Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2024 | Actualizada ás 15:18
Os bonos de desconto de 30 euros para compras en comercios, que pon en marcha a Xunta, poderán descargarse por parte dos usuarios a partir do 26 de abril (na web www.bonosactivacomercio.gal). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a quinta edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros coa que se prevé mobilizar 12 millóns de euros en vendas nos establecementos comerciais adheridos.
Pola súa banda, os negocios que desexen participar nesta iniciativa poderán adherirse a partir deste martes, 16 de abril, segundo informa a Consellería de Economía. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, as compras entre 20 e 30 euros contarán cun desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras entre 30 e 50 euros. A partir de 50 euros, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono. Non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.