Manifestación de persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo reclamando "seguridade" nos seus postos de traballo

"A pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Hospital Psiquiátrico atopámonos nunha situación de parálise do mesmo" sinalan representantes do persoal

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2024 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse este xoves ás portas do centro sanitario compostelán para reclamar "seguridade" nos seus postos de traballo.

Concretamente, denunciaban a ausencia de Plans Funcionais que definan as necesidades das diferentes unidades e as consecuencias que isto ten para as traballadoras, "sen que a xerencia aplique medidas apropiadas e prioritarias".

Na mobilización, baixo a lema 'Pola seguridade nos nosos postos de traballo', a representante da CIG-Saúde, Irene Tato, detallou que estes plans son "os que definen as diferentes unidades, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais e establecen cocientes seguros de paciente/persoal segundo a tipoloxía de coidados, coa definición de funcións e tarefas a desenvolver, xunto cun plan de formación específico".

"A pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Hospital Psiquiátrico atopámonos nunha situación de parálise do mesmo, sen que transcenda a consecución de reunións para a súa continuidade de elaboración", denunciou Tato.

A representante da CIG afeou que a Xerencia está "a eludir a súa responsabilidade para manter unha asistencia sanitaria segura e de calidade, sen tomar as medidas propostas nos requirimentos da Inspección de Traballo no relativo á adopción de medidas médicas e organizativas".

"Claro exemplo disto é que tras o acordo de redución de xornada laboral do mes de abril do ano pasado, coa redución de 70 horas de xornada neste 2024, á hora da súa aplicación por parte da Dirección, supón unha perda de profesionais en diferentes quendas de traballo, existindo negativas de reforzo nas unidades tras petición dos profesionais e mantendo mobilizacións de persoal dunhas unidades a outras", apuntou.

Nun comunicado, o sindicato defende que isto dificulta a actividade esencial dos traballadores que leva a un aumento no número de episodios de violencia laboral, sen que existan equipos de intervención en crise e inutilizando o Plan Galego de Saúde mental no seu obxectivo de avanzar cara á contención cero.

"Cada día chove máis dentro das unidades que fóra, as paredes seguen desconchadas, os comedores presentan buracos nos teitos e paredes, con desprendementos de cascotes en diferentes zonas do hospital, sen haber un protocolo de orde e limpeza para as zonas interiores con xardín que presentan obxectos que ocasionan riesogs... e a pesar do anuncio de obras como na Unidade de Saúde Mental seguimos sen coñecer a dita planificación", conclúe.

Traballadores do Hospital de Conxo maniféstanse en Santiago. CIG
Traballadores do Hospital de Conxo maniféstanse en Santiago. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta