria pública e as empresas competían entre elas. Aquelas que ofrecían máis contraprestacións tiñan unha autorización fronte ás que ofrecían menos. A partir dese ano isto desaparece e entran en escena proxectos admitidos a trámite sen competir entre eles.

 

É un modelos xurídico deseñado polos reguladores autonómicos que, segundo os expertos, favorece a especulación, xa que permite iniciar o proceso de adminisión a trámite para unha futura autorización sen que isto estea acompañado de investimentos e sen que se xeren os beneficios indirectos.

 

"O modelo creado pola administración autonómica creou inseguridade xurídica", aseguraba ao GC Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e que forma parte do equipo que conforma o Observatorio Eólico de Galicia. "As empresas normalmente non fan reunións cos propietarios senón que van porta por porta, teñen moita información, van moi ben preparados como profesionais da negociación", aclaraba.

 

Ademais, e tal e como teñen denunciado grupos ecoloxistas en numerosos destes proxectos non se teñen en conta o respecto do medio ambiente, do patrimonio e da paisaxe que, nagunhas zonas, mesmo están protexidas por decretos autonómicos. 

 

SUSPENSIÓN DO TSXG

 

Son argumentos que tivo moi en conta o TSXG para suspender a totalidade dos proxectos pedentes a pesar da sentenza do pasado mes de decembro do Tribunal Supremo que rexeitaba dúas das causas que o alto tribunal galego empregaba para a paralización destes proxectos. Precisamente, o TSXG explica que adaptou os criterios á hora de decidir sobre medidas cautelares respecto destes proxectos, con base en cuestións como poden ser a "cautela, prevención e precaución" ambiental.

 

Ademais expuxo unha tripla cuestión prexudicial ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE) para que determine se a Xunta debeu poñer ao dispor do público interesado os informes sectoriais sobre parques eólicos para que puidese, no seu caso, formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións dos parques antes de ser aprobados.

Estas decisións do alto tribunal galego teñen provocado moito nerviosismo no sector -- Greenalia, Iberdrola, Acciona, Enel Green Power, Norvento, Naturgy ou EDP-- e críticas do Goberno galego e dos empresarios sobre esta decisión.  O presidente da Xunta dixo respectar, pero non compartir, esta decisión e acusou a este tribunal de non pensar nas consecuencias que esta decisión ten para a economía do país. Así, calificouna de "curiosa" e "singular".

ENFADO E CRÍTICAS

 

Visiblemente molesto, Rueda evitou apuntar directamente ao ex líder de En Marea, Luis Villares, maxistrado titular da sección 3ª da Sala do Contencioso Administrativo, de onde saíu esta decisións, pero lembrou que as decisións adoptadas por esta sala sobre paralizacións eólicas "xa foron enmendadas polo Tribunal Supremo". "E agora decide acudir ao Tribunal Europeo, unha decisión que leva á paralización de todos os proxectos", dixo.

 

Por iso a Xunta anunciou xa que alegará.  "Continuaremos loitando e esperamos que o Supremo corrixa esta doutrina do TSXG como xa fixo coas únicas cuestións que ata agora puido resolver, onde se anularon as resolucións do TSXG", indicaban desde a Consellería de Economía. Tamén algunhas das multinacionais afectadas anunciaron recursos.

 

Ademais, a  Comisión de Enerxía da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mostra a súa "preocupación" pola decisión do TSXG cuxas consecuencias "poden ser de extrema gravidade" para o tecido empresarial.  "Desde a Comisión de Enerxía da CEG sumámonos á preocupación do sector eólico e de todo o sector industrial en xeral, porque ademais da paralización de parques en tramitación en Galicia, está a cuestionarse, anos despois, a transposición da directiva europea e por tanto as autorizacións que se tramitaron en España desde a súa aplicación", apuntou o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites.

 

APOIO DOS XUÍCES

 

Non é a primeira vez que a Xunta e o sector empresarial ataca tan duramente as decisións do TSXG. De feito, o pasado xullo a Sección Territorial de Xuízas e Xuíces para a Democracia de Galicia defendedía a súa "independencia xudicial" e a "dignidade de todos os seus membros", ante algunhas manifestacións públicas de portavoces de empresas eólicas e responsables da Administración contra as resolucións ditadas polo alto tribunal galego que paralizan a construción de parques eólicos.

 

"A crítica ou valoración ás resolucións xudiciais é lexítima, pero neste caso non é iso o que sucedeu. As manifestacións realizadas debullaron un escenario falso e, sen querer ou poder cuestionar os motivos das resolucións, optaron polo ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado dos que conforman sala", sostiñan os xuíces nun comunicdo.

 

Tras as novas críticas ás decisións do TSXG, Xuízas e Xuíces para a Democracia non remitiu aínda ningún escrito oficial pero remítese ao xa manifestado nese escrito e insiste en que se respecte a "independencia" das decisións xudiciais. "Esas decisións parten dunha sección colexiada e non son decisións dunha persoa", apuntan fontes deste órgano consultadas por GC que puntualizan que todas as resolucións do alto tribunal galego "son colexiadas e independentes".

Eólico
Eólico | Fonte: Asociación Eólica de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta