Axudas para o uso de madeira en vivendas unifamiliares e edificacións en altura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución que establece as bases reguladoras para as axudas á realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, unha convocatoria dotada cun orzamento duns 5 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2024 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución que establece as bases reguladoras para as axudas á realización de proxectos e obras que empreguen madeira como elemento estrutural na construción, unha convocatoria dotada cun orzamento duns 5 millóns de euros.

Estas axudas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e buscan contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable, profundar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, benestar e saúde ás persoas que habiten as edificacións construídas en madeira. Poderán beneficiarse pemes e autónomos, cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, así como persoas físicas. Ademais, como novidade poderán pedir as axudas tamén comunidades de montes en man común.

As actuacións subvencionables son aquelas accións vinculadas coa redacción de proxectos e utilización de produtos de madeira. No caso de pemes, comunidades de montes, asociacións, cooperativas, etc., as axudas deberán ser para nova construción, rehabilitación ou reforma de naves ou establecementos de negocio, sempre que polo menos o 20 % do orzamento corresponda a produtos de madeira ou derivados, que serán usados como elemento estrutural, sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados (queda excluída a carpintaría ou acabados interiores).

A edificación deberá estar destinada a uso industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo. Na convocatoria inclúese unha partida para as promocións de edificacións en altura, onde soto e primeira planta deberán ter estrutura de formigón, e pódese usar a madeira, de forma estrutural, na primeira planta e superiores. Neste caso, a edificación deberá estar destinada a uso residencial.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde este sábado e ata o 2 de maio, ou ata que se esgoten os fondos asignados. O prazo máximo para xustificar as actividades subvencionadas para a anualidade 2024 (gastos entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro) finaliza o 15 de outubro; e o prazo de xustificación para a anualidade de 2025 (gastos entre o 15 de outubro e o 30 de xuño do ano seguinte) acabará o 30 de xuño. Con todo, a execución da obra non terá que estar terminada no momento de xustificación da solicitude de axuda, sempre que o obxecto da subvención sexa a redacción do proxecto de obra ou a compra e instalación do material de madeira.

Casa de madeira
Casa de madeira | Fonte: Facebook - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta