Renovado en Ames o proxecto 'Modo galego, actívao' ata 2026: "Os nenos son o futuro do galego"

A Real Academia Galega e o Concello de Ames renovaron o acordo do proxecto 'Modo galego, actívao' ata o ano 2026 tras os "bos resultados" obtidos na experiencia piloto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega e o Concello de Ames renovaron o acordo do proxecto 'Modo galego, actívao' ata o ano 2026 tras os "bos resultados" obtidos na experiencia piloto. Segundo explican nun comunicado, no curso 2022-2023, o proxecto colaborativo "pioneiro" conseguiu, "tras un rigoroso diagnóstico da situación de partida", a posta en marcha de iniciativas de dinamización lingüística "máis aló das aulas, entre os mozos dos colexios de infantil e primaria do municipio".

Por este acordo, o Seminario de Sociolingüística da Academia comprométese neste documento a planificar e detallar as liñas xerais da acción de acordo cos diagnósticos previos; seguir asesorando ás persoas a cargo da organización de distintas actividades orientadas ao público máis novo e achegar propostas de actividade complementarias, de formación ou dinamización lingüística; e colaborar cos centros educativos de infantil e primaria na actualización dos proxectos lingüísticos, entre outras medidas cun horizonte de execución que chega ata o curso 2025-2026.

"A colaboración que a RAG mantén co concello constitúe unha experiencia de enorme interese no plano de análise científica desde a realización do Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021). Pero a súa maior singularidade radica en que, partindo dese coñecemento xerado, están a deseñarse e pórse en práctica por primeira vez medidas que implican a todos os axentes vinculados na educación dos nenos de forma global", lembrou o presidente da Academia.

"Cada vez son máis relevantes no comportamento lingüístico espazos de socialización que van máis aló da rutina diaria nos centros educativos e da propia contorna familiar. E por iso a ferramenta traballa sobre as actividades extraescolares e de diversión, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local. Contextos todos eles que deben ser tidos en conta nos diagnósticos e no deseño de propostas que contribúan a frear e a reverter a fenda na transmisión xeracional do galego que tanto nos preocupa", sinalou o presidente da RAG. Na mesma liña expresouse o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, que destacou o programa 'Modo galego, actívao' para garantir que os nenos son "o futuro do galego" e "é con eles cos que se debe traballar na conservación do idioma".

Proxecto 'Modo Galego, Actívao'
Proxecto 'Modo Galego, Actívao' | Fonte: RAG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta