Da efervescencia a inconsistencia

“Os erros individuais fanse colectivos cando se comparten desde os órganos representativos..." Bautista Álvarez

Por Fermín Paz | As Pontes | 17/04/2024

Comparte esta noticia
Hai tempo que tiña pendente esta temática, pero non tiven nin o tempo nin a calma para facer unha pequena análise para logo convertela nun artigo de opinión. Calquera oportunidade pode ser aproveitada para falar do que hoxe xa é unha realidade. Convídovos a reler outro artigo da miña autoría e publicado nestas mesmas paxinas, titulado "Monedero ou a esquerda sen luces de posición", para descartar calquera  valoración de oportunismo. Algo de retranca se acaso. Xa daquela, todo o que estaba pasar permitía facer aquela afirmación con certeza.
 
Cando non tes capacidade para desenvolver organización, calquera pensamento ou ideoloxía política convértese nun discurso de pouco pouso, onde a voráxine de personalismos e cainismos agroman de súpeto e, máis cedo que tarde, calquera proxecto político prefire morrer antes de darlle unha volta aos erros cometidos e facer a autocrítica correspondente e consecuente. Non é ningunha novidade que da efervescencia dun ou varios éxitos electorais, se poda chegar á inconsistencia dunha alternativa política xurdida nos adentros dun sistema (ao diferenciarse ou diverxer de calquera das matrices ideolóxicas que o manteñen ou terman da súa estrutura) ou desde fora del, sexa nunha formulación antisistema real ou teorizada, ben para tratar de derrubalo ou substituílo.
 
Non tan lonxe no tempo temos algúns exemplos ben clarificadores do que remato de afirmar nas dúas vertentes. A indignación, aquela pedra angular do novo proxecto españolista que, nin "Pode nin Suma" xa está na UCI é os herdeiros do liberalismo político (que no 1812 e nas Cortes de Cádiz, definiu o concepto de Nación como un reagrupamento do conxunto da españolidade, así como o seu carácter soberano), xa repousan no cemiterio político. O novo españolismo contemporáneo non conforme co bipartidismo establecido fixo unha viaxe a un lugar da mesma bandeira e lingua  cun ensaio de nova metodoloxía para regresar a súa Ítaca imaxinada na que, ao mesmo tempo, é un lugar desexado e prometido ao que non foi posible chegar con outras praxes.
 
A hexemonía neoliberal non se racha só co espontaneísmos das organizacións sociais nin coa substitución dunha casta por outra para seguir a xogar ao mesmo. Para a construción dun instrumento político autónomo que queira disputar o poder ás elites e cavar trincheiras e permita debilitar o  "statu quo" instalado son precisas e necesarias, a política e a organización. 
 
Lenin (cada quen é libre de basear as súas fundamentacións nunhas escritas ou noutras), que algo sabia destas cousas ten defendido e debatido que: "a menos que as masas estean organizadas, o proletariado non é nada". A organización, tivo moitas e novas formulacións con diferentes características, aínda que en poucas ocasións houbo unha  comprensión de que dito asunto forma parte do todo político. Noutras verbas: quen dedica o seu tempo á loita política dun xeito militante, non debería facer diferenciación entre as praxes e a organización, xa que as dúas son moi importantes de cara a consecución dos obxectivos. Hai quen mantén que o mesmo autor (Lenin), establece prioridades e de non facelo o erro está garantido. Para min, calquera obxectivo político para acadarse vai precisar dunha boa engranaxe destes dous conceptos. No caso contrario, haberá moito ruxe-ruxe e pouco mais. 
 
O materialismo histórico sostén que as crises do capitalismo desatan revoltas, e posibilidades de cambio como se viu en moitos exemplos ao longo da historia, pero para tirar proveito delo, convén estar preparado tanto política como organizativamente e aínda así, teremos a  obriga de tomar decisións sen ningún manual. Para calquera outro tempo, non haberá guía indicativa do que facer?. No mellor dos casos, algunha experiencia e nela, deberemos apoiar as nosas decisións. É probable que  teñamos que aprender polas malas. Cando xurde o conflito as veces obrigámonos a tomar medidas organizativas para tratar de corrixir problemas políticos ou do revés e nesa dialéctica analise-erro-acerto- , atoparemos base para resolver tal debate.
 
A que obedece a diferenciación da que estou a falar? A unha categorización intencionada para primar o político por enriba do organizativo. Calquera conflito pode ser un problema importante para a organización porque pode minar ou paralizar a súa actividade. Con todo, determinados niveis de conflitividade  nas organizacións  son unha forza positiva posto que desafía o "acomodamento", potencia a aparición de novas ideas e fomenta o debate delas. Nese sentido, o conflito non debe entenderse como unha forza negativa máis ben é o produto natural de toda interacción sociocultural e debe asumirse como un produto completamente normal da vida das organizacións e da sociedade, onde estas teñen que actuar. O conflito non supón, en definitiva, un problema, senón que este reside concretamente na súa xestión. Nas perspectivas tradicionais sobre as organizacións o conflito era definido como o gran mal ou a gran fonte do caos. Debía evitarse. Con todo, nas aproximacións contemporáneas o conflito é conceptualizado como unha forza positiva e produtiva. 
 
Non é necesario un relato consensuado, abonda con contar os feitos. As valoracións e xustificacións pertencen a cada quen e as decisións aos organos de representación dunha organización. Os conflitos sempre teñen unha dialéctica e unha resolución real ou un enquistamento que obriga a unha saida de emerxencia e daquela maneira.
 
Nas organizacións poden aparecer conflitos de diversa índole: entre persoas e ideas. Cando pertencen o primeiro grupo, dicía o amigo e compañeiro (para sempre) Bautista Álvarez que, "hai un refrán que goza de bastante predicamento nalgún sector político. Se non podes vencer ao teu inimigo, únete a el. Pero eu coñezo outro, menos aplicado, que o contradí e non se ten en conta. Se o teu amigo se alía co teu inimigo, o amigo deixa de selo para facerse inimigo teu". No  caso do segundo grupo, o das ideas, quen fai critica e propostas desde certas correntes con aparencia ou bandeira nacionalista e marxista precisan dun debate en profundidade e moito máis cando, de forma tácita ou explícita estase a favorecer co seu facer o españolismo ou ao capitalismo. Sirva como referencia  do que estou a dicir os pactos co españolismo que se veñen defendendo en diferentes entregas e modalidades dende mediados dos anos 70 do anterior século, ou os ataques desde posición "esquerdistas", "independentistas", sen ningunha praxes de avanzo para a liberación nacional e social de Galiza, o "republicanismo" de novo deseño, o "socialismo de mercado", pero tamén ao posmarxismo teorizado por algúns pensadores, que desprazan a política de clase para apostar no seu lugar por un proxecto de radicalización da democracia liberal para facela máis representativa e así darlle máis longura ás liberdades civís. Ou os que poñen por diante a conquista do socialismo de xeito prioritario e deixan en segundo plano, e de forma indefinida, o exercicio de autodeterminación do pobo galego. En boa medida é froito da ausencia dunha comprensión profunda sobre a especificidade histórica do capitalismo e dun Estado  Único con varias nacións sen posibidade legal de exercer libremente a súa soberanía.
 
A democracia non se pode reducir a unha serie de garantías civís, porque dese xeito  gañan os de sempre. Mentres o capitalismo exista, a conquista da democracia continuará sendo un proxecto inacabado. Mentres que  teñamos o convencemento de que na dualidade entre liberación nacional e social hai prioridades, erramos. Mentres descoidemos o plano organizativo por entender que  non vai da man co ideario político,  estaremos nun camiño sen saída, Mentres non debatamos estes asuntos de novo,  entre todos os bos e xenerosos, non haberá proxecto común. Mentres nos conformemos no nacionalismo galego cun bo resultado electoral e non materialicemos  o que dicimos na organización e na sociedade, o Fogar de Breogán terá que seguir agardando  

Bautista Álvarez
Bautista Álvarez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.