Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Duras xornadas as que se están vivindo en Galicia e Portugal. As chamas avanzan implacables polo norte e centro de Portugal, onde máis de 2.800 bombeiros e decenas de medios aéreos e terrestres loitan contra máis de 35 incendios activos, algúns ubicados xusto na fronteira con Galicia e Extremadura. A zona máis crítica atópase en Arouca, a uns 60 quilómetros ao sur de Oporto, onde o lume ameaza poboacións mentres os bombeiros combaten con vento cambiante e seco. En Ponte da Barca, moi preto de Galicia, e en Penamacor, xunto a Extremadura, os lumes reavívanse e avanzan a pesar dos esforzos de control. Só nestas zonas despregáronse entre 362 e 400 bombeiros, xunto con máis de 125 vehículos terrestres e apoio aéreo.
O lume de Arouca, o máis ameazante, provocou xa evacuacións no municipio de Fornos de Carvao, e obrigou ao peche do sendeiro turístico Passadiços do Paiva, unha paisaxe natural agora envolta en fume e cinza. Ademais, foi preciso atender a unha vintena de persoas, entre elas 14 bombeiros, por feridas leves relacionadas coas operacións de extinción. Autoridades portuguesas destacaron que prevalece o emprego de bombeiros voluntarios, o que limita a capacidade de resposta ante incendios simultáneos, como é a situación actual. No Pombal, ao norte de Lisboa, foron detidos dous sospeitosos acusados de provocar un incendio intencionadamente nunha zona de matogueira, e un deles confesou ao ser capturado pola policía.
Lumes que arrasan Portugal este final de xullo | Fonte: XVer esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
OS LUMES EN GALICIA: UNHA FRONTE AÍNDA ABERTA
Tamén Galicia sofre nestas xornadas unha vaga preocupante de lumes, moitos deles estabilizados ou controlados xa grazas ao rápido despregamento dos medios de extinción, pero que amosan a fraxilidade do territorio fronte a condicións extremas. Con todo, a última hora deste mércores, notificouse un incendio na Cañiza que obrigou a desaloxar aos veciños da zona de Valeixe. Este é o lume máis grande rexistrado no que vai de verán en Galicia e arrasou xa 200 hectáreas. En Carballeda de Avia arderon arredor de 20 hectáreas. O incendio, declarado o martes a mediodía, foi estabilizado ao longo da mañá deste mércores. Traballaron nel máis de 30 brigadas, 16 motobombas e varios medios aéreos. Tamén en Carballedo, no sur de Lugo, outro foco arrasou outras 20 hectáreas e foi estabilizado con apoio de helicópteros, motobombas e brigadas.
En Meaño, na parroquia de Xil, calcináronse unhas 60 hectáreas, nun lume que xa está controlado, pero que obrigou a despregar 15 brigadas, 4 helicópteros e 3 avións. En Salvaterra de Miño, na parroquia de Pesqueiras, outro incendio deixou 47 hectáreas queimadas antes de ser tamén controlado. A situación máis delicada viviuse en Arbo, onde foi decretada a situación 2 de alarma pola proximidade das chamas a vivendas. O lume, aínda activo, obrigou a interromper o tráfico ferroviario entre As Neves e Arbo. Todos estes lumes son un reflexio dun verán cada vez máis volátil e extremo tamén en Galicia, no que a mínima chispa pode derivar en desastre, incitada polo feroz vento.
- A CAÑIZA
- Dous focos case en paralelo activos na mesma zona.
- Situación 2 declarada por proximidade ás vivendas da zona de Valeixe.
- Ata agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 4 pas, 4 técnicos, 4 unidades técnicas de apoio, 3 avións e 8 helicópteros.
- O lume supera xa as 200 hectáreas, sendo o máis grande rexistrado en Galicia no que vai de verán.
- CARBALLEDA DE AVIA
- A parroquia ourensá rexistra un lume que afecta a 20 hectáreas e xa está estabilizado dende as 11.44 horas desta mañá de mércores.
- Despregáronse nel 3 técnicos, 19 axentes, 30 brigadas, 16 motobombas, 3 palas, 1 tractor, 4 helicópteros e 4 avións.
- CARBALLEDO
- Na parroquia de San Mamede de Lousada quedou estabilizado un lume que afectou a máis de 20 hectáreas e requiriu do despregamento dun operativo importante.
- MEAÑO
- Na parroquia de Xil un intenso lume calcinou unhas 60 hectáreas, xa controlado dende as 03.42 horas da madrugada deste mércores.
- Contou cun amplo dispositivo de extinción, con 15 brigadas, 15 motobombas, 4 helicópteros e 3 avións.
- SALVATERRA DE MIÑO
- Na parroquia de Pesqueiras foi controlado dende as 20.48 horas do martes un lume que arrasou cunhas 47 hectáreas.
- Gran despregue de 28 brigadas, 21 motobombas, 8 helicópteros e 9 avións.
- ARBO
- Segue activo na parroquia homónima de Arbo un lume que afecta a arredor de 8 hectáreas, tras activarse a situación 2 de alerta, xa desactivada dende as 23.55 horas do martes.
- Mobilizáronse un técnico, 4 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas e 2 helicópteros. A circulación ferroviaria entre As Neves e Arbo aínda permanece interrompida.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
TERREO SECO, CALOR EXTREMO E VENTOS DESCONTROLADOS
A situación é grave en ambas rexións. Os lumes portugueses son máis grandes, pero as condicións meteorolóxicas que os propiciaron coinciden coas galegas. Unha onda de calor intensa e cifras récord de temperatura --algunhas rexións superaron os 46 ºC en xuño-- converteron o bosque nun polvorín, onde a sequía prolongada e o vento aceleran o avance do lume. As condicións climáticas converteron estes días a loita contra as chamas nunha dolorosa batalla contra o inevitable. Este panorama pon enriba da mesa unha crise sen precedentes no que vai de verán. Estes non son só incendios: son unha catástrofe ambiental e social. Destrúense bosques, evacúanse comunidades, mentres a natureza xime exhausta baixo as chamas. A falta de choivas, a acumulación de vexetación inflamable --como os eucaliptos--, a escaseza de medios profesionais e o auxe de fenómenos extremos azoutan ambos países nun eco de perda irreversible.
Lumes que arrasan Portugal este final de xullo | Fonte: X¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Influíu o vento na propagación dos lumes que azoutaron Galicia estes días? Isto din os datos
- (Vídeo) Un final de xullo en chamas: Galicia e Portugal loitan contra unha vaga de lumes que arrasa montes e ameaza casas
- A Operación Sentinela comeza o 15 de agosto con máis patrullas militares para vixiar montes
- O incendio da Cañiza teríase iniciado en 5 focos simultáneos, o que apunta á súa intencionalidade
- Estabilizado o incendio de Salvaterra de Miño, pero prende outro en Meaño
- Controlado o incendio de Cualedro que queimou 90 hectáreas