Máis da metade da poboación galega asegura que sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano

A maioría deles relacionados co spam (92,8%) ou con intentos de estafa (26,2%).

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/03/2024 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Un 53,3% da poboación de Galicia sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, segundo os datos publicados este sábado polo Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA) no seu informe anual "O estado da ciberseguridade en Galicia", a maioría deles relacionados co spam (92,8%) ou con intentos de estafa (26,2%).

Segundo destacou a Xunta nunha nota de prensa, o estudo reflicte que, a maior nivel de estudos maior é o risco de sufrir un incidente de ciberseguridade, xa que tamén son as persoas que usan de forma máis frecuente e avanzada os servizos e produtos de internet.

Así mesmo, explicou que existen grandes diferenzas entre as principais cidades galegas na probabilidade de que os internautas sufran algún incidente de ciberseguridade. Pontevedra é a cidade de Galicia coa probabilidade máis alta, ao alcanzar unha cifra superior ao 75%, mentres que en Ferrol é onde menos probabilidade existe, cunha porcentaxe do 42%.

O informe indica tamén que o móbil é o dispositivo electrónico máis utilizado pola cidadanía e a medida de seguridade máis habitual para protexelo é o pin ou patrón de desbloqueo, cun uso do 90,4% da cidadanía galega. A medida que máis aumenta é o uso da identificación por pegada ou outros datos biométricos, que usan o 50,4% das persoas.

Facer regularmente copias de seguridade da información persoal é a acción máis realizada para protexer a información. Entre a poboación que usou Internet no último ano en Galicia, o 49% leva a cabo esta acción, seguida do 'non' a permisos do uso da información persoal para fins publicitarios, co 42%. Por outra banda, o 70,3% das persoas galegas usuarias de internet afirman que posúen coñecemento sobre o uso e funcións das cookies (información compartida polos navegadores de internet).

MERCADO

Por outro lado, a administración autonómica detallou que o mercado da ciberseguridade crece e xa traballan nel o 24,6% das empresas TIC, para as que supón o 34,5% da súa facturación.

O informe tamén constata que menos dun 5% das empresas de cero a nove persoas empregadas con sede en Galicia tiveron algún incidente de ciberseguridade no último ano. Esta porcentaxe elévase cando aumenta o tamaño da empresa e sitúase ao redor dun 16% nas empresas con máis de 10 persoas.

É nestas empresas de maior tamaño onde máis medidas de seguridade TIC empréganse. Un 86,2% declaran facer uso delas. A medida máis empregada polo conxunto de empresas é a autenticación mediante contrasinal forte.

Ciberseguridade
Ciberseguridade | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta