Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2024 | Actualizada ás 10:03
O presidente da Xunta en funcións e candidato do PP á investidura, Alfonso Rueda, iniciou o seu discurso reivindicado a "Galicia que funciona" e recoñecendo os "acertos" e "erros" cometidos durante a súa etapa ao servizo de Galicia desde "moi diversas responsabilidades". Na súa intervención no discurso de investidura, aproveitou as súas primeiras palabras para pór en valor a "enorme transformación" que viviu Galicia nas últimas décadas, desde o primeiro transplante fígado ata converterse nunha "referencia en transplantes".
"A sanidade duplicou o número de profesionais que traballan nela e as operacións que se realizan", dixo para pór en valor tamén que recibe a máis de 2,6 millóns de turistas. "A esperanza de vida dos galegos pasou de 78 a 83 anos. E ademais cuadriplicouse o saldo migratorio de Galicia", apuntou.
Defendeu que a súa xestión evitará as "rupturas, bloqueos nin xiros bruscos" e actuará co Estatuto de Autonomía como guía, ao entender que é "marco suficiciente para facer tantas cousas". Así, reivindicou a "moderación" porque, ao seu xuízo, "non revela indecisión, senón todo o contrario"
NOVA REBAIXA Á TRIBUTACIÓN DAS HERDANZAS E CAMBIOS NA ESTRUTURA
Anunciou a aplicación dunha nova rebaixa á tributación das herdanzas que se aplicará entre os parentes colaterais (irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros). Expresou que haberá unha serie de cambios dentro da estrutura da Xunta. Segundo o anunciado, o novo Goberno galego que constituirá tras a súa toma de posesión contará cunha asesoría xurídica de "asuntos constitucionais" baixo a carteira de Presidencia, as responsabilidades en ciencia pasarán de Economía a "centralizarse" na Consellería de Educación e as competencias de Emigración entrarán no departarmento de Emprego para tratar de impulsar as estratexias de retorno de galegos no exterior.
A CULTURA E POLÍTICA LINGÜÍSTICA TERÁN "MAIOR PESO"
Avanzou que a cultura galega e a política lingüística terá un "maior peso" no goberno galego. Así, reivindicou o galego como lingua "modelo de convivencia" que "constitúe un exemplo para o resto de España". Rueda comprometeuse a seguir impulsándoo "aínda con máis énfase". "E así vai quedar reflectido con maior peso na estrutura política, na nosa política lingüística, na cultura galega, no goberno que arrincará a partir da semana que vén", manifestou. O dirixente popular pronunciouse deste xeito nun contexto no que soa o nome do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para ocupar unha consellería no próximo goberno da Xunta.
URXIRÁ REUNIRSE CON PEDRO SÁNCHEZ
Volveu a criticar a "falta de compromiso" do Goberno central con Galicia e avanzou que urxirá reunirse co presidente do Estado, Pedro Sánchez, para trasladarlle as materias pendentes. "Fareino con lealdade e con firmeza e esperando que esta vez, despois do resultado electoral, que sexamos escoitados", afirmou para urxir tamén a Conferencia de Presidentes. Así, deixou claro que "en Galicia vai haber un goberno que defenderá por encima de todos os intereses do pobo".
Tras censurar que o Executivo estatal atenda ás demandas dos independentistas e volver asegurar que cada galego terá que pagar 400 euros pola condonación da débeda a Cataluña, acusou ao Goberno central de romper de forma unilateral o sistema de solidariedade interterritorial coa complicidade de varios partidos, "incluídos os que sentan na oposición do parlamento". Tamén censurou que os servizos ferroviarios teñan que acumular "queixas" e que non se considere que se debe impulsar o tren de mercadorías a través do Corredor Atlántico.
PACTO POLA INDUSTRIA E A DISXUNTIVA INDUSTRIA OU MEDIO AMBIENTE
Rueda asegurou que lle gustaría alcanzar na Cámara galega un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía galega e propuxo chegar a un pacto pola industria e a enerxía. Así, avanzou que a Xunta garantirá que todos os proxectos que cren 25 ou máis emprego e que leven consigo un investimento mínimo de dous millóns de euros se tramiten nun prazo máximo dun ano. "Se a administración non cumpre, indemnizarase ao promotor". Tamén dixo que as competencias de Ordenación do Solo Industrial, ata agora vinculadas a Urbanismo, pasarán a integrarse na Consellería de Industria para garantir que ningún proxecto deixe de ser viable por falta de chan. Así mesmo, avanzou a creación dun fondo público-privado, cun capital inicial de 300 millóns para dar impulso ás iniciativas empresariais máis emprendedores.
Ademáis, censurou as "posutras populistas" que, ao seu xuízo, tratan de "enganar ou manipular á sociedade galega presentándolle unha disxuntiva que é falsa" sobre industria ou medio ambiente. "Eu digo industria e medio ambiente. As dúas cousas", aseverou, aínda que sen mencionalo explicitamente, en debate sobre a implantación do proxecto de Altri en Palas de Rei.
"Por suposto que non sairá adiante ningún proxecto empresarial que sexa incompatible coa contorna", incidiu antes de sentenciar que "pretender levantar un muro ante calquera nova proposta industrial é unha postura política lexítima, pero que desde logo en ningún caso pode considerarse progresista".
ANUNCIOS IMPORTANTES EN SANIDADE
Rueda asegurou que a Xunta seguirá explorando nesta lexislatura fórmulas para favorecer ás persoas que queren ter fillos con medidas como a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública e a ampliación a 45 anos no acceso á fecundación in vitro. No seu discurso de investidura na Cámara galega, Rueda dixo que o Goberno galego quere eliminar o límite dun fillo que existía ata agora para que o acceso a esta fórmula de fecundación. "E queremos abrir a todas as galegas a posibilidade de conxelar óvulos na sanidade pública", dixo. Tras avanzar tamén que a Xunta traballa en mellorar a conciliación e a flexibilidade horaria, avanzou que nesta lexislatura a Xunta porá en marcha axudas ás familias para a asistencia a actividades extraescolares ou clases de reforzo.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) habilitará psicólogos clínicos nos centros de saúde co obxectivo de apoiar ás persoas que necesitan reducir, na medida do posible, o consumo de psicofármacos. Así o avanzou Rueda e dixo que Galicia estará "especialmente pendente dunha das grandes preocupacións sociais", como é a "saúde mental". Ademais, fixo outros anuncios en materia de sanidade e asegurou que se permitirá elaborar en Galicia os chamados CART-T. "Os fármacos máis avanzados para a loita contra o cancro empezarán en moi pouco tempo a producirse e administrarse aquí, en Galicia", destacou. Aínda no plano social, volveu referirse a a atención dos maiores e incidiu en que a Xunta tratará de pór en marcha outro mil novas prazas, tanto de residencia como en centros de día.
PECHE DO DISCURSO
Alfonso Rueda, pechou o seu discurso definíndose como un "camiñante á beira" de Galicia e comprometeuse a "dar todo" para que a comunidade "siga superándose". "Cando non nos pomos límites os galegos somos imparables. Pido a súa confianza para seguir por ese camiño", aseverou Rueda. Reivindicou o legado dos seus predecesores no cargo e tamén eloxiou o labor de oposición como factor que contribuíu ao desenvolvemento de Galicia, dedicou o tramo final do seu discurso a debuxar a "Galicia do futuro" que quere abrir para a próxima década.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.