A lingua dos tractores

As aínda recentes mobilización dos gandeiros sacando os seus tractores ás rúas demandando prezos xustos para o leite tiveron coma obxectivos ás administracións públicas que son as que están obrigadas a arbitraren nun conflito no que as outras partes, a empresas leiteiras, son tamén corresponsables da precarización na que viven as explotacións agrarias.

Por Xosé Glez. | Redondela | 02/10/2015

Comparte esta noticia
Este conflito, que é un máis dos que se veñen producindo desde hai ben anos no noso País, evidencia unha crise estrutural do noso agro. Un vello problema que está pedindo a berros unha solución baseada nunha planificación axeitada, para facer viable as grandes potencialidades que ten o campo galego. Xosé Turnes, empresario do sector e presidente da plataforma “Asociación Galega Terra e Leite”, que é unha voz cualificada e ben informada, sinalaba un recente estudo da Unión Europea que considera  a Galicia como unha das cinco primeiras nacións coas características máis favorables para ser potencia leiteira.
 
As anteditas reflexións non son novas na historia do pensamento económico de Galicia. Cómpre lembrar que en tempos da II República o grupo galeguista no Congreso dos Deputados tamén fixo fincapé na aplicación de medidas para superar o minifundismo que tollía calquera desenvolvemento económico propoñendo unha reforma agraria. O mesmo acento puxeron no sector pesqueiro “porque a sardiña non acada un prezo remunerador, non satisfai as necesidades máis urxentes dos que, con risco das súas vidas, quítanas do mar, en loita cos elementos”. O mesmo que hoxe cos baixos prezos do leite.
 
As nosas industrias agroalimentarias teñen problemas de distribución dos seus produtos por mor da forte competencia dos foráneos e das grandes cadeas de supermercados que non os apoian. Neste sentido é necesaria a acción institucional con boas campañas publicitarias dirixidas a mudaren os hábitos de consumo e facer viables as nosas explotacións e industrias de transformación.
 
 Os sindicatos agrarios e concellos galegos, nomeadamente os da franxa atlántica onde se concentran máis da metade dos consumidores, poderían prestar un gran servizo a esta causa a través das oficinas municipais de información aos consumidores. Os partidos políticos, acubillados comodamente no discurso  retórico, tampouco teñen feito nada práctico ao respecto; fáltalles audacia, e carecen de prácticas pedagóxicas. Debéralles servir de exemplo o labor realizado no primeiro terzo do século XX tanto as Irmandades da Fala como o Partido Galeguista e as Mocidades Galeguistas cos seus afiliados e achegados aos que instaban a “mercar produtos galegos e facer propaganda a prol dos mesmos”. Canto mudaría a oferta se a demanda  aplicase o criterio de discriminación positiva no consumo familiar e individual!.
 
A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros  (Foro E. Peinador),  desenvolve as súas accións nun dobre sentido: por unha banda, fomentando o uso da lingua galega na etiquetaxe dos produtos, e pola outra, mobilizando a cantos  máis sectores sociais pode para procurarlle ás marcas galeguizadas maior masa de consumidores. Obxectivos que precisan de moitos apoios sociais para termos unha sociedade de produtores e consumidores plenamente galeguizados.
 
O próximo día 10 celebrarase a IV asemblea da  Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros en Santo André de Camporredondo (Ribadavia), na que será a futura sede do Museo do Viño de Galicia, para incorporar novas marcas galeguizadas que serán respaldadas por un número considerable de asociacións e entidades que representan a milleiros de consumidores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA