Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2024 | Actualizada ás 19:28
Os delitos contra a liberdade sexual creceron o ano pasado un 25% en Galicia, pasando de 649 a 811, segundo os datos que recolle o Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior. Tamén o fixeron os roubos con forza en vivendas, establecementos e instalacións, un 13,7%, de 4.127 a 4.693, mentres descenderon os delitos graves e menos graves de lesións pasando de 1.187 a 1.132, un 4,6% menos.
No cómputo global, Galicia rexistrou en 2023 94.943 delitos fronte aos 94.904 de 2022. A criminalidade convencional rexistrou unha diminución do 1,2% pasando de 73.990 a 73.128. Nela, inclúense tamén os homicidios dolosos e asasinatos consumados, que pasaron de sete a 18; os que foron en grao de tentativa, de 45 a 51 e os secuestros, de dous a catro.
Os roubos con violencia e intimidación pasaron de 963 a 1.056, un 9,7% máis e aínda que creceron os labores en domicilios, establecementos e outras instalacións houbo unha diminución en relación aos roubos con forza en domicilios, de 2.690 a 2.676, un 0,5% menos.
Os furtos pasaron de 19.527 a 20.323, un 4,1% máis, e as subtraccións de vehículos, de 528 a 570, mentres que o tráfico de drogas descendeu pasando de 505 a 488, un 3,4 por cento menos. O resto da criminalidade convencional foi un 5,3% inferior, de 46.450 a 43.982.
No que se refire á cibercriminalidade, incrementouse un 4,3%, pasando de 20.914 a 21.815. En relación ás estafas informáticas, de 18.456 en 2022 situouse en 18.821, un dous por cento mais. Outros ciberdelitos ascenderon a 2.994 fronte aos 2.458 do ano anterior.
DATOS ESTATAIS
A nivel estatal, o Balance de Criminalidade do Ministerio do Interior do ano 2023 reflicte que as violacións subiron un 14,2% con respecto ao ano anterior, ademais de anotar un incremento no conxunto de España na práctica totalidade de indicadores, tales como os intentos de homicidios e asasinatos (+11,2%), os secuestros (+45,2%) e o tráfico de drogas (+9,5%).
O total da criminalidade subiu no último ano un 5,9% en España, ao anotar 2.459.659 feitos, dos que o 80,9% correspóndese á categoría da criminalidade convencional --o que representa unha variación do 2,1% respecto de 2022--. A cibercriminalidade suma o restante 19,1%, aínda que este tipo de delitos sobe con forza un 25,5% sobre o ano anterior.
Os delitos contra a liberdade sexual aumentaron en 2023 un 15,1% ao anotar 19.981 feitos coñecidos polas Forzas de Seguridade, incluíndo policías autonómicas e locais. En concreto, o departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska rexistra unha subida do 14,2% das violacións, con 4.875 casos, sumando tanto agresións sexuais con penetración como os abusos con penetración ata outubro de 2022.
Segundo Interior, "este aumento debe porse, en parte, en relación coas activas políticas de concienciación e de redución da tolerancia social e persoal fronte a este tipo de feitos delituosos". O Ministerio engade que isto "se traducen nunha maior disposición das vítimas a denuncialos, o que reduce os niveis de infradenuncia existentes en relación con estes tipos penais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.