Que está a pasar?

Na lembranza de Manolo Cabarcos, con quen desfrutaba no debate das pequenas cousas da vida.

Por Fermín Paz | As Pontes | 09/05/2024

Comparte esta noticia
O meu sentir é que a xente mais nova xa non necesita de nòs, dos vellos, como nòs o precisamos cando tiñamos a súa  idade. Fumos necesarios noutro tempo pero isto vai a tal velocidade que o mellor que podemos facer, é calar e deixar facer, eso si, se nos precisan temos que estar dispostos a darlles un apoio restrinxido as limitacións que nos impoñan con  anteriodade e nun ambente de moito agarimo. Ninguėn nace aprendido e ten dereito a turrar cantas veces sexa necesario nos seus balados e atopar a cancela de saida na que nos engaiola o autoengano.
 
Se a Modernidade estivo  baseada nos principios do humanismo, a razón, o progreso e a utilidade, dito tempo está de fuxida. Queda algún pouso pero cada día perde as súas cativas defensas ilustradas e pese ás cheas de información, das facilidades nas comunicacións e das melloras na educación, na saúde, etc..., non temos máis listura pero si é mais doado manexarnos polo poder. A democracia está sendo rebordada e vai camiño de  permitir unhas novas  ditaduras representativas polo voto popular e, polo tanto, con moita dificultade  para ser deslexitimadas.
 
O postmodernismo ademais dunha corrente filosófica ten tamén expresións sociopolíticas, cunha grande influencia no chamado "primeiro mundo" é coas características principais que son: o neoconservadurismo, o individualismo, a sociedade de consumo, os liderados unipersonais  e a perda da conciencia histórica. Agora, a cosmovisión que está a impoñerse basease nunha oposición ás utopías e as ideoloxías. Neste mundo novo xa todo é posible. Din, os/as que están a trunfar co seu relato, que a historia xa non serve para non volver a caer nos mesmos erros. Afirman tamén, que dita interpretación está "demodée" porque, o contexto socioeconómico e o hexemonismo sistémico  esixe  unha revisión permanente dese pasado e consecuentemente  defenden que ese tempo so ten valor como peza museística. Esta crenza falsa debuxa con realismo o presente e fai intuír un futuro ben caótico.
 
Sen vínculos co pasado a relación que estamos a manter co mundo do noso arredor ten moita debilidade e ningunha fortaleza. Nun camiñar ás presas pola historia poderiamos acreditar que, as bandeiras da Revolución Francesa derrubaron algunha das explicacións absolutas e metafísicas dos feitos, que xustificaban unha orde social é unha sociedade dividida en estamentos, con grupos sociais moi pechados e distintos diante da lei, que cumprían outras funcións e  formas de vida diferentes, cunha xerarquía predeterminada pola divinidade e as castas e polo tanto antidemocrática. As evidencias e razoamentos científicos convertéronse na fonte de coñecemento das cousas e os feitos. A partir do século XVI comezamos a buscar respostas ás nosas dúbidas, moitas veces facendo uso dos procesos científicos de construción do coñecemento, que teñen os seus tempos, non sempre acordes coas velocidades do mundo contemporáneo.
 
As  revolucións industriais no mundo non só afectaron ao ámbito produtivo, senón que foron unha fonte de  transformacións na organización da sociedade, no transporte e no sistema económico, favorecendo a especialización e o comercio entre zonas e países. As diferentes revolucións políticas e sociais, as guerras mundiais tiveron como común denominador a  intención de corrixir os desequilibrios de todo tipo, producidos polas dinámicas do poder tanto a nivel nacional, rexional ou mundial, aínda que cada proceso non tivera a mesma xustificación, intencionalidade e metodoloxía na disputa ou imposición dese poder para unha nova orde en tódolos eidos citados. A corrección dos desequilibrios non é xamais unha suma de resultado 0, fundamentalmente porque os beneficios e as perdas dos contrarios no confronto, non suman o mesmo valor. Tiveron moitas afectacións e algunhas delas causaron moita desproporción.
 
Buscamos respostas onde aínda non as hai e, moitas veces, para encher os baleiros na información tendemos a darlle creto a posicionamentos que non contan con coñecemento científico, ou son presentados con avais científicos dubidosos, ou sen comprobante ningún. Situacións como os períodos electorais, as guerras ou a polarización social e política tamén provocan incerteza e desinformación. Sánchez non é “o puto amo” e a súa  estratexia quedou ao descuberto porque a súa pretensión dunha fronte popular das esquerdas españolas é un paso necesario para retomar o bipartidismo con algunha corrección,  da imperfección no funcionamento do poder xudicial, do sistema autonómico ou das liberdades civís, aínda que hoxe a algúns que se din  nacionalistas non españolistas lles pareza o contrario pero xa terán probatoria abondosa cando nos seguintes procesos electorais os vasos comunicantes no voto, beneficien exclusivamente o PSOE. Feijóo tamén quere sacar rédito da polarización de hoxe e considera que a política de Sánchez vai facer posible a "rentree" da dereita no goberno do Estado, co obxectivo de reequilibrar de novo o uso compartido do poder nese bipartidismo co que tentará correxir as imperfeccións desde outra perspectiva, concretando os seus obxetivos no terreo económico e social e algunhas "derivas" que están a poñer en perigo a "unidade española", consagrada pola Constitución , a transición política e a reforma política da Ditadura onde todo quedaba  "atado e ben atado". E  como nesta construcción  hai moitos vicios agachados o mito desa España pouco a pouco vaise desfacendo  pese o recoñecemento internacional como Estado que terma de dito mito facendo uso da súa forza e de todos os poderes para impoñer as outras Nacións a súa soberanía e a todos os  seus moradores unha nacionalidade exclusiva, que posiblemente ningún destes dous dous partidos (PSOE -PP), van poder soster  por moito tempo o seu hexemonismo pola vía democrática. 
 
Aínda hai ben xente que a súa comodidade vital reside no  internet e nas redes sociais e comunicarse cunha Chinesa, un de Madagascar ou con moitos e moitas descoñecidas ao longo do Mundo e pola contra non falan coa súa veciñanza ou mesmo fuxen dela para calquera facer en común. Conforman con ese saber obtido ás presas e teñen unha firme disposición para dar leccións sobre calquera asunto. Mais non se decatan que, recoñecer a ignorancia propia e dos demais sobre calquera temática é unha habilidade valiosa e necesaria para xerar unha conciencia crítica do manexo informativo de hoxe. Que bo sería facer de novo unha aprendizaxe que nos permitira saber que sabemos moi pouquiño.
 
Recoñecer que hai cousas que non sabemos non é doado. Porque non só dá medo, senón tamén nos pon nun lugar de suposta inferioridade. Non saber supón o “mal” e saber, o “ben”. Esta dicotomía  é un atranco na nosa aprendizaxe da vida. Se pensamos que o sabemos todo, que nos queda por aprender?
 
Hoxe xa está nacendo unha nova xeración que vai ser centenaria nos países máis desenvolvidos, aínda que as desigualdades serán maiores entre o Norte e o Sur Global. Hoxe a información ten unha dependencia exclusiva da publicidade e ninguén pode agardar por un xornalismo sen dependencias. Todo el, está  o servicio dunha liña editorial. Somos vítimas e cómplices deste xornalismo na tv, na radio, no papel prensa e en calquera das ofertas informativas, que hai tempo foron e seguen a ser deseñadas e o máis achegadas posible ao que queremos ver, escoitar e ler logo dunha preparación dunha realidade amañada pola propiedade da liña editorial.
 
Nada foi e será de balde e a nosa liberdade e supervivencia vai depender fundamentalmente de nós mesmos, dos nosos  e do noso. Unha probatoria do que está acontecendo na transición dos vellos modelos de produción baseados nas enerxías fósiles as renovables estase a facer desde un deseño publicitado nos medios de comunicación e pagados polas empresas interesadas  baixo o formato dunha "transición xusta" no caso de As Pontes ou para vendernos "un proxecto ecoloxicamente  sen afectacións para o medioambente" no caso de Altri en Palas. 
 
Conformaría con que unha maioría das persoas con dereito a voto nestes tempos tan luxuriosos para a información viral e as desinformacións, soupésemos recoñecer os intereses económicos, políticos, culturais e ideolóxicos que se agachan detrás da producción e circulación dos contidos falsos ou enganosos e identificar a existencia de xente que quere conducirnos o caos en beneficio propio.

Un ancián recibe atención
Un ancián recibe atención | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.