A Academia Galega de Belas Artes homenaxea a Francisco Asorey no Día das Artes Galegas

Destacan "a súa mestría escultórica cos materiais da terra, a madeira e a pedra".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2024 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxeou este sábado, en Cambados, no Día das Artes Galegas, ao escultor "con maiúsculas" Francisco Asorey, por "a súa mestría escultórica cos materiais da terra, a madeira e a pedra".

"Falar de Asorey é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que aínda que, dalgún modo, únese coa tradición da imaxinaría dos séculos XVII e XVIII ou con mestres da imaxinaría galega como Moure ou Ferreiro, a súa obra dá un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra", explicou o presidente da RAGBA, Manuel Quintana.

Así mesmo, detallou que ao longo deste ano a figura de Asorey será estudada nas escolas e a súa obra será difundida en estudos e conferencias temáticas, na mostra ao aire libre 'Os vieiros de Asorey', que se poderá visitar en Cambados ata o 4 de maio, nun concurso de arte para escolares e con continuas revisións da súa arte, ademais dunha gran exposición que culminará este traxecto sobre Francisco Asorey e que se inaugurará proximamente na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O encargado de pronunciar un discurso sobre o homenaxeado foi o académico Felipe-Senén López, que lembrou toda a súa traxectoria vital e profesional. No acto tamén interveu o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, que recoñeceu na figura de Asorey "o traballo, o esforzo, a esixencia e a xenerosidade" e púxoo como exemplo de "rigor, coherencia e compromiso con Galicia".

Monumento a Curros Enríquez (detalle). 1928-1934. Francisco Asorey. Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña
Monumento a Curros Enríquez (detalle). 1928-1934. Francisco Asorey. Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña | Fonte: Iria-Friné Rivera Vázquez

Francisco Asorey é un dos pioneiros na "renovación da escultura sen renunciar ao seu vínculo coa tradición e a simboloxía de Galicia, sendo tamén un nexo coa modernidade", apuntou. Durante a súa intervención, o conselleiro en funcións subliñou unha das obras máis emblemáticas de Asorey: 'Santa', sobre a que confesou sentir un agarimo especial. "É unha homenaxe á muller, unha peza que supuxo romper con moitos estereotipos da súa época", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta