A carta de Sánchez

O rebumbio provocado pola suspensión das actividades públicas de Pedro Sánchez durante 5 días convida a realizar algunhas reflexións sobre a orixe e as eventuais consecuencias de semellante decisión.

Por Xesús Veiga | Compostela | 07/05/2024

Comparte esta noticia
As motivacións invocadas na carta do presidente do goberno do Estado aluden a temáticas que levan presentes varios anos na vida política española. Por exemplo: a utilización deliberada de informacións falsas sobre persoas, entidades cívicas e organizacións políticas por parte dalgúns medios de comunicación que se moven na esfera da dereita e da ultradereita e que reciben importantes volumes de recursos públicos, especialmente procedentes do goberno da Comunidade de Madrid, encabezado por Díaz Ayuso. Ou tamén: o comportamento inadecuado dalgúns xuices, sempre dispostos a iniciar dilixencias procesais a partir de "informacións" publicadas por determinadas webs e que posteriormente son arquivadas noutras instancias xudiciais (por tanto, con nulo efecto penal pero con evidente erosión da reputación das persoas e grupos afectados). E algo mais: o uso frecuente de insultos e agresións verbais en concentracións diante das sedes de partidos ou dos domicilios particulares (lembrese o sucedido con Pablo Iglesias e Irene Montero así como o acontecido durante moitas noites na madrileña sede socialista da rúa de Ferraz).
 
Todos estes fenómenos derivan do comportamento seguido polo PP (e, mais tarde, por Vox) a respecto do non recoñecemento da lexitimidade dos resultados electorais que non lle son favorábeis.   Este proceso comezou hai agora 20 anos, cando, o PP de Rajoy e de Aznar non aceitou o triunfo acadado por Rodríguez Zapatero, no mes de Marzo de 2004, despois do grave atentado islamista rexistrado tres días antes e que a dereita política e mediática pretendeu atribuír a ETA. Tamén cuestionaron, no ano 2018, a lexitimidade da moción de censura que propiciou a saída de Rajoy e a chegada de Sánchez á Moncloa. Dous anos despois, no 2020, Pablo Casado e Abascal rexeitaron o goberno de coalición entre PSOE e UP (co apoio de formacións nacionalistas de Euskadi, Catalunya e Galiza) porque, supostamente, resultaba incompatíbel coas "esencias" da España constitucional.
 
A decisión de Sánchez foi adoptada con ese pano de fondo pero tivo dúas singularidades relevantes: a propia condición presidencial do autor da carta e o mecanismo elixido para transladar a reflexión. No canto de facelo a través do partido que encabeza, o dirixente socialista interpelou directamente ao conxunto da cidadanía sen o que o PSOE fose coñecedor previo da iniciativa tomada nin tampouco existise un debate posterior no seo da súa estrutura organizativa. Velaquí unha característica relevante do tempo que estamos a vivir. O mantemento dos partidos políticos como ferramenta de representación e relación cos distintos sectores sociais está sendo compatíbel cunha dinámica moi intensa de consolidación de fortes liderados asociados a cada unha das forzas existentes. Mesmo nos casos exemplificadores do que -no ámbito do Estado español- se ten chamado "nova política" (Podemos, Ciudadanos), o hiperliderado foi mais determinante que as propias estruturas partidarias xeradas. En moitos momentos semella que resulta mais operativa a relación entre o corpo electoral e o lider ou a lideresa que a vinculación dos votantes coas siglas das organizacións.
 
Descartada a enquisa publicada recentemente polo CIS, por carecer da solvencia mínima esixíbel, ficaría pendente coñecer cómo foi recibida a iniciativa de Pedro Sánchez entre os distintos sectores sociais. Se, finalmente, a opinión maioritaria consistise en considerala unha sobreactuación típica de todas aquelas persoas que desempeñan responsabilidades na vida política, estariamos ante a confirmación da distancia notábel que se ten establecido entre representantes e representados. Noutras palabras: a pesar de que Sánchez manexou elementos emocionais explícitos nos seus argumentos, a meirande parte das persoas só terían percebido cálculo político. Na realidade, esta disociación ven existindo dende hai tempo: mentres as elites políticas utilizan, habitualmente, criterios de comportamento baseados na lóxica racional, unha boa parte dos seus votantes acoden (ou non) ás urnas con importantes doses de pensamentos emocionais.
 
Haberá que ver -nas vindeiras semanas e meses- se o chamamento do presidente do goberno en favor dunha "rexeneración democrática" vai mais alá dun debate -polo demais, sempre necesario- no ámbito das institucións políticas e nos medios de comunicación. Os asuntos que están enriba da mesa son ben coñecidos: reformas legais na xudicatura para superar o bloqueo do PP á renovación do CXPX e para dificultar as prácticas de "lawfare" que protagonizan algúns maxistrados; medidas que aseguren a transparencia e o control das axudas públicas ás empresas de comunicación; revisión e/ou creación de códigos éticos que presidan a actuación dos distintos responsábeis das Administracións... Existirán as maiorías políticas e sociais requiridas para efectivizar semellantes obxectivos?
 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, á súa chegada a unha sesión de control ao Goberno
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, á súa chegada a unha sesión de control ao Goberno | Fonte: Jesús Hellín - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.