Galicia, o peor sitio para facer negocio no estado

O informe Doing Business España 2015 recomenda para mellorar o clima de negocios unha maior simplificación nos trámites, e a redución de taxas municipais para o inicio da actividade

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/09/2015 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Galicia, é xunto con Aragón e Ceuta, o peor lugar para facer negocio dentro do Estado español. Así o acredita o informe Doing Business España 2015,  mide o clima de negocios nas 17 CCAA e compara as regulacións comerciais que afectan as pemes a través de catro indicadores: apertura de empresas, obtención de permisos de construción, obtención de electricidade e rexistro da propiedade.

Industria láctea
Industria láctea | Fonte: GC

Ademais, o informe recomenda para mellorar o clima de negocios unha maior simplificación nos trámites, e a redución de taxas municipais para o inicio da actividade. Tamén avoga por mellorar a transparencia de cálculo dos aranceis notariais e rexistrais e eliminar ou reducir o capital mínimo requirido para crear unha empresa.

A Rioxa, Madrid e Navarra son as autonomías onde é máis fácil facer negocios e incide, por exemplo, en que abrir unha empresa en Andalucía é máis sinxelo que noutras comunidades xa que hai un uso elevado de plataformas electrónicas.

Na clasificación xeral, Cataluña sitúase na sexta posición en clima de negocios, por detrás de Estremadura e a Comunidade Valenciana, aínda que obter unha conexión eléctrica é máis sinxelo na rexión catalá porque non se requiren visados colexiados e a instalación eléctrica faise mediante unha autorización simplificada.

Respecto da obtención da electricidade, o informe revela que os trámites autonómicos son os que máis tempo levan máis ou menos e que mentres Navarra, Cataluña, Asturias e Castela e León son as autonomías con mellores datos, Murcia, Canarias e Aragón atópanse ao final da lista.

O ritmo do negocio en España é inferior ao da media de Europa. Así, o número de días para crear un negocio en España sitúase nunha media de 17 fronte aos 10 de media da UE. Para mellorar esta situación, e sobre todo fronte á media da UE, o Banco Mundial avoga por diminuír os custos de conexión, minimizar a carga financeira dos depósitos de garantía e eliminar os visados colexiados do proceso, entre outras medidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta