Galicia pecha a Semana Santa cunha ocupación hoteleira por baixo das expectativas, entre o 60 e o 85%

O Camiño de Santiago e zonas como a Ribeira Sacra ou a Costa da Morte rexistraron as cifras de ocupación máis elevadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

Galicia pecha a Semana Santa cunhas porcentaxes de ocupación no sector turístico de entre o 60 e o 85%, unhas cifras inferiores ás esperadas, segundo o Clúster de Turismo, en boa medida debido ás malas condicións meteorolóxicas que reduciron as reservas de última hora.

Sobre o perfil do turista que se achegou á comunidade galega nestas datas, o Clúster sinala que maioritariamente foi de orixe nacional e de proximidade, e a afluencia de visitantes internacionais estivo vinculada aos diferentes tramos do Camiño de Santiago. Precisamente, as zonas polas que transcorre o Camiño e o turismo rural, especialmente en zonas como a Ribeira Sacra ou a Costa da Morte, rexistráronse as cifras de ocupación máis elevadas.

Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Varias persoas pasean pola praia de Silgar en Sanxenxo. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

En Pontevedra, a ocupación situouse en torno ao 70%, mentres que en Vigo foi do 60%. Mentres, en Sanxenxo, alcanzouse unha ocupación de en torno ao 60% e o viaxeiro maioritario foi o nacional, que representou o 90% dos turistas recibidos na localidade.

Na cidade da Coruña, os hoteis rexistraron unha porcentaxe do 75% e a maior parte dos visitantes, ao redor dun 90%, tamén foron de orixe nacional. Así mesmo, en Santiago de Compostela a ocupación entre o venres e o sábado alcanzou o 80% nos hoteis situados fóra do centro histórico, mentres que nos establecementos situados na contorna da Catedral rexistráronse cifras superiores ao 90%. Estas porcentaxes baixan notablemente no cómputo total da semana, cun resultado do 60%.

En Ferrol, onde a Semana Santa está declarada de Interese Turístico Internacional, as cifras de ocupación roldaron o 80%. En Ourense, a ocupación situouse sobre o 83% e na provincia de Lugo foi do 80%, destacando zonas como A Terra Chá ou A Mariña.

En canto aos prezos, segundo a ferramenta webscraping empregada polo Clúster de Turismo de Galicia que calcula o prezo medio por noite da oferta máis económica dos hoteis galegos, o venres alcanzáronse as cifras máis elevadas, con 215 euros para hoteis de 5 estrelas e 65 euros para establecementos de 1 estrela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta