O PSdeG ve na reforma da PAC unha "oportunidade" para os agricultores galegos: menos controis, sancións e burocracia

Lara Méndez destaca que a redución da carga burocrática a pequenas explotacións beneficia especialmente a Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, destacou que a nova reforma da PAC aprobada o mércores no Parlamento Europeo representa unha "oportunidade" para os agricultores galegos. Así o sinalou nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, na que lembrou que a delegación socialista no Parlamento europeo apoiou o texto para que a flexibilización da normativa entre en vigor con tempo para incorporarse ás solicitudes desta campaña.

Na súa intervención, negou que esta revisión específica supoña suprimir a ambición ambiental da nova PAC, senón que mantén o equilibrio entre a transición a unha agricultura máis sustentable e o incremento da flexibilidade que requiren os agricultores dos estados membros. Lara Méndez dixo que beneficia particularmente a Galicia porque "a maioría deles verán reducidas as esixencias ás que estaban sometidos e que non tiñan moito sentido polo tamaño das explotacións".

Así, indicou que coa nova redacción, os agricultores con explotacións inferiores ás 10 hectáreas quedan eximidos dos controis e sancións relacionados co cumprimento da condicionalidade, o que reduce significativamente a carga administrativa para os pequenos agricultores, que na UE son o 65 por cento dos beneficiarios da PAC e en todo o Estado suman 345.000 propietarios.

A socialista resumiu que a reforma simplifica os trámites administrativos e algunhas ambicións ecolóxicas, como as necesidades de barbeito. Ademais, sinalou, as modificacións poderán ampliarse ata o ano 2027, concedéndolle continuidade para que os agricultores saiban que "non vai ser algo temporal, senón que se vai a estender durante todo o período da PAC".

A vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, en rolda de prensa
A vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta